DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do campus crea unha mostra sobre a menstruación e unha obra de teatro sobre as sufraxistas

Traballos que saen das aulas para contribuír á visibilización da muller

A exposición pode verse na entrada do Edificio de Ferro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Saúde
  • Teatro
  • Estudantes
DUVI Ourense 20/12/2018

Tania Gándara, Iria Junco, Sonia Leiro, Iria Liñares e Ana Mella e outras compañeiras e compañeiros da materia de Xénero e Educación Social do Grao de Educación Social elaboraron este cuadrimestre diferentes traballos feministas. Co desexo de visibilizar ese esforzo e contribuír con el á loita pola igualdade, levan agora as súas iniciativas, unha exposición sobre a menstruación e unha obra de teatro sobre as primeiras sufraxistas, fóra das aulas.

Contra os tabús na regra

Na entrada do edificio de Ferro xa se pode ver a mostra sobre a menstruación feita polas alumnas no marco da materia impartida polas profesoras da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense Carmen Armada e Purificación Mayobre. “O obxectivo que perseguimos con ela é romper cos tabús e estereotipos que existen ao redor da menstruación e achegar o noso grao de area á chamada revolución menstrual, coa que se pretende dar voz e visibilidade ao sangue menstrual”, comentan as autoras da mostra, Tania Gándara, Iria Junco, Sonia Leiro, Iria Liñares e Ana Mella.

Para a exposición, indican as estudantes de segundo curso de Educación Social, utilizaron distintos materiais, como cartóns, fotografías, pintura ou lenzos, e empregaron, “para facer a mostra máis artística e atractiva” obras de distintas autoras como poemas, pinturas e fragmentos literarios. Ademais, engadiron elementos especiais á exposición, como testemuños das súas nais, avoas e tías, e o propio sangue menstrual de varias autoras sobre lenzos. “Os temas que tratamos son os tabús que existen ao redor do mundo sobre a menstruación, a taxa rosa e os compoñentes dos métodos de hixiene convencionais, as alternativas aos mesmos e a menopausa”, comentan as creadoras da mostra.

Así, a persoa que se detén a ver a exposición pode ver desde como, por exemplo, na cultura hindú hai o mito de que se o home ten relacións sexuais con algunha muller coa menstruación perde a súa forza física, enerxía, sabedoría e cordura ata que as españolas gastan máis de 707 millóns de euros en produtos de hixiene menstrual ao ano. Tamén poden ler o testemuño de mulleres reais nos que falan da falta de información cando chegaron á menopausa e de como a viviron ou a viven, nuns casos como “un alivio” e noutros con moitos efectos na súa vida persoal. Ademais, poden coñecer como mulleres como Gloria Steinem reflexionaron sobre o feito de que se a menstruación fose cousa de homes “converteríase nun acontecemento masculino envexable e digno de orgullo”.

Sobre a elección deste formato de exposición e a súa saída das aulas para exporse no campus, as promotoras deste traballo pregúntanse “que visibilización conseguiríamos se só expuxésemos o noso traballo para as nosas compañeiras de aula?”. Sobre a valoración que fan da iniciativa aseguran que para elas esta mostra foi unha experiencia “moi enriquecedora” pola que se sentiron realizadas e onde conseguiron “empoderarse, romper as barreiras e medrar non só como alumnas senón tamén como mulleres e futuras profesionais”.

Mulleres sufraxistas

Ademais desta mostra, as alumnas de segundo de Educación Social crearon unha obra de teatro sobre “a segunda onda do feminismo, sobre como as mulleres conseguiron o dereito ao voto ao longo da historia”. “O obxectivo desta actividade é visibilizar o feminismo dunha forma diferente e máis atractiva, amosando a historia de mulleres como Clara Campoamor, Enmeline Pankhurst ou Elisabeth Stanton, entre outras moitas”, comentan as responsables da iniciativa.

A pesar da limitación de medios materiais, a posta en marcha desta iniciativa, indican as súas promotoras, “naceu do interese por parte do alumnado e das ganas de ir máis alá e afastarse así das presentacións convencionais, realizando unha actividade moito máis dinámica e que abarque máis público, o que ao fin e ao cabo se considera que é a esencia da educación social”. A primeira representación desta obra de teatro tivo lugar o pasado 12 de decembro para o alumnado de primeiro curso do Grao en Educación Social.

Pola boa acollida que tivo tanto a mostra como a obra de teatro, as alumnas responsables desexan levar estas pezas a outros contextos, especialmente do eido educativo, convidando ás persoas ou entidades interesadas a pórse en contacto con elas.