DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A última vitoria do equipo feminino de tenis da Universidade, un pasaporte á categoría B

O Universidade de Rugby cae derrotado ante o Gernika

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI DUVI 19/11/2007

O ascenso directo á categoría B é o premio que o equipo feminino de tenis da Universidade, actual subcampeón galego absoluto, conseguiu esta fin de semana tras vencer ao Club de Tenis Murcia por 3-2. A vitoria neste partido de semifinais do Campionato de España Absoluto é un dobre motivo de satisfacción, xa que ademais permítelle acceder á final do torneo.
Este éxito situará ao equipo vigués na elite do tenis ó pasar a competir “entre as vinte e catro mellores formacións do Estado”, tal como afirmou o seu adestrador, Joaquín Comesaña, que engade que este é un “merecido recoñecemento ao traballo realizado de moitos anos”.
As xogadoras xa están a prepararse para a final do Campionato de España da categoría C, na que se medirán co Club de Tenis de Molina de Segura o 2 de decembro e na que “parten como favoritas”, segundo asegura Comesaña, quen engade que a principal dificultade deste encontro reside no feito de que as instalacións do equipo murciano son de terra batida e “as nosas xogadoras acostuman adestrar en campos de herba”.

O Universidade de Rugby cae derrotado ante o Gernika

Despois do respiro da pasada fin de semana, o Universidade de Vigo de Rugby volveu a perder na casa fronte ao Gernika. Ante un numeroso público que se desprazou ao campus universitario, o equipo despregou un bo xogo, o que facía agardar un resultado positivo. Chegouse ao descanso cun prometedor 22-14, grazas a ensaios de Josemari, Chuki e Jon Iker, xunto coas transformacións e un golpe de Santi Boullin, que xogou aínda co xeonllo mancado. O marcador reflectía o sucedido no campo ata ese momento, pero no comezo da segunda parte o partido torceuse para os vigueses, cando regalaron un ensaio ao Gernika. Despois dun golpe de castigo, os vascos puxéronse por diante con 22-24, igualando o encontro. Os rapaces do Aníbal Babini tiveron varias oportunidades de volver a coller as rendas do partido pero non as aproveitaron e, nos derradeiros intres, os vascos fixeron dous ensaios que deixan o marcado definitivo en 22-38.