DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Concedidos polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia

Tres traballos fin de grao de Educación Social, premiados no 7º Concurso TFG Eduso

Abordan temas como os centros CIEMA, os anuncios de prostitución e o colectivo LGBTIQ de maiores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Ourense 22/02/2022

Esta fin de semana o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG) realizou a súa asemblea e no marco dela tivo lugar a entrega dos premios do 7º Concurso TFG.eduso, que recoñece os mellores traballos fin de grao nesta titulación nos cursos 2018/2019 e 2019/2020. Entre as e os galardoados en diferentes categorías están tres estudos feitos na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense.

Un primeiro premio

O Premio TFG.eduso na modalidade Educación Social Estendida do curso 2018/20019 foi para Adolescentes e ocio: análise cualitativa en medidas xudiciais en medio aberto nos CIEMA de Galicia, de Xesús Martínez, egresado da Universidade de Vigo. O obxectivo deste estudo foi “aproximarse á realidade do ocio das persoas adolescentes con medidas xudiciais en medio aberto en Galicia, así como ás accións socioeducativas que se desenvolven nos Centros de Intervención Educativa en Medio Aberto (CIEMA) dende a educación en e para o tempo libre”. Nel empregouse unha metodoloxía cualitativa, participando catro educadoras e catro educadores dos CIEMA das catro provincias galegas e catro persoas adolescentes (dúas mulleres e dous homes) en período de execución de medida xudicial de liberdade vixiada na provincia de Ourense. Os instrumentos de recollida de información que se utilizaron foron as entrevistas semiestruturadas e o grupo de discusión. “Tras un proceso de análise de datos, os principais resultados e conclusións deste traballo amosan que existe unha importante relación entre as experiencias de ocio e os actos delituosos e que finalizada a medida xudicial non existen diferenzas significativas no patrón de ocio das persoas adolescentes en relación á situación anterior á medida”, indican desde os premios. No traballo de Xesús Martínez tamén se elaboraron propostas de mellora para esta área de intervención.

Dúas mencións

A Mención Especial do Xurado dos Premios TFG.eduso de 2018/2019 foi para o traballo A prensa proxeneta en Galicia. Unha análise dos anuncios de prostitución dende a Educación Social, da egresada da UVigo Ana Pousada. O traballo foi realizado baixo a premisa de que “nin as numerosas leis e propostas, nin os relevantes avances acadados polo colectivo feminino nin, moito menos, os macabros datos que cada ano e cada día se redescubren en relación á prostitución e a violencia cara ás mulleres, disuaden aos puteiros e aos diarios galegos de seguir a sustentar e promocionar o negocio prostitucional, como cómplices necesarios do sólido entramado que, na actualidade, segue a negar a liberdade á metade da raza humana”. Entre outras cuestións, no traballo dedúcense “as características da demanda a través da oferta presente nos diarios de maior tirada en Galicia, por primeira vez examinados en profundidade dende a perspectiva da Educación Social”.

Por último, a egresada da UVigo Nazaret Blanco acadou unha Mención Especial de 2019/2020 polo seu traballo A vellez máis alá da heteronorma: un estudo cualitativo sobre a formación, coñecementos, actitudes e percepcións dos/as profesionais de centros para maiores. O seu estudo tivo como principal obxectivo identificar e profundar na formación, coñecementos e actitudes cara o colectivo LGBTIQ de maiores por parte de diferentes profesionais que traballan en recursos destinados a eles, así como nas súas percepcións sobre a situación deste colectivo e nas súas competencias para dar resposta á mesma. Para iso, empregou unha metodoloxía cualitativa a través da realización de entrevistas, nas que participaron 10 profesionais con idades comprendidas entre 23 e 60 anos e con perfís variados que desenvolven a súa actividade laboral en diferentes tipoloxías de centros destinados a persoas maiores na provincia de Ourense. “A partir da análise dos discursos constátase a necesidade da Educación Social nestes centros, debido á ausencia de profesionais formados que fagan fronte ás necesidades das persoas maiores LGBTIQ, así como á presencia de actitudes negativas entre algúns e algunhas dos e das profesionais e ás súas percepcións sobre a posibilidade de discriminación cara o colectivo LGBTIQ maior nestes centros”, indícase na resolución dos premios.

Outros galardóns

Tamén foron premiados neste certame Rodrigo Gil (UDC) polo traballo Renta básica e Educación Social: cara a un novo paradigma nos servizos sociais; Noelia Moreau (USC), por Porno e educación afectivo-sexual. Un quefacer actual do/a profesional da Educación Social e Alejandro Ventura (UDC) por A xestión cultural no eido local galego: as funcións do educador/a social.