DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun debate celebrado este venres entre Carmen García Mateo, Jacobo Porteiro e Belén Rubio

As tres candidaturas á Reitoría da UVigo expoñen á comunidade universitaria as súas propostas de futuro para o campus de Ourense

Abordaron cuestións como as infraestruturas, o mapa de titulacións, a investigación e o estudantado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • Eleccións
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 24/04/2026

En plena campaña electoral á Reitoría da Universidade de Vigo, o edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense acolleu este venres o segundo dos debates electorais que se desenvolverán nos tres campus da UVigo entre as candidatas e candidato presentados. Carmen García Mateo (Nós Universidade), Jacobo Porteiro (ConSenso) e Belén Rubio (H2040) expuxeron ante a comunidade universitaria as súas propostas de futuro para o campus de Ourense en temas que abrangueron desde o mapa de titulacións e a especialización Campus Auga ata a investigación e a vida universitaria. 

Modelo de campus

O debate, moderado polo xornalista do Grupo La Región Antonio Nespereira, estivo articulado en catro bloques. O primeiro deles centrouse no modelo de campus proposto por cada candidatura para o seu mandato, abordando entre outras cuestións as infraestruturas e o papel que debe xogar o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta. Carmen García Mateo abriu a quenda de intervencións sinalando que “o noso proxecto ten un lema que é Todas as persoas, un proxecto e dentro del hai un papel protagonista tamén para o campus de Ourense” e avogou por incrementar a súa autonomía e descentralización. Trátase, dixo, dun campus cun alto nivel de especialización grazas ao Campus Auga e apostou por seguir avanzando na súa senda non só de especialización senón tamén de excelencia. No ámbito das infraestruturas destacou a necesidade de dotarse de novos espazos e de xeito especial tomar unha posición “proactiva e non só reactiva” no que se refire ao seu mantemento e conservación. 

Pola súa banda, Belén Rubio destacou que “o modelo de campus de Ourense que defendemos é o dun campus con identidade propia, forte institucionalmente, conectado coa cidade e co territorio, e especializado arredor do Campus Auga”. No caso deste proxecto de especialización, apostou pola súa consolidación, asegurar a renovación da súa acreditación e facilitar que todos os centros se beneficien destes fondos de especialización. No plano das infraestruturas recalcou, ademais da finalización do edifico de Aeronáutica, a importancia de humanizar o campus, de “facelo máis accesible para todos”. Outras medidas citadas pola candidata foron a construción dun anfiteatro, a modernización de espazos e a ampliación da residencia universitaria.

Jacobo Porteiro arrancou a súa intervención subliñando que o campus de Ourense “é un exemplo de integración dun campus na cidade” e apostou por avanzar nel “cun modelo claro e recoñecible, no que a especialización sexa unha ferramenta para reforzar a súa identidade”. Igualmente recalcou que o Campus Auga “é un exemplo de integración de esforzos, de éxito colectivo” e amosou o seu desexo de que este proxecto sexa un axente facilitador que atraia talento e financiamento para o campus. No eido das infraestruturas, sinalou que o campus ten unha forte necesidade de espazo e dixo que será necesario regular moi ben a reubicación de espazos que se fará tras a apertura do edificio de Aeronáutica.

Titulacións, docencia e internacionalización

No segundo bloque de preguntas, as candidaturas tiveron que responder á pregunta de que propostas teñen en profesorado, titulacións e internacionalización. Neste caso a primeira en intervir foi Belén Rubio, que sinalou que a proposta de H2040 pasa por consolidar e ampliar a oferta de titulacións “cunha planificación seria, partindo dos centros”, vinculada ás fortalezas do campus e garantindo recursos suficientes para cada nova implantación. Tamén indicou o desexo de impulsar a dimensión internacional da docencia, a oferta en inglés e promover dobres titulacións e alianzas internacionais. Porén, apuntou a candidata, “o piar fundamental de todas estas melloras é o profesorado”, destacando que “neste punto consideramos necesario continuar coas políticas de consolidación e estabilización, postas en marcha grazas ao bo traballo realizado por Adela Sánchez”. Entre as propostas neste aspecto citou o Plan Rexe de remuda xeracional e o Plan Equilibra, de redución de desequilibrios e reforzo de áreas con déficit docente. Vinculado co reforzo de titulacións e docencia tamén dixo que será preciso reforzar o PTXAS do campus de Ourense, que “se viu notablemente reducido na última RPT”. 

Jacobo Porteiro apostou por “enriquecer o mapa de titulacións” pero recalcando que a creación de novos títulos “debe ser planificada e realista, escoitando aos centros e combinada con fórmulas flexibles como dobres titulacións, itinerarios compartidos, microcredenciais e potenciando a formación ao longo da vida”. No que respecta á internacionalización, indicou que é preciso darlle pulo avanzando na oferta de formación en inglés, potenciar a captación de estudantado internacional e alianzas con universidades estranxeiras. No caso do profesorado, o candidato de ConSenso comentou que “é clave reducir a incerteza mediante planificación plurianual, criterios claros de promoción e convocatorias regulares que permitan atraer e reter talento”. O obxectivo, dixo, é crear unha contorna profesional atractiva, na que “o profesorado poida desenvolver a súa carreira con estabilidade, recoñecemento e apoio institucional”. Ademais, engadiu, a remuda xeracional de persoal que terá que enfrontar a Universidade nun escenario de cinco anos, require traballar para atraer xente “formada e capacitada”. 

