DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Luís Martín Montesinos, Marc Salinas Claret e Andreu Balius impartirán as conferencias

Tres mestres nacionais do deseño gráfico e da tipografía daranse cita en Pontevedra na xornada “IconoTypo”

Ao remate da primeira sesión presentarase a revista “Iconograpic”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 17/04/2008

Os tres mestres nacionais do eido do deseño gráfico e da tipografía, José Luís Martín Montesinos, Marc Salinas Claret e Andreu Balius, achegaranse ao campus de Pontevedra mañá, 18 de abril, con motivo da celebración de IconoTypo, a I Xornada de Deseño Gráfico e Tipografía que terá lugar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Organizada polo profesor da Universidade, Pedro Pablo Gutiérrez, esta iniciativa “é a ocasión para saber que hai de certo, cales son as claves de traballo, como se chega a ser deseñador e que criterios te converten nun profesional”, segundo comentou o docente. Esta primeira edición de IconoTypo dedicarase ao creador da tradicional Escola de Ulm, Otl Aicher, un dos mellores tipógrafos da historia e que centrará boa parte das conferencias e das mesas redondas que darán contido ao evento.
Ademais, aproveitarase a ocasión para que os tres participantes presenten a revista Iconográfic, unha publicación sobre cultura e teoría do deseño de recente aparición no mercado e que, en verbas do organizador das xornadas, “ten un formidable futuro”.

José Luís Martín Montesinos, Marc Salinas Claret e Andreu Balius

As xornadas comezarán na mañá do venres da man de José Luis Martín Montesinos, mestre impresor, tipógrafo e profesor da Universidade Politécnica de Valencia, que falará sobre A orixe do deseño gráfico moderno en España, afondando nas doazóns que fixo o pioneiro Giralt Miracle neste eido. A continuación, o membro fundador do colectivo Catalana de Tipos, Marc Salinas, impartirá unha conferencia baixo o título Tipografía creativa onde fará unha análise do que mellor se lle da, debuxar letras e crear alfabetos.
Para pechar con broche de ouro a primeira sesión de IconoTypo, contarase coa presenza do deseñador Andreu Balius con un título máis que apetecible para a súa conferencia: Saboreando a tipografía. Fundador do estudo Typerware (1996-2001) en Barcelona e creador do proxecto Garcia fonts & co (1993) e TypeRepublic (2003), Balius compaxina o seu traballo coa docencia en importantes universidades catalanas e compartirá cos asistentes a súa ampla experiencia no sector.

A xornada do sábado en MARCO

A visita de estes tres grandes personaxes da tipografía española non podía pasar desapercibida para o Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO). De este xeito, na xornada do sábado, día 19 de abril ás 12 da mañá, no auditorio da entidade cultural terá lugar unha mesa redonda cos tres conferenciantes baixo o título O deseño gráfico en España. Trátase de dar a visión moderna dunha disciplina que cada vez ocupa máis espazo, tanto académico como profesional e que en palabras do responsable da iniciativa, Pedro Pablo Gutiérrez, “chegou a ser percibida como a dedicación con máis glamour”.