DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Antes da xornada de reflexión as candidaturas celebran actos en Vigo e Ourense

Últimas horas de campaña para tres aspirantes convencidos das súas posibilidades de chegar á Reitoría

As candidatas e o candidato comparten no Duvi as súas expectativas ante a xornada electoral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 04/05/2026

A campaña electoral á Reitoría chega ao seu fin este luns para dar paso mañá á xornada de reflexión á que sucederá o mércores 6, a partir das 10:00 horas, o día de celebración das votacións, para elixir, tanto, a próxima reitora ou próximo reitor, como o Claustro. Mentres, as e os integrantes de ConSenso, Nós Universidade e H2040 apuran as derradeiras horas para pedir o voto e para celebrar reunións sectoriais e mesmo actos cun ton máis festivo. 

ConSenso, tras iniciar o derradeiro día de campaña cunha xuntanza co PTXAS do campus de Vigo, continuou na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, para rematar no salón de actos da Escola de Enxeñaría Industrial, onde Jacobo Porteiro aproveitou, no acto de peche de campaña, primeiro, para pedir o voto, explicar o seu programa e presentar o seu equipo e logo, para manter un encontro máis distendido cos asistentes.

Pola súa banda, a candidatura de Carmen García Mateo aproveitou a mañá para celebrar as derradeiras xuntanzas con colectivos da comunidade universitaria, primeiro na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e posteriormente no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais. A estes actos máis formais, sucédelle ao longo da tarde un acto de peche de campaña en formato “tardeo” na praza Miralles, no que non faltan a música e os petiscos.

H2040 acordou non celebrar un acto de “peche de campaña” e aproveitar este luns para continuar con encontros con diferentes colectivos da comunidade universitaria no campus de Vigo e Ourense. Mentres en Vigo, o salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias e o salón de actos da Facultade de Filoloxia e Traducións acolleron este mediodía día, cadanseu acto de campaña, no campus de Ourense, o candidato á Xerencia, Juan Carlos Porrúa reuníase este mediodía co PTXAS no salón de graos do Edificio Politécnico. As xuntanzas da candidatura de Belén Rubio rematarán esta tarde, a partir das 19:00 horas, na residencia de estudantes do campus de Vigo.

Nas horas previas ao peche da campaña, as candidatas e o candidato á Reitoría analizan no Duvi as súas expectativas e sensacións ante da celebración da xornada electoral do vindeiro mércores.

 

Jacobo Porteiro, candidato de ConSenso: “Non hai nada que poida facer que me arrepinta de terme presentado”

 

Nunhas horas a comunidade universitaria vai votar e gustaríame saber se nesta “conta atrás”, sente que pode ser o reitor da UVigo?
Se non sentise que hai espazo para unha proposta, xa non me tería presentado. Pero o certo é que tras estes días intensos de campaña estou aínda máis convencido. Falei, escoitei a moitísima xente de diferentes ámbitos, centros, colectivos. Escoitei moitas demandas, diferentes opinións, críticas… eu diría que en case todos os casos coincido ou coincidimos en que é necesario un cambio, que é necesario facer as cousas de forma diferente. Coido que o que nós estamos a propoñer dende ConSenso a nosa proposta, si que gusta e a xente ve que eu podo ser un bo reitor para a Universidade de Vigo.

Está a piques de rematar unha campaña moi intensa, con moito traballo dentro da universidade e tamén con moita exposición pública. Quedou algo por facer ou que pense que se debeu facer doutro xeito?
Pois, aínda que fixen todo o posible por estar presente en todos os centros, nos servizos, por suposto nos campus, ter espazos de encontro con todos os colectivos,  o que me queda así como pena é non ter tido máis tempo ou máis oportunidade de falar aínda con máis xente. Porque todas as conversas foron moi enriquecedoras, porque toda a xente tiña cosas que aportar, e porque un aspira a ser reitor de toda a Universidade, e todo o coñecemento que poida acadar das necesidades, das prioridades, do que está a suceder en cada campus, con todo o persoal das nosas universidades, vai ser moi útil para a miña etapa na Reitoría. 

Ao longo destes días de campaña e dos meses previos de organización da candidatura, conformación do equipo, etc….e aínda que leva moitos anos na UVIgo, descubriu algún aspecto que descoñecía da institución? Algo que pensaba que era dun xeito e resultou non ser como cría? 
Non tanto que era dun xeito e que logo resultou que era diferente ao que eu cría, senón que era máis esaxerado. Refírome á diversidade e pluralidade, é dicir, ata que punto a realidade dos diferentes campus, das titulacións, dos colectivos e ámbitos é absolutamente diferente. Temos unha Universidade enormemente plural, diversa, rica, nese sentido, pero absolutamente diferente.

A realidade de cada centro, departamento, a pluralidade e a diversidade, resultoume abraiante. 

