DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Resultado da súa participación nun curso na universidade Vilnius Tech

Tres estudantes de Comunicación Audiovisual gravan videoclips en Lituania

A iniciativa enfrontounos a un proceso de rodaxe que simulaba unha contorna profesional 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • ATHENA
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 20/03/2025

Kikotia, Vejas e Iskorva son tres grupos musicais emerxentes lituanos, que nas últimas semanas estreaban novos videoclips realizados por equipos de estudantes de diferentes países, entre os que se atopaban tres estudantes da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo. Os alumnos Hugo Vila, Alberto Pérez e Laura Fernández tomaron parte nesta iniciativa ao abeiro dun curso intensivo promovido pola Gediminas Technical University de Vilnius (Vilnius Tech), ao abeiro do programa Erasmus +, que levounos en primeiro termo a tomar parte nun programa formativo de carácter virtual, para logo participar en Lituania no proceso de rodaxe dos diferentes videoclips.

“O proxecto baseábase en facer un videoclip con unicamente cinco tomas e música en directo”, apunta Alberto Pérez, que exerceu como operador de cámara, editor de vídeo e artista de efectos visuais no videoclip de Iskorva, no marco do que define como unha experiencia “extremadamente produtiva”, que compartiron con estudantes de Grecia, Paises Baixos e Letonia, así como da propia Vilnius Tech. “Coñecer o proceso de produción dun videoclip era algo novo para min e a verdade é que pareceume moi interesante”, engade Laura Fernández, responsable da posprodución de son na peza do grupo Vejas, na que traballou tamén na gravación do son en directo, así como na produción creativa. Hugo Vila, pola súa banda, exerceu como director de fotografía e responsable creativo da gravación realizada con Kikotia, na que traballou tamén como operador de cámara e na corrección de cor.

Unha experiencia formativa e profesional

Estes estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual tomaron parte nesta rodaxe ao abeiro da terceira edición da Winter School of Sound and Vision de Vilnius Tech, un curso intensivo combinado (BIP), no que participou alumnado de varias institucións socias do consorcio europeo de universidades Athena. Esta iniciativa brindou en primeiro termo formación ás e aos participantes, a través dunha serie de conferencias e talleres virtuais sobre iluminación cinematográfica, gravación de son, rodaxe ou edición. Estas sesións víanse complementadas á súa vez por varias reunións virtuais co resto de integrantes dos diferentes equipos, co obxectivo de preparar a rodaxe, no marco dun proceso de traballo no que as e os estudantes debían enfrontarse tanto a análise das cancións e definición dos conceptos visuais dos futuros vídeos, como a posterior gravación de imaxe e son en directo, cun fondo visual único para cada grupo, e a edición final das pezas. “Dentro dos nosos grupos, debíamos organizar os departamentos e fluxos de traballo pola nosa conta”, explica Pérez respecto dun proceso de traballo similar ao que implicaría recibir a encarga “de facer un videoclip para un cliente” dentro dunha produtora, aínda que contando neste caso coa asistencia do profesorado de Vilnius Tech nas diferentes fases do proceso. 

De feito, tras esta parte formativa, a súa estadía en Lituania centrouse xa na gravación das pezas, no que Pérez define como unha “especie de simulacro de videoclip profesional”, no que traballaron “mañá, tarde e noite”, recoñece. Nesa mesma liña, Fernández destaca tanto o positivo de “ter a posibilidade de traballar man a man con persoas de distintos países nun proxecto como este”, como o feito de que lles brindase “a oportunidade de colaborar cos músicos en certos aspectos da produción”. Ao mesmo tempo, o propio proceso de rodaxe e posprodución das pezas, recoñecen, supuxo tamén unha oportunidade formativa, tanto polo feito de poder enfrontarse ao proceso de captación de son “dun grupo enteiro en directo”, como poder contar co asesoramento de especialistas en fases posteriores, como a corrección de cor.