Coincidindo co Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información
A UCC+i organiza actividades para abordar os retos da desinformación e o uso responsable da tecnoloxía
Roxana Morduchovicz, asesora da Unesco, ofrecerá un taller sobre redes sociais na adolescencia
Ademais da celebración do Día da Letras Galegas, este sábado 17 de maio tamén se conmemora o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, unha efeméride á que se suma a Universidade de Vigo a través dunha serie de actividades organizadas pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i). A idea é dotar o estudantado, as familias e o público xeral de ferramentas para detectar e combater a desinformación e, para iso, deseñouse un programa de actividades que forman parte do Plan de Ciencia de Ida e Volta da UCC+i e contan co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Entre as propostas destaca un obradoiro multidisciplinar sobre desinformación e novas tecnoloxías para alumnado de Secundaria, un taller en liña para familias coa experta Roxana Morduchovicz no que se abordará o uso seguro e consciente das redes sociais na adolescencia e un debate público en Pontevedra, que reunirá expertos en comunicación, intelixencia artificial e saúde mental.
Dende a UCC+i explican que o obxectivo é “contribuír a educar no uso responsable da tecnoloxía, aproveitando as investigacións realizadas no seo da Universidade de Vigo” e para iso contan co “coñecemento e a colaboración de persoas expertas de distintas áreas, polo que todas as actividades propostas son multidisciplinares e achegan unha visión de conxunto”.
Taller online aberto a familias
A primeira das actividades terá lugar o vindeiro 26 de maio e será un taller en liña que impartirá Roxana Morduchovicz, recoñecida experta en cultura xuvenil e asesora principal da Unesco no programa de Cidadanía Dixital. A actividade, Adolescentes e redes sociais: Que poden facer as familias?, está aberta á cidadanía e nela Morduchovicz afondará na importancia das redes sociais para os adolescentes, analizando os riscos asociados ao seu uso e as consecuencias psicolóxicas que poden ter na súa identidade e autoestima. A sesión tamén incluirá orientacións e ferramentas para que as familias poidan acompañar as súas crianzas no uso responsable e reflexivo das plataformas dixitais.
Roxana Morduchovicz é autora de libros como Los adolescentes y las redes sociales e Ruidos en la web. Cómo se informan los adolescentes en la era digital e conta cunha ampla traxectoria internacional como asesora de políticas de cidadanía dixital en diversos países. Dende a UCC+i animan ás familias a participar nesta actividade “que ofrece claves moi prácticas para comprender mellor o mundo dixital no que se moven as nosas crianzas, e para acompañalas con máis ferramentas e criterio”. Será “unha “oportunidade única para achegarse a unha problemática de grande actualidade dende unha perspectiva científica, pedagóxica e práctica”.
As persoas interesadas poden inscribirse no taller a través da plataforma Eventbrite.
Obradoiro para alumnado de secundaria
Ao día seguinte, o 27 de maio, desenvolverase un obradoiro no IES Mendiño de Redondela co estudantado de 4º da ESO para explorar distintos aspectos da desinformación e do uso responsable da tecnoloxía a través de estacións de aprendizaxe. O alumnado terá a oportunidade de aprender a crear bos prompts (instrucións ou preguntas) para ferramentas de intelixencia artificial como ChatGPT, de experimentar coa detección de novas falsas nun ‘escape room’ dixital, de explorar o impacto dos algoritmos nas redes sociais e de poñer a proba os seus coñecementos nun reto interactivo.
A actividade será impartida por Silvia García Méndez e Francisco de Arriba Pérez, do grupo TC1 – Tecnoloxías da Información e membros de atlanTTic; Guillermo Blanco González, do grupo SI4 – Sistemas Informáticos de Nova Xeración; e Talía Rodríguez Martelo e Uxía Seijas, do grupo CP2 – Comunicación Persuasiva, todas e todos eles investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo.
Ademais, neste evento estará presente a furgoneta Paparruchas: en marcha contra a desinformación, un espazo itinerante de divulgación científica que se instalará no patio e ofrecerá información adicional sobre os retos da desinformación e as ferramentas dispoñibles para facerlle fronte. Este vehículo tamén se desprazará a Lalín para formar parte da feira científica A ciencia que vén ten nome de muller, que terá lugar o día 30 organizada coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Concello de Lalín.
Debate con Xabier Fortes no Museo de Pontevedra
Finalmente, o 9 de xuño, o Museo de Pontevedra acollerá o debate A desinformación baixo o foco, moderado polo xornalista Xabier Fortes e no que participarán investigadores e investigadoras da UVigo, como José Rúas Araújo e Iván Puentes, da Facultade de Comunicación; Guillermo Blanco González, da Escola Superior de Enxeñaría Informática; Silvia García Méndez e Francisco de Arriba Pérez, da EE de Telecomunicación e Iria Veiga Ramos, médica psiquiatra e divulgadora (@rainhavermelha en Instagram).
Este evento estará estruturado en seis bloques temáticos que abordarán desde o funcionamento das fake news ata as ferramentas para combatelas. O debate estará aberto ao público ata completar a capacidade da sala.