DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Durante o curso presentarase o novo Mestrado Interuniversitario en Biofabricación

Trinta especialistas en bioimpresión 3D impartirán un curso en Santiago no marco do consorcio europeo Ibero+

Liderado desde a UVigo, esta iniciativa busca responder aos desafíos asociados co envellecemento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cursos
  • Académica
DUVI 15/05/2024

Trinta especialistas en bioimpresión 3D impartirán un curso sobre esta tecnoloxía emerxente en Santiago de Compostela entre os días 18 e 21 de xuño no marco do consorcio europeo Ibero+, unha iniciativa liderada desde a Universidade de Vigo polo catedrático Pío González que reúne os esforzos de máis de 150 investigadores e investigadoras da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no campo da biofabricación para o envellecemento saudable.

O obxectivo do curso, organizado  neste caso polas universidades de Santiago de Compostela e Carlos III de Madrid, é dar a coñecer as diferentes técnicas da bioimpresión e as súas aplicacións biomédicas entre públicos moi diversos. Aínda que está dirixido principalmente a estudantes de grao, máster e doutoramento nos campos da saúde e a enxeñería, tamén é accesible para estudantes e profesorado de ESO, bacharelato e FP, persoal investigador sénior, empresas biotecnolóxicas e público en xeral.

O curso permitirá coñecer os conceptos básicos da bioimpresión 3D, incluíndo as súas vantaxes, limitacións e aspectos éticos e regulatorios. Ademais, explicaranse as etapas do proceso de bioimpresión e as técnicas dispoñibles na actualidade. As aplicacións terán un papel moi relevante, con sesións expositivas e talleres nos que se explorará a súa utilidade na fabricación de próteses, biorréplicas, implantes, tecidos, órganos e medicamentos personalizados.

As persoas interesadas poderán inscribirse ata o vindeiro 7 de xuño, dispondo de taxa reducida estudantes, pensionistas e persoas desempregadas.

Novo máster interuniversitario en Biofabricación

Durante o curso aproveitarase tamén para presentar o novo Máster Interuniversitario en Biofabricación, que, se ben aínda está pendente do informe da ACSUG, a previsión é que comece a impartirse en setembro nas tres universidades galegas, dirixido, sobre todo, a aquel alumnado que queira desenvolver competencias no ámbito da biofabricación, a enxeñería de tecidos e a medicina rexenerativa (deseño de estruturas 3D para o desenvolvemento de preórganos e tecidos funcionais, cribado de fármacos, medicina personalizada...).

O novo título contará cun cadro de profesorado formado por persoal docente e investigador das tres universidades públicas galegas ligado a diversos campos de coñecemento como a enxeñaría, a bioloxía, a farmacia ou a medicina.