DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sabela Fraga abordou estes dous eidos desde a perspectiva de xénero en CCSS e da Comunicación

Tralas pegadas do patriarcado na historia da arte e da publicidade

En dous relatorios, esta egresada analiza como foron empregadas para transmitir determinados esquema

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 17/11/2016

Titulada en Publicidade e Relacións Públicas e estudante de Historia da Arte, a análise de como o patriarcado fai uso destes dous medios para trasladar e consolidar uns determinados esquemas e patróns constitúen o obxecto de estudo principal de Sabela Fraga, quen este xoves retornou á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para abordar a relación entre historia de arte e publicidade desde a perspectiva de xénero. “Pódese ver como unha relación xeracional, entre a irmá máis vella e a nova”, sostén esta egresada, que aborda en dúas conferencias como estes medios foron empregados para transmitir “o modelo de muller que máis lle conviña ao sistema en cada momento”.

Nun relatorio presentado polo decano, Xosé Baamonde e titulado Se non a vexo non o creo. Subvertindo a historia oficial, Fraga Costa denunciou como as mulleres foron incorporadas ao relato histórico “como unha excepcionalidade”, o que dá lugar a un “relato incompleto, que normaliza unha orde social excluínte”. Cuestionar e revisar ese relato, que “esqueceu á metade da poboación, presentando unha visión incompleta da realidade, silenciando a moitas mulleres que puideron e poden ser referentes para moitas xeracións”, constituía o eixo central dunha actividade na que a conferenciante puxo de relevo como “o coñecemento do pasado serve para comprender o noso presente e crear un futuro mellor”. Por ese motivo, subliñou a importancia de potenciar a perspectiva de xénero na formación universitaria, con materias propias sobre feminismo, para que os futuros e futuras profesionais de eidos como a comunicación “rachen dunha vez por todas con eses estereotipos”.

Como se construíu o relato

“Nun primeiro momento, o patriarcado serviuse das institucións artísticas, da realeza e da igrexa para ir tecendo un imaxinario ao seu favor, onde os homes eran protagonistas e as mulleres tiñan unha posición pasiva e submisa”, apuntou a conferenciante, que explicou na súa intervención como “coa auxe do capitalismo e dos medios de comunicación, a publicidade tomou o relevo da arte máis tradicional” na difusión deses “esquemas patriarcais”.

Neste punto, Fraga Costa criticou que, na actualidade, a publicidade “segue reforzando o papel da muller como obxecto sexual”, mentres que os anuncios dirixidos a homes “sempre están ligados ao éxito, para reforzar o seu poder e autoridade”, así como a súa “carga de violencia simbólica” ou que siga “diferenciando as tradicionais esferas entre o público e o privado”. De aí que que incidise na importancia da comunicación á hora de xerar “imaxes e contidos co poder de crear referentes”, o que a converte “nunha arma moi perigosa se non se contemplan conceptos como a igualdade e a xustiza” e lembrase que, “alén de vender produtos”, as mensaxes publicitarias transmiten valores “que poden ter unha incidencia clave en franxas de idade cada vez máis novas”.

Da ruptura de barreiras á herdanza en cuestión

Máis aló da denuncia, Fraga tamén quixo sumar ao seu primeiro relatorio unha serie de “momentos de motivación”, amosando ao alumnado unha serie de obras e proxectos de mulleres de diferentes épocas, “que racharon con todo tipo de barreiras machistas”. Xa pola tarde, ás 16.00 horas, esta análise da arte e a publicidade continúa cun segundo relatorio, A herdanza en cuestión, dirixido a amosar, a través de múltiples exemplos, “como se mantivo e normalizou a través dos séculos a cultura da violencia sexual”, abordando cuestións como “a importancia do corpo e a moda como unha forma de control e violencia simbólica”, para logo dar pé a un debate co alumnado sobre se “verdadeiramente a publicidade está dando pasos para conseguir a igualdade”.