DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Galardoados 57 estudantes e investigadores

Triúnfan as mulleres e os ámbitos científico e tecnolóxico na entrega dos Premios Extraordinarios

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Romina Vázquez DUVI 01/02/2008

O acto de San Tomé serviu, como xa ven sendo habitual, para que a Universidade faga un merecido recoñecemento aos seus estudantes máis destacados a través da entrega dos Premios Extraordinarios de Fin de Carreira do curso 2006-2007 e dos Premios Extraordinarios de Doutoramento correspondentes ao ano académico 2005-2006.
Satisfacción, orgullo e emoción era os sentimentos que se reflectían nos rostros dos 57 titulados galardoados que, acompañados por profesores e familiares, recibiron a felicitación do reitor, Alberto Gago. Nesta ocasión, a maior parte dos 36 distinguidos coa insignia da Universidade en recoñecemento á súa traxectoria académica cursaron os seus estudos no campus de Vigo, que acumula un total de 18 premios, seguido polos de Ourense, con 11, e Pontevedra, con 4 representantes.
Por outra banda, o Consello de Goberno aprobou a entrega de medallas a 21 das 95 persoas que no curso 2005-2006 realizaron a tese de doutoramento, sendo os ámbitos científico e tecnolóxico os destinatarios de 15 destes premios á carreira investigadora, mentres que as humanidades e as ciencias sociais contan con tres representantes con esta distinción.
No tocante a sexos, a presenza feminina continúa a ser maioritaria en ambas categorías, posto que nas honras por expediente hai 22 mulleres fronte a 9 homes, e dentro dos galardóns polas teses atopamos un total de 11 premiadas.

Un merecido recoñecemento a moitas horas de traballo

Para os galardoados, o feito de recibir esta distinción por parte da Universidade supón “un orgullo e un recoñecemento a moitas horas de esforzo e traballo”, tal como apunta Sabela Mendoza, Premio Extraordinario na licenciatura de Dereito Económico, que engade que “a pesar da dedicación que supón acadar unha distinción deste tipo, con orde, constancia e regularidade pódese gozar de todo, tanto do estudo como dos compañeiros e dos amigos”. O mesmo opina Eva Molina, premiada na diplomatura de Mestre en Educación Primaria, ao afirmar que “hai que estudar moito, son infinidade de noites e fins de semana dedicados aos libros, pero a clave para compatibilizar o estudo e a vida persoal está na organización do tempo”.
Entre os Premios Extraordinarios de Doutoramento a sensación é moi similar, pois “as teses son duras e supoñen un montón de traballo”, segundo comenta Olalla Nieto, do Departamento de Química Orgánica, que engade que “o resultado é moi gratificante e compensa todo o esforzo realizado”
Tras o éxito acadado, a maior parte dos galardoados confía en que este recoñecemento supoña un punto a favor á hora de ingresar no mercado laboral, incluso hai algúns que xa están traballando, como é o caso de Eva Molina. Outra opción é a de seguir no mundo do estudo e da investigación, como pensa facer Carlos Silva, Premio Extraordinario do Departamento de Química Orgánica, que se queixa das dificultades que se presentan en Galicia para seguir neste campo debido ao escaso desenvolvemento do tecido industrial, pero confía en “non ter que emigrar”, tal como el mesmo afirma.