DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Todos os mércores ata o 23 de abril no Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa

Tres profesores de Belas Artes ofrecen a súa visión artística sobre o Xapón actual nun ciclo de conferencias

Ana Soler, Xosé Andrés Santiago e Kako Castro Muñiz son os conferenciantes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 09/04/2008

Co obxectivo de abrir á cidadanía unha visión artística sobre a cultura nipona actual, tres profesores da Facultade de Belas Artes participan nun ciclo de conferencias baixo o título Outras miradas do Xapón contemporáneo, unha iniciativa do Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa (Macuf). Todos os mércores ata o vindeiro 23 de abril, Ana Soler, Xosé Andrés Santiago e Kako Castro Muñiz, compartirán as súas experiencias nunha serie de relatorios apoiados en exposicións, mostras audiovisuais e fotografías.
A docente e investigadora da Facultade de Belas Artes, Ana Soler, inaugurou o programa coa conferencia Un recorrido a través do invisible: a dor do mundo, onde tamén presentou o catálogo da súa mostra Cicatrices Invisibles, que actualmente se pode visitar nas instalacións do Macuf na cidade da Coruña.
O ciclo continuará na tarde de este mércores, 9 de abril, da man de Kako Castro Muñiz, que amosará aos asistentes un dos seus traballos, Auga morna baixo unha ponte vermella, feito a base de fragmentos de filmes de cine xaponeses e sobre os que afondará na súa charla.
Xa na xornada do 16 de abril, o artista e profesor Xosé Andrés Santiago achegará ao público os segredos do estilo manga no relatorio O oculto da sociedade nipona: do mundo flotante do ukiyo-e ao consumo do manga contemporáneo.
Para rematar o ciclo, o día 23 Ana Soler falará sobre o tema no que é especialista e que centra a maioría das súas obras, a dualidade, coa conferencia Contrastes transparentes: o desgaste incansable da contradición nipona e para pechar a iniciativa presentará o seu último libro A ding in Japan, outro dos froitos das súas investigacións sobre esta cultura.

“Cicatrices Invisibles”

O Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa organiza constantemente actividades nas que colaboran profesores e investigadores da Universidade. Nestes días pódese visitar a exposición Cicatrices Invisibles da profesora da Facultade de Belas Artes, Ana Soler, unha gravadora experimentada e profusamente premiada que encamiñou as súas investigacións ata un aspecto consubstancial á linguaxe da imaxe impresa: as relacións entre contrarios.
O positivo e o negativo, o masculino e o feminino, o interior e o exterior ou a morte e a vida son temas que constantemente reflexa nas súas obras e que ela mesma define como “algo que queda na nosa memoria, no tempo, que estivo presente e que, marchándose, non desapareceu”, comentou Ana Soler.
A mostra Cicatrices Invisibles foi concibida e realizada durante a súa estancia en Xapón como beneficiaria de unha bolsa de creación artística no estranxeiro de Unión Fenosa, entre os anos 2005 e 2006. As 21 pezas que a compoñen (esculturas, fotografías e instalacións) representan unha aproximación persoal, en clave de plástica contemporánea, ás cicatrices invisibles da sociedade nipona.
Os quimonos estampados con escenas pornográficas e as fotografías de seres solitarios nun tren atestado son algúns dos exemplos que utiliza Soler na exposición para retratar esa danza de extremos que soamente faise visible aos ollos do foráneo: a alta tecnoloxía fronte á milenaria artesanía, o capitalismo feroz fronte á discreta uniformidade, o ritmo vertixinoso fronte á infinita paciencia, o máis delicado fronte ao máis brutal…Custa traballo imaxinar un destino máis adecuado para unha estudosa da dualidade.