DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa ExploraCampus inclúe orientación, escalada e unha andaina

Tres propostas para explorar o campus dun xeito diferente

As actividades son de balde para a comunidade universitaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI 03/05/2024

Durante este mes de maio a comunidade universitaria terá tres oportunidade para coñecer o campus de Vigo dende outra perspectiva, para achegarse a unha contorna que é moito máis que un lugar de estudo e traballo. O campus vigués, con máis dun millón de metros cadrados, representa un ecosistema natural con flora e fauna autóctona pero tamén conta, por exemplo, con edificacións galardoadas pola súa excelencia arquitectónica, e con excelentes vistas sobre a ría. Para coñecer a fondo este espazo, a Área de Benestar, Saúde e Deporte pon en marcha unha nova edición do programa ExploraCampus, que desta volta inclúe actividades de orientación, escalada e unha andaina.

A primeira cita será mañá sábado, cunha xornada de iniciación á orientación, que se enmarca dentro do proxecto europeo Trail4Future e consiste nunha carreira de orientación onde as persoas participantes terán que localizar diferentes balizas distribuídas por unha zona acoutada do campus, seguindo algún tipo de estratexia e exercitando diversas habilidades brandas como a xestión do tempo, a fixación de obxectivos, o traballo en equipo, a persistencia, a toma de decisións colectiva, o estres... apoiándose no seu equipo e nun mapa. A organización proporcionaralle ás persoas participantes o material necesario.

Nesta carreira pode participar calquera persoa interesada, sen necesidades de contar con coñecementos nin experiencia previa e de balde. O punto de encontro será o pavillón universitario ás 10.00 horas. 

A próxima semana: escalada e andaina

A seguinte cita dentro do programa ExploraCampus será o vindeiro xoves, cunha sesión de iniciación á escalada no rocódromo do pavillón entre as 17.00 h e as 18.00 horas. A clase está aberta tanto a toda a comunidade universitaria, como á comunidade alumni e outros colectivos vencellados á UVigo e non é necesario contar con coñecementos nin experiencia previa, nin tampouco material, que será proporcionado pola institución. As persoas interesadas poden inscribirse ata o día 7.

Finalmente, o venres 10 terá lugar a Andaina do Solpor no Monte Galiñeiro, impulsada pola Delegación de Alumnado da Escola de Minas e Enerxía. O percorrido, de 7km de distancia e de dificultade media-baixa, partirá da escola e rematará no alto monte Galiñeiro. A actividade está aberta a toda a comunidade universitaria da Universidade de Vigo (alumnado, PAS e PDI), comunidade alumni e colectivos vencellados á UVigo e o prazo de inscrición rematará o día 8. 

O saída está prevista ás 19.00 horas, para poder así desfrutar da posta do sol polo camiño e as e os participantes deberán levar linterna de man ou frontal, roupa cómoda, viseira ou gorra e calzado de sendeirismo ou tenis e tamén comida, auga e unha bolsa para os lixo xerado. Haberá autobuses con saída dende a EE de Minas e Enerxía as 23.15 para trasladar os participantes de volta a Vigo, con tres paradas, Praza América, Praza de España e a Rúa Areal.