DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita está organizada polo Club Natación Escualos

A travesía Encoro Os Peares contará entre as súas probas cun Trofeo Campus da Auga

A iniciativa é froito dun convenio de colaboración coa Universidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
DUVI Ourense 21/05/2018

O pasado día 8 de maio o campus de Ourense acolleu a sinatura dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Club Natación Escualos para a promoción da práctica da natación entre a comunidade universitaria e a poboación preuniversitaria da contorna. A primeira das iniciativas realizadas ao abeiro deste acordo será a celebración o día 10 de xuño do Trofeo Campus da Auga no marco do desenvolvemento da proba de natación Desafío Encoro Os Peares, organizado polo club ourensán. 

No convenio asinado por Salustiano Mato, reitor en funcións da Universidade de Vigo, e Fernando Troncoso, presidente do Club Natación Escualos, ambas entidades comprometéronse a colaborar no desenvolvemento dun programa de actividades de dinamización desta modalidade deportiva, como a organización de eventos deportivos, o desenvolvemento de escolas de iniciación e grupos de adestramento, xornadas de portas abertas, etc nas cales as persoas pertencentes á Universidade de Vigo terían condicións vantaxosas. Nesta liña de acción, preséntase agora a primeira edición do Trofeo Campus da Auga. 

1000 metros

Segundo explican desde o club organizador, cada ano desde a súa fundación no ano 2015 organizan a travesía Desafío Encoro Os Peares, “no corazón da Ribeira Sacra, nunha contorna espectacular na cal conflúen os ríos Bubal, Sil e Miño”. A proba, sinalan, “consolídase entre as diferentes probas organizadas na xeografía galega” e “cada vez máis se vai conformando como unha das datas clave no noso calendario de competicións”. No seu afán por “tratar de superarnos cada ano máis”, desde o club comentan que nesta ocasión incorporan varias novas modalidades, entre elas o Trofeo Campus da Auga. Será esta última, detallan, dunha travesía popular dunha distancia de 1000 metros cun recorrido rectangular, dunha volta ao circuíto, que dará comezo ás 11.15 horas aproximadamente. Haberá un trofeo para os tres primeiros clasificados. 

O Club Natación Escualos, indican desde a organización, naceu co obxectivo de promover un deporte saudable e participar e organizar actividades relacionadas coa natación. Cunha xa dilatada experiencia na promoción da natación deportiva na cidade de Ourense no ámbito federado, ten unha destacada vinculación coa Universidade de Vigo ao formar parte do mesmo varias persoas pertencentes á comunidade universitaria do campus ourensán. Esta vinculación, sinalan, deu un paso máis coa sinatura do convenio de colaboración que dá abeiro a este novo trofeo.