DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O historiador Ángel Arcay é o seu autor

Un traballo sobre o Parque do Pasatempo de Betanzos gaña o I Premio de Investigación e Divulgación Masonería Aberta

Unha publicación recolle o estudo galardoado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 30/11/2018

O I Premio de Investigación e Divulgación Masonería Aberta, convocado polo Instituto de Estudos Masónicos de Galicia coa colaboración da Facultade de Historia do campus de Ourense xa ten gañador. É o traballo do historiador Ángel Arcay O Parque do Pasatempo de Betanzos. Narrativas para comprender un patrimonio profano.

O galardón, convocado para estimular o estudo dos aspectos históricos e sociolóxicos do papel da masonería na Península Ibérica, e en Galicia en particular, e fomentar o coñecemento da masonería entre a cidadanía, está dotado con 1000 euros e a publicación do traballo por parte da entidade organizadora, publicación que será presentada este venres no campus de Ourense no acto de entrega do galardón.

Moi satisfeito por ter acadado este premio, Ángel Arcay sinala como o traballo premiado é un estudo que se presentou ao V Congresso Casa Nobre: Um património para o futuro, celebrado en decembro do 2017 en Portugal. A temática, apunta, xorde froito do feito de que “son membro da Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo, dende o que tratamos de difundir e conservar o legado deste parque a través de todo tipo de iniciativas”. Sobre o traballo premiado, o seu autor comenta como “nel estudo as narrativas que sempre se contaron para explicar o Parque do Pasatempo: que era unha especie de museo, unha aula máis das escolas García Naveira ou un parque enciclopédico, como dixo Luís Seoane”. Neste senso, sinala Arcay, “engado unha nova visión na que por fin quedan incluídas todas as referencias (esculturas, fontes, estanques, grutas, orografía, vexetación, etc.), e que sería a do xardín iniciático, onde cada un dos niveis achega os coñecementos que unha persoa ten que recibir en cada un dos graos masónicos, habendo un primeiro nivel para o profano non iniciado, outro para o aprendiz, outro para o compañeiro e un final para o mestre masón”.

Unha nova narrativa

Segundo explica o autor no estudo presentado “a proposta de interpretar o Parque do Pasatempo como un lugar de iniciación á masonería racha totalmente ca visión tradicional. Emprega a división por terrazas ou chanzos no que haberá que ir ascendendo nunha viaxe iniciática na que trataremos de avanzar na procura da luz da sabedoría, ao tempo que deixamos atrás a escuridade da ignorancia”. Así, comenta Ángel Arcay, “cada terraza representará un dos tres graos da masonería azul (aprendiz, compañeiro e mestre), onde quen comece dende un estado profano terá que ir aprendendo cas mensaxes que o maior dos Naveira vai colocando no seu camiño”. Con este deseño, engade o historiador, “o parque pode ser usado por masóns con e sen mandil, é dicir, por militantes da Orde que o poderán empregar como viaxe iniciática a través do método de aprendizaxe masónica; ou por persoas que aínda que sexan profanas recibirán o estímulo necesario na súa visita para prender a luz de todos eses valores cos que Juan García Naveira trata de iluminar o noso percorrido”.

Recoñecendo na publicación como “pouco ou nada se sabe da relación entre os García Naveira e a masonería”, o historiador, titulado pola Universidade de Santiago de Compostela, sinala no seu traballo como “considero necesario presentar esta nova narrativa onde cada figura dentro do Pasatempo cobre un significado, que a súa colocación non sexa froito do azar e que, en conxunto, transmita unha mensaxe que ata o momento non se conseguiu comprender”. O que moitos betanceiros da época consideraron un simple capricho dun indiano, detalla Ángel Arcay, “foi tamén a súa maneira de ensinarlle ao resto da vila o seu republicanismo, as súas crenzas, os seus valores e o seu sentido da historia”.