DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrouse este sábado, por primeira vez, na contorna de Nerga e Donón

Tres vitorias viguesas no Trofeo Universidade de Vigo de Orientación

Competiron 261 orientadoras e orientadores das catro provincias galegas e de Portugal

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 17/06/2019

A contorna dos piñeirais das praias canguesas de Barra e Nerga acolleron esta fin de semana o Trofeo Universidade de Vigo de Orientación, que constituíu a 4ª proba da XXVIII Liga Galega e 3ª proba da 1ª Liga Interrexional Galicia norte de Portugal, organizada polo club de orientación da Universidade de Vigo. En total, competiron no Morrazo 261 orientadoras e orientadores chegados das catro provincias galegas e de Portugal, que tiveron a oportunidade de gozar orientándose “nunha contorna espectacular polos seus bosques de piñeiros con numerosos elementos no relevo que tiveron que saber interpretar no plano mantendo unha alta concentración”, como explica José Luis Armada, responsable da sección de Orientación da UVigo. 

A dificultade dos trazados, 14 en total, residiu na rápida toma de decisións, boa elección de ruta e un bo nivel de condición física, “xa que se tratou de percorridos rápidos e con desniveles que, aínda que non foron excesivos, si cambiaban constantemente, o cal rompeu o ritmo de carreira dos participantes”, explica o técnico do club Universidade de Vigo. Finalmente o club organizador acadou tres primeiros postos da man de Ana Iglesias, Vicente Pastoriza e Diego Pérez, que se alzaron no máis alto do podio nas categorías M-40, F-40 e M-14. Ademais o equipo universitario suma os bos resultados de Germán Pérez e Enrique Fuertes, que na categoría M-45 ocuparon os postos 4º e 5º respectivamente. Os podios das categorías elite foron para orientadores e orientadoras dos clubs Aromón, Budiño Raid, Limia Activa, COC COC (Portugal) e Obxectivo Trail Vigo.

Este plano polos areais de Barra e Nerga foi levantado polo Servizo de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo en 2008. Pero non foi ata esta fin de semana cando a institución académica puido organizar unha proba nesta contorna natural de alto valor. Precisamente polos esforzos en respectar estes espazos no transcurso da carreira, a organización recibiu a felicitación dos responsables medioambientais da supervisión do evento.