DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Rafael Vallejo coordinou unha publicación que recolle 313 obras 

A totalidade da obra realizada por Maside en Combarro reúnese nun catálogo

O Museo acolle tamén o vindeiro martes o Concerto das Letras Galegas do alumnado sénior

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Divulgación
  • Lingua Galega
  • Música
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 15/05/2019

Un total de 313 pinturas, debuxos e bosquexos, que Carlos Maside realizou en Combarro durante a estadía de tres meses que levou a cabo en 1952 nesta vila mariñeira reúnense por primeira vez no catálogo da exposición Carlos Maside en Combarro, 1952, que desde comezos de maio pode verse no Museo de Pontevedra. Coordinado polo catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Vigo Rafael Vallejo, comisario xunto a María Esther Rodríguez, da exposición que presenta máis dun cento destas obras, o catálogo complétase así mesmo con tres estudos “que permiten entender esa obra e ao artista na súa traxectoria vital e artística”, como explicou Vallejo na presentación desta publicación.

O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, acompañaron a Vallejo e Rodríguez Losada na presentación dunha publicación que, como salientou Leal, “non é un catálogo ao uso, senón dunha ampliación do que podemos ver na sala expositiva”, ao compilar por primeira vez a totalidade das obras realizadas en Combarro polo artista entre agosto e outubro de 1952. “Supón a primeira oportunidade de ter un volume tan grande de obra sintetizada, polo que seguro que se converterá nun referente inescusable para o estudo da obra de Carlos Maside”, engadiu Rey.

Un catálogo que traza un percorrido por Combarro

Os estudos Alí fun feliz. Maside en Combarro en 1952, de Rafael Vallejo; Maside, Combarro e a representación de Galicia, da historiadora María Esther Rodríguez; e O Combarro de 1952, de Vallejo e o historiador Andrés Dacosta, contextualizan neste catálogo a presentación de “toda a obra que o pintor fixo en Combarro”, como explicou o seu coordinador. Articulada en dous grandes apartados, que reúnen 210 debuxos e bosquexos e 103 pinturas, respectivamente, a publicación articulouse por unha banda seguindo un “criterio didáctico”, de tal xeito que a obra preséntase “organizada polas paisaxes de Combarro, os seus lugares e espazos”, seguindo un “percorrido físico literal” pola vila de leste a oeste. En segundo termo, o catálogo reúne tamén os diferentes retratos que Maside realizou das xentes de Combarro e as obras nas que representaba “os seus traballos e os seus quefaceres”, que, ao igual que os lugares, na publicación recóllense de tal xeito “que os motivos próximos por temática van xuntos”, agrupando as diferentes representacións dunha mesma persoa ou motivo. 

“Maside representa en Combarro os espazos e as xentes que apreciaba, a Galicia coa que está identificada”, concluíu Vallejo dun conxunto que obras que, coa excepción dun cadro, non foran expostas en vida do artista e que “Maside valoraba”, como demostra unha carta que o artista envíou en 1956 a Luis Seoane, explicou. Nese mesmo senso, a biógrafa do pintor Rodríguez Losada salientou como “impensable” que, en 1952, cando Maside “era un represaliado político e un home que padecía unha enfermidade crónica”, pero tamén unha persoa “cuns principios inquebrantables”, dese forma a “algo tan definitivo e tan abraiante”.

Nova cita coa balada galega

Ademais de acoller a exposición de Carlos Maside, o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra será o vindeiro martes do Concerto das Letras Galegas que promove a asociación de alumnado e ex-alumnos sénior do campus Asaexs. A cita que, coa colaboración da Vicerreitoría do campus, Museo e Deputación, esta asociación promove por segundo ano consecutivo terá de novo como eixo o xénero da balada ou zarzuela galega. “Trátase dun xénero quizais non moi coñecido e a verdade é que o ano pasado resultou moi interesante, polo que a idea era repetilo”, sinala José María Fernández, presidente de Asaexs, dunha iniciativa impulsada pola soprano e alumna do Programa para Maiores da Universidade Loli Crespo.

Esta soprano lírica, que cursou estudos no CMUS de Vigo e que actuou ao longo da súa traxectoria con formacións como a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Nacional Portuguesa ou a Orquestra de Cámara de Galicia, será a encargada de pór voz a un recital no que estará acompañada ao piano por Rosa Biveiniene, formada na Academia Nacional de Música e Teatro de Vilnius (Lituania) e profesora do Conservatorio Superior de Música e de Vigo, e á frauta traveseira polo tamén docente neste centro e colaborador habitual da Orquestra Sinfónica de Galicia Fernando Raña. Conxuntamente, interpretarán, nun concerto programado para as 20.00 horas, con entrada libre ata completar aforo, un repertorio conformado, entre outras pezas, por baladas que musican poemas de Rosalía de Castro e Curros Enríquez, pola zarzuela galega A lenda de Montelongo, de Bernardo del Río, así como por unha serie de pezas procedentes de óperas de Puccini, Bizet ou Verdi e de zarzuelas de Sorozabal, Chapí ou Barbieri. O recital verase complementado así mesmo coa intervención do profesor e musicólogo Javier Jurado, titulado superior en Música polo Conservatorio de Vigo e doutor pola Universidade da Coruña cunha tese dedicada á zarzuela galega.