A programación promovida polo Campus Crea co apoio da Deputación esténdese ata este venres
A transformación dos espazos e o deseño en Galicia abren a Semana Crea
Diferentes facultades acollen nestes días conferencias, mesas de debate e obradoiros
Un debate sobre a transformación dos espazos para facelos máis inclusivos e participativos e un coloquio cunha das principais referencias do deseño en Galicia abriron este luns a programación da Semana Crea. Promovida polo Campus Crea, co apoio da Deputación de Pontevedra, abrangue un conxunto de actividades, abertas á cidadanía, que nesta edición buscan afondar nas transformacións vividas en diferentes ámbitos creativos por mor da irrupción tecnoloxías dixitais.
Baixo o título de Creatividades híbridas, entre o virtual e o matérico, trátase dunha semana de actividades que “xa ten moita tradición no campus” e que se desenvolve cada ano coincidindo coa conmemoración, o 21 de abril, do Día Mundial da Creatividade, como explicou a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto. Trátase ademais dunha programación “que se estende polas diferentes facultades” integradas no proxecto de especialización, pero que “non son só para o alumnado deses centros, senón abertas a toda a cidadanía”, subliñou Fernández Souto, pondo de relevo o carácter multidisciplinar desta programación.
Espazos que contribúan ao benestar e á aprendizaxe
Esta Semana da Creatividade abríase este luns na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte coa mesa Experiencias comunitarias na promoción de espazos activos, dirixida afondar, desde unha perspectiva multidisciplinar, en como facer os espazos urbanos, educativos ou deportivos “máis inclusivos, participativos ou sostibles”, como explicaba o profesor Roberto Silva, coordinador deste debate. Nel participaron Elena Belgrano, arquitecta especialista en pedagoxía e espazo público; Jaime Agulló, director do Servizo de Deportes do Concello de Pontevedra; e Javier Carrera, artista que desenvolveu diferentes intervencións en espazos culturais e deportivos. Partindo da concepción dos espazos “como unha contorna viva, en constante cambio”, destacou Silva, o obxectivo desta conversa era “actuar como punto de encontro entre disciplinas, promovendo o intercambio de experiencias e a construción colectiva de ideas que contribúan á potenciación dos espazos activos como ámbitos de benestar, aprendizaxe e expresión”. Nese senso, o debate afondou en temáticas como o papel dos “espazos deportivos abertos como motores de dinamización social e promoción da saúde”, no deseño arquitectónico e pedagóxico e a súa conexión coa comunidade ou na intervención artística no espazo público, “como medio de resignificación, identidade e participación cidadá”, explicou Silva, coordinador desta inicativa xunto coas profesoras Begoña Paz e África Martínez.
A promoción de “espazos activos” era ademais o eixe do concurso de ideas CREA-Espazos Activos, no que se convidaba á comunidades universitaria a traballar “na xeración de ideas innovadoras orientadas a recuperar, modificar ou optimizar espazos para o eido educativo, deportivo e de promoción da mobilidade e saúde”. Inserido tamén na programación desta Semana Crea, o debate viuse neste senso complementado pola presentación das propostas desenvolvidas polo alumnado no marco deste certame.
Construír Galicia desde o deseño
Tamén nesta xornada de apertura, a Facultade de Deseño acolleu unha conferencia de Pepe Barro, un profesional presentado polo decano, Marcos Dopico, como unha figura de referencia na historia do deseño en Galicia. Baixo o título de Construír Galicia desde o deseño, o seu relatorio permitiu afondar nos seus máis de 50 anos de traxectoria profesional nos ámbitos dos deseño gráfico e editorial. Esta deu como resultados, entre outros moitos, as identidades corporativas da Universidade a Coruña, do Consello da Cultura Galega ou de Edicións Xerais, a renovación museolóxica da Casa Museo de Rosalía ou o deseño da camiseta da selección galega de fútbol.
A programación continúa ao longo da semana
Tras esta primeira xornada, a programación da Semana Crea trasládase o martes e mércores a Belas Artes, onde a artista e investigadora María Castellanos imparte un obradoiro que conecta corpo, materia e tecnoloxía a través do concepto de “interfaces brandas”. Xa o xoves 23, a sede da Vicerreitoría acollerá ás 19.00 horas unha mesa de homenaxe a Contrapunto, a primeira axencia de publicidade española en acadar o Gran Prix do Festival de Creatividade de Cannes. Promovida coa colaboración de Creatividade Galega, o presidente desta asociación, Julián Abad, moderará unha mesa que reunirá tres dos directores xerais creativos desta axencia nos seus 52 anos de historia. Nomeadamente, participarán nesta conversa José María Lapeña, “unha das figuras máis influentes na renovación da publicidade española nos anos 80”, sinalan desde a organización; Antonio Montero, que contribuíu na década de 1990 e 2000 “a modernizar a linguaxe da axencia”, e o actual director xeral creativo, Carlos Jorge.
Tamén na tarde do xoves, terá lugar a conferencia Deseño no contexto dixital, que achegará á Facultade de Deseño ás e aos responsables do estudio Novagarda, especializado en proxectos dixitais e audiovisuais e en deseño web, recoñecidos nos últimos anos con diferentes premios Laus da Asociación de Diseño Gráfico y Comunicación Visual. Nesta xornada, terá tamén lugar unha presentación do proxecto Planta 6, unha iniciativa dun grupo de alumnas do Grao en Deseño, que traballan na creación dunha revista da facultade
Xa o venres 24, a Facultade de Comunicación acollerá a partir das 10.00 horas un obradoiro de escritura creativa, a cargo de Manel Loureiro, mentres que en Ciencias da Educación e do Deporte terá lugar a entrega de premios do concurso CREA-Espazos Activos.
Convocatoria dos VI Premios Crea
Coincidindo co inicio desta programación, este luns abríase o prazo de presentación de traballos aos VI Premios Crea, dirixidos a recoñecer “accións destacadas no ámbito da creatividade que impliquen á comunidade universitaria de diferentes ámbitos do coñecemento, e que axuden a situar e consolidar o campus de Pontevedra como un referente en temáticas relacionadas coa creatividade”, segundo recolle a convocatoria.
O seu propósito é “premiar investigacións, publicacións, obras creativas e proxectos vinculados coa creatividade, nun sentido amplo, e adscritas ás liñas de investigación propias” do proxecto de especialización. Co prazo de inscrición aberto ata o 31 de xullo, trátase duns premios para os que se establecen dúas categorías. Unha delas está destinada a proxectos dos que cando menos un dos autores e autoras sexa persoal docente e investigador adscrito ao Campus Crea, que optarán a un premio económico de 1500 euros. Na segunda modalidade só pode concorrer alumnado de graos, mestrados e programas de doutoramentos adscritos ao campus de especialización, outorgándose un premio de 750 euros á proposta gañadora.
As solicitudes para participar neste premios deberán presentarse a través da sede electrónica da UVigo e incluír unha breve descrición da obra ou proxecto, unha memoria explicativa da proposta e un arquivo dixital que recolla a investigación, publicación ou obras creativas presentadas. As candidaturas serán avaliadas por unha comisión “integrada por persoas de recoñecida traxectoria en distintos ámbitos”, tendo en conta criterios como a orixinalidade e creatividade do proxecto, a súa calidade técnica, o seu carácter interdisciplinar e a súa relevancia, pertinencia e valor engadido.
