Nun congreso internacional dirixido polo profesor da EE Minas e Enerxía, Iago Pozo
As tres universidades galegas reunirán en Compostela os maiores especialistas en conservación do patrimonio cultural
Será do 25 ao 27 de setembro na Facultade de Xeografía e Historia da USC
A Rede Española de Ciencia e Tecnoloxía para a Conservación do Patrimonio Cultural (TechnoHeritage) celebrará a vindeira semana en Santiago de Compostela o seu congreso internacional, logo dunha primeira edición celebrada xa na capital galega en 2012. Nesta ocasión, o 5º Congreso Internacional TechnoHeritage2024 desenvólvese conxuntamente ao 1º Encontro Bienal do Grupo Especializado de Química para o Estudo e Conservación do Patrimonio Cultural (GEQP) da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Organizado polas tres universidades galegas, terá lugar do 25 ao 27 de setembro no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, na Facultade de Xeografía e Historia, un escenario perfecto para o intercambio de coñecementos e ideas en ciencia, con especial relevancia da química e tecnoloxía, para a Conservación do Patrimonio, servindo de inspiración e marco para o debate e a discusión sobre Ciencia e Arte.
Á fronte do comité organizador deste congreso está o profesor da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade Vigo Santiago Pozo e, xunto a el, completan este equipo os investigadores e docentes da USC Patricia Sanmartín, membro do CRETUS, e Massimo Lazzari, investigador do CiQUS e coordinador estatal da Rede; e por Jorge Sanjurjo, da Universidade da Coruña. Contan ademais coa colaboración da presidenta do GEQP-RSEQ e profesora da Universidade do País Vasco, Maite Maguregui.
Ciencia e conservación do patrimonio cultural
Entre as persoas convidadas a impartir relatorios sobre temas de relevancia no campo da conservación do patrimonio atópanse José Delgado, que realizou gran parte da súa investigación no Laboratorio Nacional de Enxeñaría Civil en Lisboa, que compartirá nesta cita a súa visión sobre o desenvolvemento da ciencia de conservación do patrimonio cultural durante as últimas cinco décadas, ou Francesca Cappitelli, da Universidade de Milán, que tratará o papel dos microorganismos no estado de conservación do patrimonio. Pola súa banda, Silvia Prati, da Universidade de Bologna, centrarase no desenvolvemento de materiais de limpeza ecolóxicos, e Matija Strlič, da Universidade de Ljubljana e da Universidade College London, reflexionará sobre a importancia da experiencia olfactiva nos lugares de exposición como os museos.
180 investigadores de Europa, América, Asia e África
Agárdase a presenza de 180 investigadores e investigadoras procedentes de Europa, América, Asia e África, principalmente de España, Italia e Portugal pero tamén de Reino Unido, República Checa, Estados Unidos, México, Ecuador, Brasil, Perú, Arabia Saudí ou Singapur. A alta participación permitiu elaborar un programa que contén outras tantas achegas en forma de 6 relatorios, 35 presentacións orais e 120 pósters.
Ademais das universidades, o encontro conta co patrocinio da Xunta de Galicia, da Real Sociedade Española de Química, dos centros de investigación CIQUS e CRETUS da USC e CINTECX da UVigo, así como de empresas do sector como KBYO bilogical, Clyde HSI, Antares instrumentación, TESELA, agaragar e cienytech. Para os organizadores, “o apoio recibido por parte do ámbito empresarial indica a necesidade de crear este tipo de foros nos que se visibilicen os avances nas metodoloxías e tecnoloxías orientadas a conservar e restaurar o patrimonio cultural tanxible”.