DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas XXI Xornadas de Inspeccións de Servizos das Universidades Españolas

Tres días para poñer en valor a relevancia das inspeccións de servizos nas universidades españolas

Organizadas pola UVigo, abordarán a prevención de conflitos ou a nova Ley de Convivencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 24/03/2022

Máis de 60 persoas participarán desde hoxe e ata o vindeiro sábado nas XXI Xornadas de inspeccións de servizos das universidades españolas, organizadas pola UVigo a través da súa directora da Inspección de Servizos, a docente e investigadora do Departamento de Dereito Público, María José Bravo Bosch. O reitor, Manuel Reigosa, foi o encargado de inaugurar esta tarde no edificio Redeiras as xornadas nas que, ata o día 26, se abordarán cuestións como a prevención de conflitos no seo da comunidade universitaria, a nova Lei de Convivencia universitaria ou o seguimento e control das folgas do PDI, ademais de afondarse na situación actual das inspeccións de servizos nas universidades españolas.

A xestión do risco de fraude na universidade, con especial referencia ao plan antifraude da UVigo, e un plenario do grupo de traballo centran esta tarde o inicio das xornadas, nas que tamén se incorporou o tema da ética, que Bravo Bosch considera “imprescindible”, tendo en conta a súa responsabilidade, tamén, como mentora ética da UVigo. “A Inspección de Servizo é un organismo relevante, porque axuda á convivencia universitaria en todo momento. Non é grato cando se trata dun procedemento sancionador, pero aínda así procura a honestidade intelectual, a paz social, o respecto e protección de todas as persoas, incluso afectadas por un procedemento sancionatorio, e debe ser visto como un organismo en positivo, con potestade disciplinaria, pero adaptado ao principio fundamental de legalidade e tipicidade das faltas e sancións, e cun marxe pequeno de discrecionalidade que garante os dereitos de todas as persoas involucradas”, detalla Bravo Bosch, que asegura que a administración universitaria precisa das inspeccións de servizos, entendidas como organismos que actúan de acordo aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia.

Na súa intervención na inauguración das xornadas, Reigosa destacou a importancia de que unha universidade nova sexa quen de organizarse nun marco cambiante e neste sentido referiuse á Lei de Convivencia  “que a min persoalmente me parece un gran avance na liña correcta, pero que cómpre aliñar. Temos unha serie de arquitecturas montadas dentro da Universidade como Valedora, Inspección de Servizos, un Servizo de Mediación e Convivencia, pero cómpre,  aprender dos mellores, que algúns están aquí, e trasladalo na UVigo, cara a unha arquitectura máis moderna que nos permita que os conflitos, en primeiro lugar, se é posible non se creen, se se crean que se resolvan de xeito pacífico e  senón se poden resolver de xeito pacífico ,que se poidan resolver nun marco xurídico estable, coñecido e no que non haxa ningún tipo de controversia”. O reitor aludiu ás Inspeccións de Servizos como unha peza clave “e acertar coa persoa, como nós acertamos con María José Bravo Bosch é fundamental”, dixo Reigosa que agradeceu a elección de Vigo como lugar de desenvolvemento das xornadas. 

Pola súa banda, a presidenta da Comisión Delegada del Grupo de Trabajo de Inspecciones de Servicios en CRUE-Secretarías Generales,  Pilar Gutiérrez Santiago, asegurou sentirse encantada de “desde que entrei neste grupo de traballo en xuño de 2020 de poder coñecer aos asistentes ás xornadas de xeito presencial”, ao tempo que agradeceu á cálida acollida recibida por parte a Universidade de Vigo. 

Poñentes relevantes e unha visión singular da presidenta da Comisión de Ética Judicial 

Unha ducia de poñentes serán os encargado ata o vindeiro sábado de afondar nas diferentes temáticas que se abordarán na vixésima primeira edición das xornadas. Relatoras e relatores elixidos “pola súa excelencia e formación para poder transmitir cada un dos temas, todos necesarios e importantes dentro do ámbito das inspeccións”, sinala Bravo Bosch. 

Para a directora da Inspección de Servizos da UVigo todas e todos os  poñentes teñen a mesma relevancia, aínda que destaca a singularidade da figura de Celsa Pico Lorenzo, maxistrada do Supremo e presidenta da Comisión de Ética Judicial del Tribunal Supremo, “porque será a encargada de ofrecer unha perspectiva diferente que enriquecerá moito a visión multidisciplinar das xornadas”, asegura. 

Dous anos tomando decisións que afectan ás persoas

Logo de dous anos á fronte da Inspección de Servizos da UVigo, “que polo de agora só leva PDI e estudantes, non PAS, que depende de Xerencia”, detalla a súa directora, María José Bravo Bosch incide en que a Inspección debe velar polo equilibrio legal nos diferentes servizos da Universidade, actuando, non de oficio, “senón cando xorde un problema, faise unha indagación para comprobar se en realidade existe un problema a resolver ou era unha denuncia inconsistente”. 

Bravo Bosch destaca a responsabilidade do cargo que ocupa, no que cómpre tomar decisións que afectan principalmente a outras persoas, “polo que se debe facer con rigor, evidencias claras e sempre dunha forma reflexiva, sen presas, entendendo as circunstancias e atendendo as diferentes situacións posibles”. Así mesmo, aínda que o seu cometido se identifique co poder sancionador, asegura que non se trata só diso, “o abano de funcións é moi amplo, e a sanción debe ser o derradeiro recurso cando non se poida chegar á solución doutro xeito”. Neste sentido, lembra que a Ley de convivencia universitaria, recentemente publicada, incide, como indica o seu nome, “na convivencia entre os membros da comunidade universitaria a través de medios alternativos de solución dos conflitos antes de comezar un procedemento disciplinario, que evidentemente resulta necesario ás veces para manter a convivencia universitaria”, recoñece.