DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores comezou o curso de extensión universitaria dedicado a esta problemática

Tres días para afondar na repercusión dos lumes nos recursos hídricos

A actividade celébrase no Concello de Muíños

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Visitas
  • Cultura
DUVI Ourense 05/06/2019

Desde hai 22 anos o Concello de Muíños acolle a celebración dun curso de extensión universitaria organizado por profesorado da Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Cada ano o seu foco de atención céntrase nunha temática concreta, sendo nesta ocasión a elixida o impacto dos lumes nos recursos hídricos, tendo en conta a actualidade e relevancia desta cuestión.

O curso, que se desenvolve ata o venres co título Os lumes forestais e a súa repercusión nos recursos hídricos, está dirixido polo profesor Francisco Javier Rodríguez e a profesora Mª Carmen Seijo e conta con 35 prazas, cubertas fundamentalmente por alumnado da Facultade de Ciencias. “No curso tratamos de avaliar, dende un punto de vista científico, a importancia que teñen elementos como a conservación da biodiversidade, a loita contra os lumes e a salvagarda dos recursos hídricos cara un futuro desenvolvemento sostible da nosa sociedade no século XXI”, comentan desde a organización da cita.

Medio ambiente e economía

Neste contexto, o curso, explican os seus responsables, intenta promover aptitudes e fomentar o espírito crítico respecto á xestión medioambiental e a súa influencia na natureza, pondo en valor a grande importancia que ten a protección dos espazos naturais protexidos como a Reserva Biolóxica Internacional Xurés-Geres, da que participa o Concello de Muíños. “O deterioro que está a sufrir durante os últimos anos o medio ambiente fai que as políticas actuais tendan cara un modelo social baseado no ecodesenvolvemento sostible. Isto quere dicir que no futuro haberá que compatibilizar o desenvolvemento económico eficiente cunha xustiza social distributiva e a conservación do medio ambiente”, afirman os coordinadores do curso.

A iniciativa ten lugar coincidindo coa celebración da Semana do Medio Ambiente e no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. “Hoxe en día os lumes é un dos elementos que causa os danos máis grandes no medio ambiente”, apunta Rodríguez Rajo. Así, lembra, os incendios forestais provocan a deforestación completa de zonas, a eliminación da capa superficial do solo e a erosión. Ademais, engade, a isto súmase o feito de que as cinzas provocadas polos lumes acaban en zonas costeiras e ríos afectando á vida neles, como poden ser na costa os grandes bancos marisqueiros. Tendo en conta esta relevancia tanto ambiental como económica, o curso, indican os seus responsables, céntrase precisamente nesta repercusión dos lumes nos recursos hídricos.

Unha visión multidisciplinar

Para falar destes temas achegaranse ao albergue do Concello de Muíños desde responsables na administración da loita contra os lumes ata especialistas do eido universitario. As conferencias arrancaron este mércores coa intervención de Alberto Pérez, do Concello de Muíños, que presentou ás e aos asistentes a política de medio ambiente que se desenvolve neste municipio. Seguiulle unha conferencia sobre os valores ambientais asociados aos recursos hídricos, dedicando especial atención ao Xurés, a cargo de Vicente Rodríguez, experto do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e asesor de Flora Ibérica.

Ao longo dos tres días de sesións as e os participantes asistirán, entre outras, a conferencias sobre lumes forestais, erosión e contaminación da auga, a cargo de Pablo Penín, enxeñeiro forestal e responsable provincial da empresa Seaga, e sobre a alteración do réxime hidroxeolóxico dos solos polos lumes forestais, nunha intervención de Benedicto Soto, profesor do Departamento Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo. Tamén da Universidade de Vigo participará, xa o venres, o profesor e director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo Juan Picos, que falará sobre os lumes forestais de outubro de 2017 en Galicia. No programa tamén ten un protagonismo especial a Reserva da Biosfera Internacional transfronteiriza Xurés-Geres, que centrará varias das conferencias, como a do seu xestor, que falará sobre esta reserva como ferramenta de protección da natureza. Ademais, o curso inclúe varias visitas guiadas á contorna natural.