DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia de Ana Martínez, da cooperativa A Morada

Traballo Social afonda no enfoque feminista dos coidados e a discapacidade

Nela abordouse as diferentes discriminacións que viven as mulleres con diversidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Igualdade
  • Saúde
  • Académica
DUVI Ourense 15/05/2024

Nunha conferencia celebrada este mércores, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense afondou na relación entre xénero, coidados e discapacidade desde a perspectiva do traballo social e desde un enfoque feminista. A traballadora social da cooperativa A Morada Ana Martínez foi a encargada de abordar, en base ao traballo que realizan na súa entidade, esta temática e a intersección de discriminacións que conflúen no caso das mulleres con discapacidade.

A conferencia estivo financiada pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, na liña destinada a fomentar a introdución da perspectiva de xénero na docencia. A coordinadora da actividade foi Iria Vázquez, profesora de Socioloxía da UVigo, e a ela asistiu alumnado de primeiro curso do Grao de Traballo Social e persoas interesadas. Sobre a pertinencia da celebración desta conferencia, a súa responsable indicou que “é moi importante que o alumnado de Traballo Social se forme para a intervención social con diferentes colectivos e entre eles o das mulleres con discapacidade e é importante que o fagan desde un enfoque claramente feminista e lonxe de paternalismos ou ideas preconcibidas”. 

Traballar desde o colectivo

Para acadar este obxectivo, sinalou Iria Vázquez, convidouse a Ana Martínez, da que destacou que conta “cunha traxectoria de máis de dez anos traballando en diferentes entidades arredor da discapacidade e xénero, con grupos de mulleres”. A súa experiencia, apuntou, permitiu ao alumnado asistente á conferencia ver como se introduce o enfoque feminista no traballo de grupos de mulleres con discapacidade e como neles se afonda na relación co corpo e a autonomía persoal ou como se fai a detección das violencias machistas, entre outros aspectos.

Ao longo da súa intervención, Ana Martínez expuxo ao público asistente o proxecto da cooperativa A Morada, de Vigo, que presentou como “un espazo feminista, de encontro, de lecer, de formación, onde os coidados están no centro e conectados coa comunidade, pois concibimos os coidados desde o colectivo, non relegados á esfera individual”. Alén de abordar o enfoque desta entidade tamén falou dos proxectos que levan a cabo, centrándose no seu grupo de mulleres con discapacidade. “Esta é unha experiencia que levamos realizando xa hai cinco anos, con mulleres con parálise cerebral. Un experiencia horizontal na que nós, como profesionais, situámonos en igualdade co resto de mulleres do grupo e reflexionamos sobre temas que nos afectan ás mulleres e sobre a interseccionalidade entre muller e discapacidade, a dobre opresión que sofren as mulleres con discapacidade”, afirmou a traballadora social.  

A convidada explicou que neste grupo de traballo “falamos dos nosos corpos, da sexualidade e das opresións que teñen que vivir as mulleres con discapacidade desde que nacen ou desde algún momento da súa vida”. Entre esas opresións citou a falta de intimidade, a falta de acceso á información, as barreiras en ámbitos como o sistema sanitario, a sobreprotección, a infantilización, etc. A perspectiva elixida, engadiu, supón unha vía de traballo “reivindicativa, de visibilizacion, de transformar a contorna máis próxima destas mulleres”. Por último, Ana Martínez apuntou o interese que ten para o alumnado de Traballo Social coñecer estes grupos de mulleres. “É unha experiencia moi interesante para futuras profesionais que van a traballar no ámbito da discapacidade”, dixo, pois permítelles coñecer como “acompañar ás persoas desde outro lugar que non é a dinámica asistencialista, que é a que atopamos habitualmente na sociedade”.