DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O IES O Couto participa nunha nova edición da iniciativa MicroMundo@Uvigo

Unha trintena de estudantes na procura de novas substancias antibióticas

Alumnado e profesorado de Ciencias traballa cos escolares nun proxecto de investigación real

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 07/02/2023

Desde o pasado 3 de febreiro desenvólvese no IES O Couto da cidade de Ourense unha nova edición do proxecto MicroMundo@Uvigo, nado co dobre obxectivo de espertar nas novas xeracións a vocación científica e concienciar sobre a necesidade dun uso responsable destes medicamentos.  Para acadalo, alumnado e profesorado da Facultade de Ciencias do campus de Ourense está a traballar con 32 estudantes dese instituto nun proxecto de investigación real no que máis de 14 países e 26 universidades de España e Portugal buscan microorganismos produtores de novos antibióticos.

MicroMundo é un proxecto internacional que pretende transmitir á sociedade as bases científicas do problema da resistencia aos antibióticos e tomar acción involucrando a estudantes e sociedade en liñas de investigación orientadas a solucionalo. O seu nodo na Universidade de Vigo está formado por persoal docente e investigador do Grupo de Innovación Docente Mundo Microbio, da Área de Microbioloxía. A institución académica participa nesta iniciativa desde 2017 cun equipo coordinado desde a Facultade de Ciencias pola profesora María José Pérez. No caso da UVigo, a actividade está apoiada pola convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en Aprendizaxe-Servizo 2022/23. A iniciativa, indican desde a súa organización, ten continuidade dados os seus bos resultados e a boa acollida que ten por parte das entidades e persoas implicadas edición tras e edición, pero tamén polo seu compromiso por contribuír á “ciencia cidadá” e implicar polo tanto á sociedade no coñecemento e abordaxe dun tema de especial relevancia como a resistencia aos antibióticos.

As actividades de MicroMundo@UVigo realízanse cada ano nos laboratorios dos centros educativos elixidos titorizadas por estudantes de grao e posgrao da Facultade de Ciencias, voluntarios e previamente formados, que exercen de docentes. Concretamente, nesta edición, participan catro alumnas do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, unha de Ciencias Ambientais e unha do programa de doutoramento. Por outra banda, este curso académico o centro elixido para vivir esta experiencia é o IES O Couto de Ourense, que repite de anteriores edicións, participando en total 32 estudantes de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria coordinados por unha docente e un orientador dese instituto.

Cinco sesións

A programación desenvólvese ao longo de cinco sesións ata o 15 de febreiro, sesións que arrancaron o pasado venres cunha presentación do proxecto e a introdución á problemática da crecente resistencia aos antibióticos, que é unha prioridade para a Organización Mundial da Saúde, estando dentro da súa Axenda 2030 e dos seus obxectivos de desenvolvemento sostible. Tras esta introdución, a actividade continúa esta semana con traballo experimental de laboratorio. Nas sesións abórdanse contidos científicos, principalmente de microbioloxía, como por exemplo a toma e a análise de mostras de bacterias do solo e a busca concreta de substancias de antibiose entre as distintas bacterias. Rapazas e rapaces póñense na pel de investigadores e investigadoras en busca de novos antibióticos, realizando en pequenos grupos desde o procesamento de mostras ata a detección e illamento de bacterias.

O alumnado universitario que participa no proxecto ensina aos rapaces e rapazas como teñen que facer a busca de bacterias produtoras de antibióticos e os propios rapaces e rapazas lévana a cabo, coas garantías e condicións precisas. Posteriormente, nos laboratorios do campus, as estudantes da Facultade de Ciencias procesarán as mostras e farán as análises finais. O proceso desenvolvido, indican desde a organización da actividade, permite ás e aos escolares iniciarse nas tarefas de investigación e participar nun experimento real que pode ter repercusión real, ademais de tomar contacto co mundo universitario. Igualmente, implícaos na concienciación sobre o uso racional dos antibióticos, converténdoos en prescriptores desta problemática e da necesidade dun uso racional dos antibióticos nas súas contornas.