DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas que se desenvolven ata o 9 de abril

Traballo Social tende pontes coas entidades e profesionais do sector

A través de nove sesións abórdanse cuestións de interese neste eido de especialización

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Ourense 02/04/2019

Desde o pasado 25 de marzo e ata o 9 de abril, a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolle a celebración das Xornadas de Traballo Social. Promovendo as relacións humanas. Durante nove sesións, achegaranse a este centro profesionais e especialistas do eido do traballo social co obxectivo último de tender pontes entre o alumnado e profesorado do Grao en Traballo Social e a realidade do seu exercicio profesional.

Do académico ao profesional

A cita, que conta coa colaboración da facultade, está organizada por profesorado do centro, estando Francisco Xabier Aguiar, coordinador do Grao en Traballo Social, e Xoán Lombardero e Ana Belén Méndez. “O pasado 22 de marzo celebrouse o Día Mundial do Traballo Social baixo o lema promovendo as relacións humanas. Por iso, na nosa facultade pretendemos aproveitar esta conmemoración para unirnos á reflexión, ao debate, para construír espazos de encontro e tecer relacións humanas entre alumnado, profesorado, profesionais e o conxunto da comunidade”, comentan desde a organización das xornadas.

A iniciativa, engaden os seus responsables, xorde ante a convicción de que “queremos un grao en movemento, aberto a toda a sociedade” e no marco do compromiso coa profesión, salientando “a contribución e o labor das e dos profesionais do traballo social como coñecedores e coñecedoras de primeira man da realidade social, líderes de cambio, da intervención social e impulsores da loita e a garantía dos dereitos sociais da cidadanía”.

Nove sesións

Todas as actividades son abertas e gratuítas ás persoas interesadas e ata o momento centráronse en cuestións como a situación actual e perspectivas de futuro da VIH; o traballo social, accesibilidade e comunidade xorda; a realidade do traballo social noutros países; o programa de acollemento familiar e de refuxiados; o gabinete de orientación familiar e a mediación familiar e o traballo social no ámbito da saúde. Este martes a programación continúa pola tarde con experiencias de traballo social grupal e comunitario, traendo ao campus traballadores e traballadoras sociais de diversas entidades, como a Asociación Española contra o Cancro ou o CDR O Viso.

Ata o día 9 de abril a programación continuará abranguendo temas como o profesorado de Traballo Social, o Colexio Profesional de Traballo Social de Galicia, as saídas laborais, o exercicio libre da profesión e o Grao de Traballo Social desde a perspectiva do alumnado, para rematar as sesións cun panel de investigación sobre traballos fin de grao nesta titulación. Entre a programación, os seus responsables salientan como este mércores, 3 de abril, impartirá unha conferencia no centro Patrocinio las Heras Pinilla, considerada “pioneira e referente en servizos sociais no estado español”, que falará da actualidade e do futuro do traballo social desde a mirada histórica e profesional.

Do curriculum de Patrocinio las Heras, os coordinadores das xornadas salientan “o seu especial compromiso co traballo social, o feminismo e a defensa do benestar social e a implantación do Sistema Público de Servizos Sociais en España”. Entre os seus méritos apuntan a súa contribución, como presidenta da Federación Española de Asociaciones de Asistentes Sociales, á superación da beneficencia pública na Constitución Española, “o que se recoñece como a conquista profesional máis importante que abriu o camiño á universalidade dos dereitos sociais para toda a cidadanía”. Tamén salientan aspectos como o feito de que é a coautora do libro publicado en 1979 Introducción al Bienestar Social, “texto referencial na formación de traballadores e traballadoras sociais e responsables institucionais en materia de benestar social e servizos sociais”.