DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un grupo da asociación Afaor visitou este mércores o museo pedagóxico do campus

Traballando a memoria, lembrando os tempos na escola

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 21/05/2025

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (Afaor) é unha organización sen ánimo de lucro que ten como principal obxectivo mellorar a calidade de vida dos seus usuarios e usuarias e apoiar ás persoas coidadoras e familiares. Entre as súas actividades está un taller de memoria. Unha vintena dos seus alumnos e alumnas visitaron este mércores a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e puideron lembrar os seus tempos na escola cunha visita ao museo pedagóxico que hai no seu edificio. Nela, fixeron memoria de anécdotas vividas, dos materiais e libros que empregaban cando eran nenas e nenos e dos mestres e mestras que coñeceron.

Na visita estiveron acompañados por Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, que amosou a súa satisfacción por acoller esta visita, que, indicou, enmárcase “na liña de colaboración do noso centro con entidades que traballan con colectivos diversos”. A responsable académica recalcou neste senso a filosofía do centro de “ser sempre unha facultade aberta a toda a sociedade”. Pola súa banda, o profesor Xosé Manuel Cid, encargado de guiar o percorrido, destacou a dilatada traxectoria de colaboración que ten Afaor con Educación e Traballo Social, desde prácticas a cursos de formación, e no caso concreto desta visita subliñou a importancia de visibilizar que “a sabedoría dos maiores é un capital importantísimo para todos nós”.