DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española ofertará 50 prazas o vindeiro curso

Tres idiomas modernos e un módulo optativo de especialización en lingua de signos, a nova aposta multilingüe da UVigo 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 03/06/2021

Unha maior preparación para un mundo globalizado, “pois a competencia multilingüe ten un papel fundamental á hora de mellorar a capacidade de emprego e mobilidade”, é para a docente e investigadora e directora do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá, Dolores González, un dos sinais de identidade dos futuros e futuras egresadas do Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española (FAGE), que a UVigo comezará a impartir o vindeiro curso 2021-2022. A titulación, que distribúe os catro anos do plan en dous ciclos: un primeiro de dous anos de formación básica e obrigatoria, e un segundo de formación máis especializada, orientada a cada unha das linguas centrais do grao: galego e español, permitirá, ademais, ao seu alumnado cursar dous idiomas modernos a elixir entre: alemán, francés, inglés ou portugués. Así mesmo, a incorporación da lingua de signos, nun módulo optativo de especialización, converte a este grao no primeiro do Sistema Universitario Galego en dispor desta formación, “que contribuirá a que existan máis titulados e tituladas cun coñecemento da lingua de signos española (LSE) e a cultura xorda, que son cada vez máis demandados por parte do colectivo xordo”, explica Maruxa Cabeza, docente e investigadora do grupo de investigación Gramática, Discurso e Sociedades (Grades) da UVigo.
 
A nova titulación, que substitúe ao Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, reforza a oferta da UVigo no ámbito das Humanidades, asegurando a continuidade e renovando os estudos de galego e español, que se remontan na institución académica viguesa 40 anos atrás. “A aplicación das novas tecnoloxías ao estudo da lingua e literatura galega e española, supón unha actualización dos estudos”, sinala Dolores González en relación co novo grao, que ten unha estrutura que permite compartir 90 créditos comúns co outro grao que se imparte na Facultade, o de Linguas Estranxeiras, e 30 créditos específicos de galego e de español. A isto se engade a posibilidade de libre deseño do currículo que fai posible que, ademais dos dous itinerarios propostos, o alumnado teña a opción de deseñar libremente o seu. A incorporación de prácticas externas e que no Traballo Fin de Grao se recolle de xeito explícito a orientación práctica e aplicada, son outras características que achegan singularidade ao novo grao que se estreará cunha oferta de 50 prazas o vindeiro curso 2021-2022.

Ampliación das habilidades lingüísticas e do abano de saídas laborais

Alemán, francés, inglés e portugués, as catro linguas estranxeiras entre as que alumnado do novo grao escollerá dúas para cursar, xa se imparten na Facultade de Filoloxía e Tradución nos graos de Linguas Estranxeiras e Tradución e Interpretación da UVigo, “polo que temos ampla experiencia tanto docente como investigadora. Optamos pois por impartir aquelo no que xa somos especialistas”, explica Dolores González, que lembra que a selección de linguas está en liña coas recentes recomendacións do propio Consello de Europa para todos os países membros, nas que se insiste na necesidade de reforzar o multilingüismo e desenvolver as competencias nas linguas estranxeiras da Unión. 

Pero máis aló da diferencia que o estudo de dúas linguas estranxeiras, ademais das propias, confire, á nova titulación “amplía non só as habilidades lingüísticas do estudantado que opte por este grao, senón o abano de saídas laborais”, explica a directora do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá, que aclara, que ademais das saídas que tradicionalmente se asocian a estes estudos, como docencia e investigación, “o egresado de FAGE poderá optar a postos nos ámbitos da asesoría lingüística, a comunicación ou o comercio exterior, por exemplo”, detalla Dolores González. 

Formación en LSE para unha visión global da comunicación humana 

Tanto as competencias activas en lingua de signos española, como as que conducen a unha comprensión da contorna social e cultural das persoas xordas, así como as habilidades de contraste, desde o punto de vista lingüístico, entre linguas de modalidade vocal e de modalidade signada, serán os ámbitos de traballo do alumnado que curse o módulo optativo de especialización en LSE que impartirá no novo grao. “Aprenderán unha lingua dunha minoría lingüística pouco coñecida, a pesar de que vive preto de nós, e isto amplía a visión sobre as linguas e a linguaxe humana”, asegura Maruxa Cabeza, que destaca que as persoas xordas de Galicia están cada vez máis interesadas nas peculiaridades da variedade galega da LSE, “nomeadamente o que ten que ver co léxico, polo que esta cuestión tamén forma parte dos programas deste conxunto de materias”, explica a docente e investigadora.

Impartindo este módulo, a FFT quere contribuír a resolver as necesidades comunicativas das persoas xordas e tamén as barreiras socioculturais coas que conviven, debido ao descoñecemento da realidade da xordeira por parte dunha parte importante da sociedade. “Ademais percibíase a necesidade de incorporar nun plan de estudos de filoloxía o coñecemento dunha lingua de signos, pois entendemos que no eido das linguas e as súas literaturas non cabe perpetuar currículos académicos deseñados de costas a esta manifestación da linguaxe humana”, sinala Cabeza, que lembra os recursos humanos e tradición consolidada de estudos sobre a LSE cos que conta a FFT.

A UVigo converterase así na primeira universidade do SUG en impartir un módulo destas características, seguindo a estela dunha institución pública e outra privada en España que ofrecen titulacións relacionadas coas dúas linguas de signos recoñecidas pola lexislación ata o momento: a lingua de signos española e a lingua de signos española e a catalá. En países da contorna, como Francia ou Reino Unido, existen estudos de grao e mestrado desañados para obter unha titulación relacionada coas linguas de signos, mentres que doutro lado do Atlántico, en países como Brasil ou nos EUA hai universidades cun forte compromiso en formación e investigacion sobre as linguas de signos. “Isto non deixa de ser unha oportunidade para quen vaia estudar con nós, posto que, poderá seguir formándose no estranxeiro”, apunta Maruxa Cabeza, que con vistas ao mercado laboral, considera que esta formación achega un valor engadido en ámbitos como o ensino, a comunicación, a planificación lingüística ou o traballo nas TIC, co reto de facilitar a vida cotiá das persoas xordas.