DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola Escola Xadrez Pontevedra, desenvolverase este sábado 14 na facultade

O Torneo Internacional Ramón Escudeiro Tilve retorna a Ciencias da Educación e do Deporte

A inscrición permanece aberta ata este xoves ás 20.00 horas 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 09/01/2023

A finais de 2019, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acollía por primeira vez o Memorial Ramón Escudeiro Tilve, un torneo internacional de xadrez que a pandemia obrigou a converter en virtual os dous anos seguintes. Promovido pola Escola Xadrez Pontevedra e inserido na colaboración que manteñen este club e a Universidade de Vigo, a competición recupera neste 2022 o seu formato presencial e faino de novo neste centro do campus pontevedrés. Será este sábado 14 de xaneiro, cando deportistas de diferentes países e de todas as idades se reunirán nun torneo que se desenvolve na modalidade de xadrez rápido e que mantén aberto ata este xoves o seu período de inscrición.

Promovido coa colaboración da UVigo, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o Concello de Pontevedra e Cerámica Perdigón, o XI Memorial Ramón Escudeiro Tilve é un torneo oficial da Federación Internacional de Xadrez, computable para o ránking Elo Rapid Fide, que se disputa polo sistema suízo de competición, cun total de oito roldas. As inscricións nun torneo no que se repartirán 1300 euros en premios nas súas diferentes categorías manteranse abertas ata este xoves ás 20.00 horas a través do correo electrónico escola@xadrezpontevedra.com. A participación ten un custo de 15 euros para as e os xadrecistas da categoría xeral e de 10 para os xogadores sub16 e veteranos, así como para os membros do club e da comunidade universitaria. 

Volta á presencialidade tras reunir máis de 400 participantes

Despois de que na edición de 2019 competisen na facultade 94 deportistas de cinco nacionalidades, o paso obrigado á modalidade virtual contribuíu nos últimos dous anos a que o torneo aumentase o seu número de participantes, ata alcanzar os 454 deportistas de 35 nacionalidades. “Hai que recoñecer que foi unha situación excepcional, na que apenas había competicións presenciais”, recoñece García da afluencia lograda na versión virtual deste evento. 

Non obstante, a pesar de ser unha competición oficial, na que participan xadrecistas profesionais, o “perfil maioritario é o amateur”, o que fai que “a compoñente social” sexa un factor relevante para un memorial que disputan xadrecistas de todas as idades. “Unha das imaxes máis bonitas dos nosos torneos é a do veterano ou veterana gozando no taboleiro fronte a un neno que ás veces ata se ten que pór de xeonllos na cadeira para alcanzar as pezas”, recoñece García. De feito, esta previsto que entre as e os participantes figuren tanto as e os deportistas máis novos do club como, por exemplo, o alumnado da materia de xadrez que García imparte no Programa Universitario para Maiores da UVigo. Ademais, como lembra o director do torneo, o feito de que se dispute co sistema suízo permite que non se elimine a ningún deportista, de tal xeito “que todos xogan as oito roldas e, conforme avanza competición, vanse emparellando á xente da mesma puntuación, igualando así o nivel dos contrincantes”.

Nese senso, a pesar de que a opción virtual “é un recurso magnífico en situacións excepcionais como o confinamento ou para eliminar barreiras xeográficas”, os promotores desta competición valoran o positivo de recuperar o formato presencial para un memorial que rende homenaxe ao que fora xadrecista do club Ramón Escudeiro, falecido en 2012, un deportista invidente que logrou un bronce nun mundial e que foi tamén alumno da Facultade de Fisioterapia. 

Participación de mestres internacionais

Aínda que o retorno á modalidade presencial e o cambio de datas dun torneo que habitualmente tiña lugar a finais de ano fan difícil estimar o número de participantes que finalmente se reunirán no pavillón de Ciencias da Educación e do Deporte, o memorial conta a día de hoxe con preto de 50 inscritos. Entre eles, atópase a mestra internacional peruana Karen Zapata e os mestres FIDE galegos Xulio do Prado, David García, Samuel Villar e Rubén Fernández. Este último, integrante do EXP-Universidade de Vigo, é ademais “todo un especialista” no xadrez rápido, como lembra García. De feito, Fernández acadou en 2019 a medalla de bronce no mundial desta modalidade, “a única que ata a data conseguiu o xadrez galego”.