DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recibíronse máis cun cento de solicitudes para participar no programa Campus Rural

De Trabada a San Amaro, o alumnado da UVigo aposta por un futuro laboral vinculado ao rural galego

Os 14 estudantes seleccionados farán prácticas de 3 meses en concellos de menos de 5000 habitantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI 26/05/2022

Celia Pérez estuda Ciencias Ambientais e este verán realizará prácticas profesionais nunha empresa de innovación forestal no concello de Paderne; Beatriz Felpeto é alumna do Grao en Dirección e Xestión Publica e para facer as súas prácticas elixiu o Concello de Trabada, mentres que Willkar Vale, alumno de Enfermaría, terá como destino unha residencia de anciáns no ourensán concello de San Amaro. Son tres dos estudantes seleccionados para participar na primeira edición do programa de bolsas Campus Rural, unha iniciativa promovida polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico en colaboración co Ministerio de Universidades e a Crue, Conferencia de Rectores das Universidades Españolas, no que participa a Universidade de Vigo e que lle permitirá a 14 estudantes dos tres campus, oito homes e seis mulleres, ter unha das súas primeiras experiencias laborais en pequenos concellos do rural galego.

Ofrecíanse un total de 12 bolsas de tres meses de duración e un importe mensual de 1000 euros brutos; cada estudante podía elixir destino entre 43 opcións de prácticas espalladas por concellos, empresas e entidades de diferentes localidades de menos de 5000 habitantes. Recibíronse máis dun cento de solicitudes e, finalmente, seleccionáronse 14: as 12 que lle correspondían á UVigo, e outras dúas que lle foron concedidas a maiores por quedar vacantes noutras institucións.

A convocatoria estaba aberta a todas as titulacións e a resolución definitiva das bolsas concedidas reflicte claramente que a aposta polo rural non entende de ámbitos, senón que se trata de algo transversal.  Son 14 estudantes de nove titulacións: Grao en Dirección e Xestión Pública (2), Bioloxía (2), Educación Primaria (2), Ciencias Ambientais (2), Enxeñaría Forestal (2), Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, Enfermaría, Administración e Dirección de Empresas e Educación Social.

A ilusión de coñecer en Trabada como funciona un concello por dentro

As administración locais serán o destino de estudantes como a alumna de Dirección e Xestión Pública Beatriz Felpeto, que realizará estas prácticas no Concello de Trabada, na Mariña Oriental de Lugo. “O que me levou a participar no programa foron as ganas de ver como funciona realmente a organización interna dun concello e tentar esclarecer a que me quero dedicar cando remate o grao, así como adquirir un pouco de experiencia”, salienta a estudante, quen tamén destaca o “interesante” dun programa que lle dá a oportunidade “de achegarme ao mundo laboral e aprender máis aló de termos puramente académicos”.

Natural doutro municipio do rural lucense como Muras, Felpeto Rodríguez non se amosa tan optimista respecto de se o Programa Campus Rural contribuirá a achegar poboación nova ao rural. “O problema é moito máis estrutural. Porén, pode ser unha experiencia enriquecedora, sobre todo para a xente de cidade, que se decatará doutras realidades sociais”, salienta esta alumna, que realizará en Trabada tarefas “de rexistro, procesamento e tramitación de documentos, tarefas relacionadas coa xestión contable e atención á cidadanía”. 

Achegarse á innovación forestal desde Paderne

No caso de Celia Pérez, estudante do Grao de Ciencias Ambientais da Facultade de Ciencias, decidiu solicitar esta bolsa pensando en que “atopar un traballo para o verán sen experiencia previa nun área relacionada coa carreira é bastante difícil”, polo que vin nesta convocatoria unha oportunidade para facer algo relacionado coa miña titulación de maneira remunerada”. As súas prácticas serán en Orballo Innovaciones Forestales, empresa situada en Paderne e dedicada ao “cultivo e desenvolvemento de produtos responsables coa terra e os seus habitantes”, entre eles infusións e especias. “Escollín esta empresa principalmente por proximidade e pola vinculación da miña familia con Paderne”. Ademais, engade, “pareceume unha empresa que podería ofertarme formación que non teño e que me parece interesante, ademais de ter un perfil atractivo, xa que os seus valores están dentro do que me interesa”. Nas súas prácticas, Celia Pérez agarda “aprender moitas cousas e poder ver como funciona unha empresa destas características, xa que sería unha das miñas primeiras experiencias laborais”.

Coidados aos maiores en San Amaro

Willkar Vale, estudante de Enfermaría na Escola Universitaria de Povisa, elixiu como destino un centro de dia/residencia no Concello de San Amaro, comarca do Carballiño. “Por mor da pandemia non puiden facer prácticas curriculares neste tipo de servizos e estaba desexando poder facelo”, explica o alumno, ao que engade que o que máis ilusión lle fai é demostrarse a si mesmo que é un enfermeiro apto, que está preparado para o mundo laboral “ao que vou acceder en apenas un ano, cando remate a carreira e, por suposto, quedarme cunha experiencia no peto para poder aplicala en futuros escenarios, típicos e propios da enfermaría”. Vive nunha pequena aldea preto de Salvaterra de Miño, e coñece de primeira man o que supón vivir no ámbito rural, polo que, desde logo, isto non supuxo ningún freo á hora de pedir as bolsas.

 “Tanto nos centros de día como nas residencias os profesionais da Enfermaría conformamos unha parte fundamental do equipo multidisciplinar. Podémonos encargar da rehabilitación dos anciáns, darlles ferramentas que lles axuden a nivel social e psicolóxico, facer promoción da saúde e, evidentemente, realizamos técnicas propias da enfermería como pode ser a administración de medicación, a aplicación de curas, sondaxes, toma de mostras... Sempre priorizando o benestar e a calidade de vida das persoas coas que traballamos”.