DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase das mostras 'As mulleres que nos levaron á lúa' e 'Mulleres na ciencia'

Unha trintena de centros educativos galegos acollerán este curso as exposicións de eXXperimenta en Feminino

Con elas búscase fomentar a igualdade de xénero no eido científico e tecnolóxico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 28/09/2022

Entre as actividades divulgativas do colectivo eXXperimenta en Feminino da UVigo, composto por profesoras e investigadoras da Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Facultade de Ciencias do campus de Ourense, están as exposicións As mulleres que nos levaron á lúa e Mulleres na ciencia. As mostras, que queren espertar en rapazas e rapaces a vocación científica suplindo a carencia de referentes femininos no campo STEM, percorrerán de balde este curso académico arredor dunha trintena de centros educativos das catro provincias galegas.

14 mulleres destacadas en diferentes áreas

A mostra Mulleres na ciencia foi a primeira das postas en marcha polo colectivo, coincidindo precisamente coa pandemia da covid-19. Trátase dunha iniciativa que conta co patrocino da Unidade de Igualdade da UVigo e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Está formada por 14 pósters de gran tamaño sobre mulleres cun destacado papel no eido STEM. De cada protagonista, a exposición recolle información da súa traxectoria, de cales foron as súas achegas e dos premios ou recoñecementos que recibiu tanto en vida como posteriormente. Trátase, apuntan desde a organización, de “mulleres que, co seu traballo contribuíron a lograr melloras científicas ou técnicas moi relevantes para o mundo de hoxe e que foron escollidas como referentes ou modelos polas máis de 100 profesoras que participan en eXXperimenta en Feminino”.

Así, a través dos paneis expostos, o público pode coñecer desde a primeira muller galega (e española) en presentar unha tese no campo da astronomía ata a muller que deu o seu nome á linguaxe de programación ADA. Concretamente, a exposición ofrece información da física Mileva Maric; da física e pioneira na apicultura Eva Crane; da programadora Ada Lovelace; da astrónoma Antonia Ferrín; da bioquímica Margarita Salas; da química e nutricionista Elsie Widdowson; da enxeñeira química Frances Arnold; da enfermeira Isabel Zendal; da microbióloga Esther Lederberg; da psicóloga e bióloga Linda B. Buck; da química industrial e farmacéutica María José Núñez; da farmacéutica e química Tarsy Carballas; da tecnóloga dos alimentos Concepción Llaguno e da química e farmacéutica Teresa Toral.

Referentes no eido espacial

O pasado curso académico, eXXperimenta en Feminino puxo en marcha unha segunda exposición, As mulleres que nos levaron á lúa, destinada a recoñecer o traballo de mulleres que hai 50 anos foron claves para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á lúa, visibilizando referentes femininos en ámbitos de futuro como a enxeñería aeroespacial. Neste caso, a mostra foi lanzada co apoio da Deputación de Ourense e da Unidade de Igualdade da UVigo. Consta de doce paneis, con textos e ilustracións de Manuela Elizabeth Rodríguez MeliMolita, nos que se recolle a biografía e logros do equipo de enxeñeiras, matemáticas, físicas e informáticas que tiñan como misión vixiar e preparar os cálculos de traxectoria, a programación dos ordenadores e mesmo a alimentación dos astronautas que viaxaron ao espazo no Apolo XI. Entre os nomes incluídos están os de Annie Eeasley, Jeanne Lee Crews, Mary Sherman, Galina Balashova e Christine Darden. De cada protagonista, a exposición recolle información da súa vida, de cales foron as súas achegas e dos recoñecementos que recibiu tanto en vida como posteriormente. “A través dos paneis, o público pode coñecer a aquelas mulleres que desde a sombra axudaron a que a humanidade puxese un pé na lúa e estea pensando na próxima viaxe a Marte”, apuntan as promotoras da mostra.

Valoracións positivas

As dúas exposición, sinalan desde o colectivo organizador, son moi ben acollidas polos centros educativos, que destacan nas súas valoracións o interese dos contidos das mostras e o feito de que lles permiten achegarse a científicas descoñecidas para o alumnado. Así, en moitos dos centros educativos participantes aproveitan a visita destas exposicións para facer actividades complementarias arredor dos seus contidos, como programas de radio ou xogos e conseguir así unha maior implicación do alumnado. Este curso académico, a exposición Mulleres na ciencia estará, en quendas de 15 días, en 16 espazos das catro provincias galegas (14 centros educativos, unha biblioteca e unha asociación xuvenil), como son o CPR Luis Vives, o IES A Pinguela, o CPR Divina Pastora, o IES Poeta Añón, a Biblioteca de Celanova, o IES Salvaterra de Miño, o IES Universidade Laboral, o CPI Fonte Díaz, o CIFP A Carballeira, o Colexio Miraflores, o CEIP de Seixalvo, o IES República Oriental do Uruguai, a Asociación Xuvenil Amencer, o IES As Lagoas, o CEIP Plurilingües Montemogos e o CEIP Condesa de Fenosa. Pola súa banda, As mulleres que nos levaron á lúa percorrerá neste 2022/2023 14 centros educativos galegos, como son o IES Politécnico de Vigo, o IES Gonzalo Torrente Ballester, o CPI Viaño Pequeno, o IES da Cañiza, o IES Manuel Murguía, o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, o IES Rosais 2, o IES San Clemente, o IES Plurilingüe Castro da Uz, o IES O Couto, o IES Fernando Esquío, o CIFP Manuel Antonio, o IES da Terra Chá José Trapero Pardo e o CEIP Ben Cho Shey.  

Como alternativa para as persoas que desexan ver os materiais pero non poden facelo de xeito presencial, o colectivo organizador tamén ten realizado unha versión virtual das exposicións na súa web.