DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entregáronse na reunión anual da Sociedade Española de Hipertensión

Tres premios nacionais avalan os resultados do proxecto Hygia

Coordinado por Ramón Hermida, os resultados modificaron o xeito de medicar os pacientes hipertensos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 29/05/2017

Os resultados do proxecto Hygia, no que participan a Universidade de Vigo e o Servizo Galego de Saúde, revolucionaron a medicina vascular no ámbito mundial, xa que foi o primeiro estudo internacional que puido confirmar que o risco cardiovascular dun paciente só se pode determinar correctamente medindo a presión arterial durante o descanso nocturno. Os resultados xa se foron avanzando a medida que se foron coñecendo e a día de hoxe son xa varios os países que optaron por cambiar o seu xeito de medicar aos pacientes hipertensos, optando por administrar a medicación cando o paciente se deita no canto de ao erguerse. Estes resultados tampouco pasaron inadvertidos para a Sociedade Española de Hipertensión que concedeu na súa última reunión anual, a máis importante de España en referencia á hipertensión arterial, tres dos seus premios nacionais a este proxecto, dous na categoría de tratamentos non farmacolóxicos e un no apartado de ensaios clínicos.

Ramón Hermida: “Estes premios son un recoñecemento importante”

“Estes premios son un recoñecemento importante para todo o que supón o proxecto”, salienta o director, o catedrático da Universidade de Vigo Ramón Hermida, que nesta ocasión non puido acudir a esta cita por atoparse nese momento en Estados Unidos. Asistiu outro dos integrantes do comité científico do proxecto, neste caso o médico de Atención Primaria Juan José Crespo, que destacou o feito “bastante inusual” de que se premiasen tres comunicacións dun mesmo grupo de traballo en distintos apartados. “É un recoñecemento ao traballo ben feito e esperamos que sirva para cambiar determinadas prácticas á hora de administrar os medicamentos aos pacientes con hipertensión arterial”, insistiu Crespo, coordinador da EOXI (Estrutura Organizativa de Xestión Integrada) de Vigo no proxecto.

40 centros de saúde de toda Galicia e máis de 290 investigadores

Na actualidade forman parte do proxecto Hygia 40 centros de saúde de toda Galicia e máis de 290 investigadores, tanto da Universidade como do Sergas, que fixeron un seguimento durante máis de seis anos a preto de 18.000 pacientes. “Hygia é o maior estudo de risco cardiovascular a nivel prospectivo que se realizara nunca e, non menos importante, realizado de xeito conxunto entre profesionais académicos e sanitarios, algo que tampouco é moi común”, explica Hermida, ao tempo que fixo fincapé en que os resultados do estudo confirman todas as hipóteses previas: a primeira, que a presión arterial nocturna é, desde o punto de vista da presión arterial, o único marcador de risco cardiovascular. “Isto supón que cando o diagnóstico de hipertensión arterial se basea só na medición en consulta no 95% dos casos está mal diagnosticado”, explica Hermida, ao tempo que avanza que o segundo resultado fai referencia a que a redución progresiva da presión arterial durante o sono é o marcador máis significativo de supervivencia sen evento cardiovascular, “o que demostra que a presión arterial nocturna debe ser o obxectivo de preferencia para reducir este tipo eventos”.

Como terceiro resultado máis significativo, Hermida indica que, se ben sabían xa da conveniencia de prescribir os medicamentos antihipertensivos antes de que o paciente se deite, Hygia constatou unha redución do 47% de sufrir un evento cardiovascular grave -infarto cardivascular e ictus, entre outros- nos pacientes que toman a medicación antes de deitarse en comparación cos que tomaban a medicación pola mañá.

“A media do seguimento é duns cinco anos, o que supón un período suficiente para establecer conclusións”, afirma o doutor Crespo, que explicou tamén que monitoraxe ambulatoria da presión arterial (Mapa) realízase tanto no caso de pacientes novos con hipertensión como naqueles que teñen factores de risco como diabetes ou enfermidade renal crónica, a fin de previr riscos cardiovasculares.

Divulgando os resultados dos ensaios clínicos

Tituladas Alteración progresiva da presión arterial ambulatoria co estadio de gravidade da enfermidade renal crónica, unha, e Efectos da hora de inxesta do tratamento antihipertensivo sobre o patrón circadiano da presión arterial en pacientes con enfermidade renal crónica, a outra, as comunicacións premiadas estaban relacionadas coa hipertensión en pacientes con enfermidade renal crónica. A terceira, O tratamento antihipertensivo ao deitarse, en lugar de ao levantarse reduce significativamente o risco cardiovascular, é o título da terceira comunicación premiada e nela incluíronse os resultados dos ensaios clínicos que, durante os últimos anos, levaron a cabo os investigadores e investigadoras do Proxecto Hygia.