DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inspirada no imaxinario cinematográfico, a nova campaña de fomento da lingua presentouse hoxe xoves

As tres universidades e a Xunta convidan o novo alumnado a usar o "superpoder" do galego

Trátase da primeira acción deste tipo que se desenvolve entre as tres institucións académicas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Institucional
DUVI 11/09/2025

Calquera momento é bo para comezar a falar galego, pero un cambio de etapa vital poder ser un bo empurrón. Así o creen as tres universidades galegas e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, que este xoves presentaron unha nova campaña de fomento da lingua centrada no novo alumnado universitario. Baixo o lema Agora é o momento! O galego xa é teu, as catro institucións diríxense a unha nova xeración que chega por primeira vez á universidade e que se atopa diante dun mundo novo de oportunidades. No comezo desta nova etapa da súa vida, anímanos a apostar polo galego “como un superpoder que xa levan consigo, algo propio, valioso e capaz de abrir portas”.

No acto de presentación, que tivo lugar en Santiago, participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana Reboreda; a vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, Cristina López; e o director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Núñez. Todos eles convidaron os mozos e mozas a comezar a usar ese superpoder para que a lingua galega estea presente “como unha ferramenta única para crear comunidade, compartir coñecemento e construír futuro”.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou que “se trata da primeira acción deste tipo que se desenvolve entre as tres institucións académicas” e con ela se trata de “chegar ás xeracións máis novas, un dos grupos nos que poñemos especialmente o foco” para impulsar o uso da lingua e o seu prestixio na sociedade. “No eido universitario tratamos de xerar ese apego dos estudantes polo idioma como lingua vehicular do saber e o coñecemento”. Ademais, a campaña tamén pon o foco “fóra das aulas, nos momentos de socialización entre compañeiros e nas actividades extracurriculares”, xa que “se trata dun ámbito con gran peso para potenciar o galego”.

Inspiración cinematográfica

A campaña, financiada polo Goberno autonómico mediante un convenio coas institucións académicas dotado con 30.000 euros, inspírase no imaxinario cinematográfico e no ton épico das grandes producións do universo de superheroes para transmitir unha mensaxe clara: falar galego é apostar pola identidade, pola diversidade e pola proximidade. Os materiais inclúen vídeos, carteis, adhesivos e accións en redes sociais pensados especialmente para un público novo, cun ton fresco e motivador.

Ademais deste contido audiovisual, que xa se está a difundir a través das redes sociais universitarias e nos seus correspondentes portais web, tamén se distribuirán distintos materiais coa imaxe e produtos promocionais, como camisolas, entre a comunidade estudantil.