DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira está dirixida a dar a coñecer unha modalidade deportiva similar ao voleibol 

Un torneo de ‘spike ball’ e unha competición de ‘press banca’ súmanse ás actividades deportivas do campus 

A competición está aberta aos usuarios e usuarias do abono Muver

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 23/11/2021

Xurdidas das propias demandas e intereses dos usuarios e usuarias do Pavillón Universitario, a Área de Benestar, Saúde e Deporte suma nas próximas semanas dúas novas propostas ao abano de actividades que desenvolve no campus pontevedrés. Por unha banda, a partires do 14 de decembro terá lugar un torneo de exhibición de spike ball por parellas, dirixido a dar a coñecer entre a comunidade universitaria unha modalidade deportiva similar ao voleibol. Previamente, o martes, xoves e venres da vindeira semana desenvolverase unha competición individual de press banca na sala de cardio-fitness do pavillón, neste caso dirixida aos usuarios e usuarias do abono Muver.

Aberto á toda a comunidade universitaria, o torneo de exhibición de spike ball xorde co obxectivo de “intentar que máis xente coñeza esta modalidade”, sinala o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte Gustavo Loureiro. Ata o 13 de decembro permanecerá aberta a inscrición unha competición dirixida a dar a coñecer unha modalidade na que, a diferncia do voleibol, non hai límites de campo e na que as dúas parellas teñen que conseguir golpear a pelota contra a rede sen que o equipo contrario teña posibilidade de devolvela. No torneo poden participar tanto parellas masculinas e femininas como mixtas e dará comezo o 14 de decembro, aínda que tanto a súa duración como o modelo de competición determinarase, como explica Loureiro, en función do número final de parellas inscritas.

Por outra banda, o campionato individual de press banca desenvolverase o martes 30 de novembro e o xoves 2 e o venres 3 de decembro, podendo escoller as persoas interesadas en participar unha destas tres datas. Consistente no levantamento de pesas, os participantes disporán, na data da súa celebración de tres intentos, dos que só computará o mellor. A clasificación final da competición rexerase polo sistema de puntos Wilks, que relaciona o peso levantado por cada persoa co seu propio peso corporal. Neste caso, o torneo está limitado a usuarios e usuarias do abono Muver ou a persoas que adquiran un bono de un día para o uso da sala cardio-fitness e a inscricións permanecen abertas ata este xoves 25 de novembro.