DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa intervención será o mércores 10 a través do Campus Remoto da UVigo

A traxectoria vital e profesional do emprendedor Hassan Ahmed centrará unha nova edición do ciclo 'Conversas'

O convidado falará da súa actividade en comercialización de lousa e granito galegos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Ourense 08/02/2021

No coñecido como “corno” de África, existe un país multiétnico chamado República de Xibuti, que con case un millón de habitantes comparte fronteira con Eritrea, Etiopía e Somalia. Xibuti é tamén o escenario onde comeza a historia de Hassan Ahmed, emprendedor que este mércores, 10 de febreiro, protagonizará unha nova edición do ciclo Conversas. Na súa intervención, organizada desde o programa Meta. Mentores de Empresariais e Turismo de Ourense, o convidado explicará a súa traxectoria vital e profesional, marcada pola mobilidade.  

Anécdotas, viaxes e ensinanzas

Debido á situación sanitaria provocada pola pandemia, a sesión desenvolverase a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo, estando aberta ao público interesado ata esgotamento das prazas dispoñibles. A actividade será presentada e conducida por Alexandre Lecompte, director comercial de UNVI e mentor de Meta. Segundo explica Lecompte, “sen dúbida algunha, Hassan ten unha traxectoria tanto a nivel persoal como profesional que non deixará indiferente a ninguén; unha traxectoria chea de anécdotas, viaxes e ensinanzas, particularmente interesante neste momento, cando as medidas tomadas para frear a pandemia da covid teñen pechado fronteiras e creado máis barreiras ao movemento de persoas”.  

“Hassan será o protagonista da sesión, achegando o seu grao de area a esta terceira edición do ciclo de Conversas”, subliñan desde a organización da actividade. Segundo detallan, o relator é descendente dos nómades do deserto do Danakil, criándose no baixo lago Assal, o lago máis salgado do mundo, na República de Xibuti. “De tribo somalí, Hassan tivo a oportunidade de vir a Europa aos 14 anos para estudar, primeiro en Francia e logo en Galicia, sabendo sempre integrarse á perfección”, sinalan. Hoxe, indican, “vive en Vigo, dirixindo a súa empresa de comercialización de lousa e granito galegos. O seu perfil e vivencias téñenlle permitido abrir e consolidar mercados no Norte de África, un empuxe comercial desde Galicia do que nos falará con entusiasmo na súa intervención”. O convidado, explican desde Conversas, “defínese como emprendedor”, fala somalí, árabe, francés, inglés e español, e é licenciado en Económicas pola Universidade de Le Maine (Francia) e Máster en Dirección e Xestión do Comercio Internacional pola Universidade de Santiago de Compostela. Durante a sesión, Hassan Ahmed tamén falará do seu país de orixe e das súas “vicisitudes e o seu papel no escenario xeopolítico actual en Oriente Medio”.

Primeira sesión de 2021

Con esta sesión arranca a programación de 2021 de Conversas, ciclo que desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense pretende achegar dun xeito ameno temas de actualidade á comunidade universitaria, e dáse continuidade ás actividades celebradas durante o primeiro cuadrimestre deste curso ao abeiro desta iniciativa. Así, anteriormente participaron o 9 de novembro o cociñeiro Pepe Solla, propietario de Casa Solla e un dos fundadores do Grupo Nove de cociña, e o 20 do mesmo mes o comunicador Luis Fraga. “Conversas consiste nun ciclo de conferencias de divulgación no que investigadores comparten escenario con profesionais, directivos, empresarios, emprendedores e outros axentes sociais”, lembra Ernesto López-Valeiras, coordinador xunto a Marcos Vázquez deste ciclo. Nas sesións abórdanse temas de interese xeral e/ou de actualidade relacionados co mundo da empresa e a súa relación coa sociedade e o medio ambiente. O obxectivo principal da actividade é "divulgar, promover o debate e a crítica de novos coñecementos, ideas e opinión a amplos colectivos sociais”, tal e como apuntan desde a súa organización.

As persoas interesadas en escoitar esta conferencia o mércores 10 de febreiro, ás 19.00 h, poden facelo no Campus Remoto da UVIgo, na sala de xuntas 2 da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, entrando en acceso estudantando coa clave cktI3TkZ no seguinte enlace. Hai cen prazas dispoñibles.