DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O club de natación pechou a súa semana solidaria cunha competición de 50x50

Tres vitorias para os equipos de xadrez do campus

En baloncesto, a categoría feminina gañou e a masculina perdeu os encontros disputados

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 01/04/2019

O club de xadrez do campus de Ourense viviu esta fin de semana a súa mellor xornada de liga desde o comezo da tempada ao gañar os tres partidos disputados nas instalacións universitarias. Xa en baloncesto, a categoría feminina gañou e a masculina perdeu os encontros celebrados. Por último, O Club de Natación Escualos Campus da Auga pechou a súa semana solidaria cunha competición de 50x50.

Bos resultados en xadrez

Na novena xornada de xadrez, os tres equipos do Universitario de Ourense gañaron na casa os encontros disputados o sábado. Na primeira división, o Universitario de Ourense A gañou a Xadrez Ourense C por 2,5-1,5, con vitoria de Ángel Dorrío e táboas de Manuel Álvarez, Lino Hermida e David Feijóo. Na segunda división, o equipo do campus impúxose a Xadrez Tui por 2,5-0,5, con vitorias de Laura Martínez e Favio Fuentes (por incomparecencia do seu rival), táboas de Miguel Reza e derrota de Marcos Reza. Por último, na terceira división o club universitario acadou unha vitoria contra Celanova B por 3,5.0,5, con vitorias de Estela Fernández, Mario Monzo e Alan Puddu e táboas de Julio César Pérez.

Desigual sorte en baloncesto

Xa en baloncesto, a categoría feminina gañou na casa contra BBCA Cabo Prior por 55-35, manténdose no segundo posto da  primeira división autonómica feminina. A categoría masculina do Universitario Campus de Ourense perdeu o sábado 78-63 en Carballo contra Calvo Basket Xiria, manténdose con este resultado terceira na segunda fase (A1) da liga regular na primeira división masculina.

Solidariedade na piscina

Por último, o Club Natación Escualos Campus da Auga pechou este domingo a súa semana solidaria para recadar fondos a favor da Asociación Española contra o Cancro. A última das actividades foi unha competición de 50x50 na que 10 equipos fixeron 50 series de 50 metros por relevos. O evento, indican desde a organización, congregou a case cen nadadores e nadadoras de distintos clubs da cidade e doutras provincias, así como usuarios e usuarias da piscina universitaria AQA Ourense, onde se celebrou esta semana solidaria. O diñeiro recadado nesta actividade e nas desenvolvidas ao longo da semana, sinalan desde o club, destinarase á investigación contra o cancro infantil e a dar apoio ás familias ourensás con nenos e nenas que sofren esta enfermidade.