DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel mídense os equipos gañadores das ligas universitarias dos tres campus

O torneo Intercampus reúne en Pontevedra máis de 200 deportistas 

A competición abrangue cinco modalidades deportivas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 10/03/2022

Preto de 220 deportistas, alumnos e alumnas da Universidade de Vigo, participan ao longo deste xoves en Pontevedra no torneo Intercampus, a fase final das ligas universitarias que nos últimos meses se desenvolveron nos tres campus da institución académica. Con competicións en cinco modalidades e catro instalacións deportivas da cidade como sedes, recupérase unha xornada unha competición que non se disputaba desde febreiro de 2020, despois de que a covid-19 impedise o desenvolvemento das ligas internas na Universidade o pasado ano. 

Tras a súa recuperación neste curso 2021-2022, un total de 968 estudantes, 880 alumnos e 88 alumnas, competiron nestes meses nas ligas universitarias desenvolvidas nos tres campus, unha cifra un 11% por cento inferior á rexistrada no curso previo á pandemia. “Aínda que nalgúns deportes si que houbo menos inscritos, en liñas xerais houbo unha boa participación”, sinala nese senso o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus, Gustavo Loureiro, que incide no positivo de “poder recuperar” despois de dous anos unha competición que se busca sirva tamén “como unha xornada de convivencia para o alumnado participante, na medida en que o permitan os horarios dos diferentes partidos”.

Catro sedes, 16 equipos

Como explica Loureiro, no Intercampus mídense os equipos gañadores das ligas internas de cada Vigo, Ourense e Pontevedra, agás naqueles casos nos que o número de inscritos non permitiu levar adiante a competición. Coa colaboración nas organización de seis estudantes do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, da man da Delegación de Estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o torneo lévase a cabo en catro sedes simultáneas ao longo dunha xornada que arrancou ás 9.00 horas coa chegada das delegacións e se estenderá ata o remate da última competición, ás 18.00 horas, e a entrega de premios.

O Intercampus botou a andar ás dez da mañá no Pavillón Universitario coas competicións de baloncesto masculino e feminino, a primeira delas un triangular entres equipos dos tres campus, mentres que na segunda medíronse as representantes de Ourense e Pontevedra. As instalacións universitarias foron tamén a sede da competición de fútbol sala masculino, na que se mediron Pontevedra e Vigo, mentres que os partidos de fútbol masculino leváronse a cabo no campo municipal de A Xunqueira, neste caso coa participación de catro equipos, xa que Vigo, o campus que contou con maior número de participantes na liga interna, conta con dous representantes. Preto de alí, no Multiusos da Xunqueira, tivo lugar a competición de voleibol mixto, un único partido no que se mediron os conxuntos de Ourense e Vigo, mentres que o campo municipal de Monteporreiro foi a sede do torneo de rugby 7 masculino. 

Tras esta fase final das ligas, a seguinte cita do deporte universitario será o Campionato Galego de deportes colectivos, que terá lugar na Universidade da Coruña os días 17, 22 e 23 de marzo. 

Tres vitorias para os equipos pontevedreses

No referido os resultados, os equipos do campus de Pontevedra lograron a vitoria en tres das seis competicións. En fútbol masculino, o conxunto pontevedrés superou por 2-0 a un dos equipos de Vigo nas semifinais e por 4-1 ao outro na final; mentres que en fútbol sala o conxunto do campus derrotou ao vigués por 4-2. Tamén se impuxo neste Intercampus o equipo masculino de baloncesto do campus, mentres que na competición feminina o triunfo foi para as ourensás, que derrotaron 48-45 ás pontevedresas. Ourense impúxose tamén a Pontevedra en rugby 7 masculino, nun partido que rematou 29-7, mentres que o equipo de voleibol mixto de Vigo gañou a Ourense por dous sets a un en voleibol mixto.