DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha exposición desbota en formato ‘tweets’ 15 falsas crenzas

“Tuiteando ciencia” contra a desinformación

Pode verse ata principios de 2022 na entrada do edificio Politécnico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 14/12/2021

Desde o pasado 1 de decembro na entrada do edificio Politécnico do campus de Ourense pode verse a exposición Tuiteando Ciencia, organizada polo Grupo de Innovación Docente en Bioloxía InDBio da Universidade de Vigo. Nela, recóllense 15 paneis nos que, xogando co formato de tweets e hashtags e con imaxes, se desbotan desde un punto de vista científico 15 falsas crenzas, entre elas algunhas relacionadas coa pandemia, como a desconfianza nas vacinas.

“Twitter é un servizo de microblogging que permite a rápida difusión da información. Porén, moitas veces tamén se utiliza para distribuír enganos que poden resultar cribles por seren difíciles de distinguir da verdade. Nesta exposición téntase descubrir sensacionalismos e novas falsas sen fundamento científico”, comentan desde a organización da mostra, que conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Área de Formación e Innovación Educativa da UVigo. Agradecendo a chegada desta exposición a Ourense, Ana María Torrado, directora de Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do campus de Ourense, pon de relevo dela o seu “obxectivo de difundir coñecemento e sobre todo contribuír a borrar falsas crenzas”, recalcando como “atinxe a moitos bulos que nalgún momento temos escoitado”. Por este interese, a responsable institucional anima á comunidade universitaria a visitar esta mostra.

Nas redes sociais como Twitter, explica a catedrática Mª Jesús Iglesias Briones, membro de InDBio, “cada vez se difunde máis información e cada vez é máis difícil discernir entre o que é fiable e o que non o é”. Na mostra que se pode ver en Ourense, engade, o Grupo de Innovación Docente en Bioloxía propúxose, adoptando un formato visual e vinculado a unha das rede social máis populares, “difundir ciencia dun xeito un pouco máis ameno e chamar a atención sobre o feito de que hai que ter coidado co que se le e co se cre, hai que seleccionar ben a información”. Na actualidade, recalca a profesora da UVigo, “estamos nunha era de máxima información pero é cando a xente está máis desinformada, porque se cre determinadas fontes que non son fiables ou porque se cre o primeiro que le e non confronta”.

Das panxoliñas á covid

Tuiteando Ciencia dá continuidade a outras mostras organizadas polo mesmo grupo, como Sensacionalismos e fake news en bioloxía, e nas que se fai fincapé en desbotar con argumentos científicos crenzas erróneas pero populares na sociedade. En cada panel pártese da información errónea que está popularizada e ofrécense argumentos científicos que a desbotan. Os temas abordados son multidisciplinares, abranguendo desde as plantas e animais ata a saúde e a microbioloxía. Entre as cuestións que se aclaran na mostra que se pode ver no Politécnico están se é ou non bo durmir con plantas na habitación, se o colesterol é un amigo ou inimigo ou se é correcta a expresión “comer como un paxariño”. Tamén se dedican varios paneis a cuestións relacionadas coa covid-19, como son a desconfianza fronte as vacinas e o uso de antibióticos. Trátanse en moitos casos, explican desde a organización da mostra, de cuestións que xorden da comunicación co alumnado.  

No caso da covid-19, a mostra aborda a falsa información de que “os antibióticos salvaranos  das pandemias”. Contra ela, explícase que “non debemos deixarnos levar polo optimismo” xa que os antibióticos son medicamentos potentes que combaten as infeccións de bacterias pero non tratan infeccións causadas por virus, como a covid-19. Igualmente, contra a desconfianza arredor da garantía das vacinas, as e os científicos aclaran que “a pesar das présas, téñense seguido todos os procedementos requiridos para confiar na súa acción e autorizar o seu  uso”, lembrando ademais que ningunha terapia está exenta de riscos; que o risco de trombos raros é dez veces maior por covid que por vacinarse e que o desenvolvemento de vacinas baseadas en ácidos nucleicos, como o RNA mensaxeiro, xa teñen un longo percorrido en investigación.   

Fóra da temática relacionada coa covid, entre as información que se desbotan na exposición está a incluída na panxoliña de Nadal Pero miran como beben los peces en el río. “A pesar do que diga a panxoliña, e por moito que repitamos o retrouso, os peixes do río non beben. Como o corpo do peixe de auga doce contén máis sales que o medio o rodea, a auga tende a entrar no peixe por osmose a través das branquias (son permeables) e por iso non beben”, apúntase na mostra.