DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catoira acolle o curso de verán ‘Vida saudable da muller ao longo do seu ciclo vital’

Tres días para falar de saúde desde unha perspectiva de xénero

Coa participación de diferentes profesionais do eido sanitario 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 03/07/2019

Falar de saúde e facelo desde unha perspectiva de xénero, formando e informando aos e ás asistentes sobre cuestións como o ciclo menstrual, a saúde mental perinatal ou o climaterio e a menopausa. Ese é o obxectivo do curso de verán, promovido pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra, Vida saudable da muller ao longo do seu ciclo vital, que se desenvolve desde este mércores no auditorio de Catoira. “Sempre se fala de saúde en xeral, desde unha perspectiva androcéntrica, pero desde hai unha década comeza a haber moitos estudos sobre saúde feitos con perspectiva de xénero e pareceunos moi necesario tocar eses temas”, salienta o profesor Manuel Isorna, director dun curso que busca ofrecer “unha visión global e multidisciplinar que permita a comprensión e atención axeitada á muller ao longo do seu ciclo vital”.

O alcalde de Catoira, Xoán Xosé Castaño, o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, e a presidenta da Asociación Española de Psicoloxía Perinatal, Jessica Rodríguez, inauguraron este mércores este curso de verán, que Souto sinalou como un exemplo da aposta da Universidade de Vigo pola igualdade de xénero, mentres que Isorna subliñou a “calidade dos relatores, xa que intentamos traer as máximas referencias nacionais de cada un dos temas a tratar”. Organizado coa colaboración da Asociación Española de Psicoloxía Perinatal, a súa presidenta valorou que este curso preste especial atención ás problemáticas vinculadas ao embarazo e o posparto, que se combinan á súa vez con outra serie de temáticas como a alimentación ou a actividade física.

Os beneficios da lactación materna

Tralo acto inaugural, o curso arrincou cun relatorio sobre lactación materna e saúde do pediatra Manuel Martín, que presentou unha serie de estudos sobre os beneficios da lactación para a saúde do neno. Estudos que, explicou, amosan que esta non é só positiva para previr enfermidades físicas, senón tamén trastornos mentais “debido ao vínculo afectivo” que se xera entre nai e fillo. Do mesmo xeito, Martín abordou tamén os beneficios da lactación para a nai, a través de estudos que sosteñen que esta reduce nun 26% as probabilidades de sufrir un cancro de mama e nun 37% a de padecer un cancro de ovario. Por outra banda, o conferenciante sinalou tamén ás estimacións que sitúan en 51 millóns de euros anuais o aforro que para o sistema sanitario suporía o aumento da lactación materna nun 50% durante seis meses.

Formar e informar

O obxectivo do curso, engadiu Isorna, é que as e os asistentes “saian cunhas pautas que poidan poñer en práctica no seu día a día”, motivo polo que as súas 14 conferencias complétanse con propostas de carácter práctico.

Nesta primeira xornada, o curso contou tamén coas intervencións de Iria Veiga, do Hospital do Barbanza, que abordou os trastornos afectivos e emocionais da muller na etapa perinatal, e do xinecólogo David Gómez, que se centrou na saúde da muller durante a etapa fértil e na menopausa. Mañá xoves, o curso porá o foco na actividade física e no deporte, coa participación do técnico do Sergas Orlando Blanco e a educadora social Marta Felpeto, para logo centrarse nos efectos do consumo de substancias durante o embarazo. Farao a través dos relatorios da profesora da Universidade de Santiago de Compostela María del Carmen Míguez, do neonatólogo do Hospital Clínic de Barcelona Óscar García e da xefa do servizo de Neonatoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Ana Concheiro.

Xa o venres, Ana Martínez, do Servizo de Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde do Sergas, falará de alimentación saudable e Juan Ribot abordará a adaptación do adestramento de forza ao ciclo hormonal da muller. Pola tarde, a matrona Benita Martínez proporá un achegamento teórico e práctico ao fortalecemento do chan pelviano e o curso pecharase cunha mesa redonda sobre o estado actual da atención á saúde mental perinatal.