DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrouse este sábado na piscina universitaria

Unha trintena de deportistas participaron no I Festival de Natación Campus Auga

Nel realizouse unha recadación solidaria destinada ao Banco de Alimentos de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 19/12/2022

Este sábado a piscina universitaria do campus de Ourense, Be One As Lagoas, acolleu o I Festival de Natación Campus Auga, organizado polo Club Natación Escualos Campus Auga. Unha trintena de deportistas paticiparon nalgunha das súas cinco probas: 50 m libres, 50 m braza, 50 m costas, 50 m bolboreta e 100 m estilos, habendo categorías sénior, máster e universitario.

Segundo indican desde a súa organización, a cita foi “o primeiro festival de natación competitivo que se organiza en Ourense enfocado á comunidad universitaria, aínda que aberto á participación de todos”. Entregáronse premios aos tres primeiros clasificados de cada categoría, feminina e masculina, e dous trofeos para as e os nadadores que realizaron as 5 probas en menos tempo. O Trofeo Campus Auga na categoría de universitarios foi para Claudia Álvarez e Brais Pino, recibindo cada un un vale por un mes gratis de Abono en Be One As Lagoas. O Trofeo Nadador Completo na categoría absoluta leváronno Natalia Rivas e Josué Pazos, recibindo cadanseu vale de compra por 50 euros en Bouso Intersport. Todas e todos os participantes tiveron algún obsequio á marxe da competición, como camisetas e agasallos de  entidades colaboradoras, como Aceite Abril e Domusvi.

O festival tamén foi un evento solidario xa que para poder participar había que levar alimentos non perecedoiros a favor do Banco de Alimentos de Ourense. “Estamos moi satisfeitos xa que cumprimos cos obxectivos do festival, que eran fomentar e apoiar o deporte na nosa comunidade e máis concretamente no Campus Auga. Xa estamos pensando na seguinte edición e estamos seguros de que será moito mellor”, indican desde o club organizador agradecendo ás entidades colaboradoras todo o seu apoio nesta iniciativa.