DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición ‘La esencia caliente’ reúne na Sala X as obras de catro artistas de diferentes países

Tralas pegadas do realismo sucio na arte contemporánea

A mostra insírese na investigación que Manuel Mata realizou para a súa tese de doutoramento

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 17/12/2019

A ausencia do heroe, a irreverencia, a cotiandade, a autobiografía e a sinxeleza poden considerarse trazos definitorios do realismo sucio, un movemento literario xurdido na primeira metade do pasado século nos Estados Unidos e que tiña entre os seus referentes a autores como Raymond Carver ou Charles Bukowski. Eses mesmos trazos definitorios caracterizan a produción artística do estadounidense Dan Mathews, a chilena Lupe Pinar e os galegos José Batallán e Manolo Martínez, cuxas obras conforman La esencia caliente, a exposición inaugurada este martes na Sala X. Comisariada polo estudante de doutoramento da Facultade de Belas Artes Manuel Mata, esta mostra colectiva constitúe un dos resultados da investigación que desenvolveu para a súa tese e que centrou na busca de “referentes contemporáneos do realismo sucio” na arte. Referentes como os catro artistas novos que seleccionou para esta exposición, nacidos en 1992, ao igual que o propio comisario, que “pese a ofrecer discursos formalmente diversos presentan unha serie de trazos comúns que responden con coherencia aos marcados polo realismo sucio”.  

Dirixida pola profesora Almudena Fernández Fariña, a tese La esencia caliente. Una interpretación de los fundamentos del realismo sucio en el arte contemporáneo busca “ofrecer unha revisión actualizada e razoada” deste movemento literario, “ademais de amosar que existen unha serie de preocupacións comúns, a nivel internacional, nos autores contemporáneos”, explica o investigador. Así, o obxectivo da mostra que poderá visitarse na sala de exposicións do campus ata o 14 de febreiro é “dar corpo a teoría desenvolvida durante os últimos catro anos”, a través dunha serie de obras que son tamén “exemplos prácticos” desta investigación. Conformada por obras en moitos casos non expostas previamente, na inauguración desta mostra Mata estivo acompañado polo decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, que salientou na importancia “darlle vida á sala” con proxectos avalados “por todo o rigor dunha tese”; e polo director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela, quen subliñou “a aposta da Universidade polos novos valores”.

Textos, obxectos e imaxes

Caracterizadas pola presenza de elementos autobiográficos ou a sinxeleza técnica, o conxunto de obras que integran esta exposición permiten ver, como explica Mata, esas pegadas do realismo sucio en diferentes campos da arte contemporánea, desde o traballo con obxectos de Batallán, ás fotografías de Martínez ou o uso do texto nas creacións de Mathews e Pinar, cuxas obras preséntanse por primeira vez en España.  Así, La esencia caliente reúne 52 obras textuais de Mathews, un artista plástico “cuxas principais preocupacións son a narración breve, a irreverencia, o desencanto e a utilización de elementos da cultura popular desde unha perspectiva marxinal en mundana”, explica Mata. O texto é tamén o piar de Ecuaciones narrativas, de Lupe Pinar, unha creación nacida como libro de artista e que propón a “na desarticulación dunha linguaxe matemática” co obxectivo de “representar escenas cotiás a través dunha estética tradicionalmente definida pola súa frialdade e obxectividade”, como serían as fórmulas matemáticas. Na exposición preséntase tamén a serie Reza por mí, integrada por 89 fotografías instantáneas do pontevedrés Manolo Martínez, xunto coas instalacións de José Batallán, un artista galego que, como apunta Mata, “distínguese polo carácter ilegal implícito nas súas obras e a utilización de obxectos cotiás como eixo do seu discurso”, como serían neste caso as culleres e chaves roubadas que emprega para dúas das súas creacións.

Investigación e creación

“Son admirador tanto dos artistas como dos escritores do movemento e quería dedicar a miña tese a algo que realmente me gustara”, recoñece Mata que este venres defenderá na facultade unha investigación que, explica, "recolle os fundamentos” deste movemento literario, “ofrecendo ademais un manual práctico para trasladalos a outros campos da arte contemporánea". O investigador tratou para a súa tese de “atopar aos representantes contemporáneos do realismo sucio”, intentando abarcar “todos os campos artísticos”, de tal xeito que os catro artistas que cederon a súa obra para esta exposición remataron por converterse tamén nos “catro piares” desta investigación.

De feito, nas entrevistas realizadas para a tese, os catro sinalaron a escritores encadrados neste movemento como influencias, aspecto no que coinciden co propio comisario, cuxa produción, tanto artística como literaria, recoñece, “parte dos mesmos principios”. Nese senso, Mata combinou nos últimos anos as facetas como investigador e artista coa produción literaria, recoñecida o pasado ano co XIX Premio Gloria Fuertes de Poesía Joven polo seu libro El buen salvaje, publicado por Ediciones Torremozas. Xa no presente ano, Mata lograba nas últimas semanas o III Premio de Poesía Irreconciliables por Toda hora, que viu a luz este mes de mans de Editorial Cántico, e publicou tamén o libro de relatos El abecedario de una rosa (Editorial Dieciséis).