Pola súa banda, Carmen García Mateo apuntou que a oferta académica do campus de Ourense “debe consolidarse desde unha idea clara: non se trata só de engadir títulos, senón de construír unha oferta coherente, atractiva e conectada coa especialización do campus, coas necesidades do territorio e coas oportunidades profesionais do estudantado”. Igualmente comentou o desexo de desenvolver unha liña específica de internacionalización deste campus. O campus de Ourense, dixo, está a medrar ano a ano en número e titulacións e captación de alumnado e iso provoca “tensións na dotación de profesorado”. Neste contexto, a proposta de Nós Universidade para o profesorado baséase en planificación e recoñecemento da carga real de traballo, apuntando que o campus de Ourense precisa unha planificación plurianual de persoal docente e investigador que teña en conta necesidades docentes, áreas tensionadas, relevo xeracional, especialización do campus e capacidade investigadora. Vinculado a este tema e apuntando que se trata “dunha reivindicación de toda a comunidade universitaria”, a candidata sinalou a intención de dotar de máis persoal a este campus. 

Investigación, transferencia e relación coa contorna

O debate seguiu cun terceiro bloque no que as candidatas e candidato explicaron as súas apostas para potenciar a investigación e a transferencia de coñecemento desde o campus de Ourense e reforzar a súa conexión co tecido social e económico. Jacobo Porteiro abriu este apartado apuntando a necesidade de “liberar de trabas e mellorar a axilidade” do traballo investigador. Así, sinalou que é necesario facilitar a captación de financiamento, reducir as cargas administrativas e, sobre todo, priorizar a retención e atracción de talento. O campus de Ourense, dixo, ten un gran potencial para reforzar a súa conexión co territorio a través da investigación e da transferencia, pero para iso “é imprescindible mellorar as condicións nas que se desenvolven estas actividades”.  

A seguinte intervención foi a de Carmen García Mateo, que comezou subliñando que “preservar o tempo dos nosos investigadores é un tema crucial do noso programa”. Así, recalcou que o persoal docente e investigador “está dedicando unha parte importante do seu tempo a tarefas de xestión que impiden a xestión real e efectiva das súas tarefas de investigación”, polo que apostou por “redeseñar os procesos e axustar as normativas para iso”. No eido da transferencia indicou que “queremos ser o departamento de I+D das empresas”. 

Por último neste bloque, Belén Rubio, debullou algunhas das medidas contempladas no programa de H2040, como crear unha xanela única de xestión e fortalecer a estrutura académica e investigadora, consolidar persoal, apoiar a remuda xeracional e reforzar os contratos predoutorais e posdoutorais. O talento investigador de Ourense, apuntou, “debe contar con máis apoio, estabilidade e proxección”. En transferencia, indicou que defende un campus comprometido socialmente, “con máis divulgación científica, voluntariado e presenza pública”.

Estudantado e vida universitaria

O cuarto e último bloqueo permitiulle ás tres candidaturas expor ante a comunidade universitaria medidas concretas para mellorar a experiencia universitaria no día a día. Os tres destacaron o seu desexo de mellorar esta vida universitaria con propostas en ámbitos como vivenda, mobilidade, benestar, cultura e participación. Entre outras medidas concretas Carmen García Mateo falou de propostas como ampliar os horarios das biblioteca e os espazos para traballo individual e en grupo, avanzar na bolsa de alugueiro e ofrecer ao alumnado asesoramento xurídico en temas de vivenda para poder afrontar problemas neste eido. Pola súa banda, Belén Rubio apuntou iniciativas como bolsas de aloxamento, manter as bolsas Ourense Rural, ampliar a residencia universitaria e estudar novas opcións de residencia e alugueiro accesible no casco histórico, ademais de impulsar o apoio psicolóxico e emocional. Por último, Jacobo Porteiro lanzou propostas como aumentar os espazos de encontro entre diferentes xeracións, crear a Casa do Estudantado, reforzar a acollida mediante programas de mentoría e unha bolsa de alugueiro con mediación para garantir prezos accesibles. 

A sesión, que se prolongou durante arredor de dúas horas, rematou coa correspondente quenda de preguntas e intervencións do público asistente ao debate, destacando as cuestións referidas ás demandas do PTXAS, o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos. 

Máis debates

Non foi este o único debate das eleccións á Reitoría da UVigo celebrado este venres no campus de Ourense. No mesmo edificio e xa pola tarde, as delegacións de alumnado das facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo organizaron un debate no que participaron as persoas propostas polas tres candidaturas para liderar a Vicerreitoría de Estudantado. Concretamente participaron Eva María Lantarón, proposta para vicerreitora de Estudantado e Captación na candidatura de Belén Rubio (H2040); Loli González, proposta para vicerreitora de Estudantes e Vida Universitaria na candidatura de Carmen García Mateo (Nós Universidade); e David Tizón, proposto para vicerreitor de Estudantado, Cultura, Lingua e Vida Universitaria con Jacobo Porteiro (ConSenso).  

Tras celebrarse a pasada semana o debate entre as candidatas e o candidato á Reitoría no campus de Pontevedra e este venres no campus de Ourense, esta xeira de debates continuará a vindeira semana co correspondente ao campus de Vigo, que terá lugar o día 30 de abril, e diferentes debates sectoriais.