Houbo algún momento nestes meses que dixera, “porque me metín nisto?” co ben que estaría dando clase e investigando? 
Mentiría se non dixese que, por suposto, en varios momentos, un se plantexa por que me mentín nisto? Pero o certo é que, esa realidade de que podería estar dando clase e investigando é o que me está a esperar en caso de que non teña éxito. Iso é a maior garantía que teño para poder realmente ser ambicioso, plantexar unha candidatura moi fiel ao que un defende, coa tranquilidade de que no fondo o peor que pode pasar é que a xente non apoie e que o meu futuro sexa a docencia e a investigación, que no fondo é o que sempre quixen facer. 

E pola contra, houbo algún momento no que pensou: “que ben fixen presentándome a reitor”?
Moitas máis veces que lamentarme. Tiven tanta sorte co equipo que conseguín que se xuntase ao meu redor, co proxecto, coa campaña, coa forma de comunicar, coa experiencia de visitar todos os campus, os centros..

A imaxe que teño agora, o que coñezo da Universidade, compensa con creces calquera esforzo ou sen sabor que teña ou que tivera durante a campaña ou incluso un mal resultado en termos de electorais. Non hai nada que poida facer que me arrepinta de terme presentado.

Porque o PDI debería votar a Jacobo Porteiro?
Porque o PDI leva demasiado tempo facendo moitísimo traballo con malas ferramentas, con procedementos internos que non axudan. O que nós propoñemos é precisamente tratar de reimaxinar a UVigo, para cambiar a forma que temos de traballar, para que teñamos máis tempo para aquelo no que realmente engadimos valor, para aquelo que realmente queremos facer no noso día a día. Para iso temos un conxunto de medidas que  abranguen todos os aspectos do día a día, que buscan que o PDI poida centrarse no que disfruta, que é na docencia, na investigación e na transferencia. E tamén, que cando fagan xestión, atopen ferramentas que axudan.  

Porque o PTXAS debería votar a ConSenso?
Porque o éxito da Universidade e do noso plan depende en gran medida de ter unha estrutura de PTXAS solvente, ben pensada, dotada do persoal necesario. E para iso queremos facer un traballo directo con as unidades e cos servicios para afrontar unha nova RPT que realmente nos dote dos mecanismos e da capacidade de xestión necesaria para levar a Universidade cara ao futuro.

Iso require recoñecemento das tarefas dos PTXAS, planificación, condicións de traballo claras e tamén evitar solapamentos ou intrusismo por parte do goberno. Buscamos unha forma de traballar na que o PTXAS estea moi visible, tanto no goberno, na estrutura da Universidade, como nas responsabilidades colectivas da Universidade. 

Porque o alumnado debería votar a Jacobo Porteiro?
Porque o noso proxecto ten como unha peza fundamental aumentar a vida nos nosos campus, darlle máis oportunidades ao estudantado para que estea cómodo na Universidade, para que teñan ganas de implicarse máis aló da docencia, que por suposto buscamos que sexa excelente. Queremos traballar xunto co estudantado para comprender as súas necesidades, as súas prioridades e aumentar a oferta para que estean máis tempo con nós e mellorar a súa experiencia. E por suposto, axudarlles a ter prazas de residencia, co alugueiro, mellorar en todo o posible a calidade da docencia e os espazos que ocupan. 

Para rematar, se non contases co apoio necesario para ser reitor, cal dos outros dous candidatos preferiría que dirixise a UVigo os próximos seis anos?
Confío en ter o apoio da Universidade, en base á ilusión que vin e ás conversas coa xente. Se mostrase algunha preferencia por algunha das outras candidaturas, estaría condicionando o voto e isto vai ir radicalmente en contra do que eu penso que deben ser unhas seleccións á Reitoría.

Senón fose elixido, todos os que me apoiaron teñen que tomar a decisión de forma persoal e non teño nada que dicir ao respecto. Dito isto, non creo que sexa unha cuestión entre persoas, senón entre modelos e non vexo o modelo que nós propoñemos identificado con ningunha das dúas candidaturas e, polo tanto, non me atrevo a dicir que haxa ningunha das dúas especialmente máis cercana.

 

Carmen García Mateo, candidata de Nós Universidade: “Acabouse iso de habería que, habería que.. Imos, non?”

 

Nunhas horas a comunidade universitaria vai votar. Con esta expectativa, gustaríame saber se nesta conta atrás, sente que podes ser a reitora da Universidade de Vigo?
A ver, temos moi boas sensacións. Percorremos os tres campus e as nosas propostas son ben acollidas, tanto nas visitas que facemos, ao final da miñas presentacións, temos un diálogo cos participantes… e a sensación é que si, que ilusionamos. Esa idea de cambio, esa idea de solvencia, esa idea de acabar coa improvisación cala, xa digo, tanto nas intervencións públicas, como despois nas entrevistas máis privadas.

Esta foi unha campaña que foi moi intensa, tanto o traballo dentro da universidade, e tamén con moita exposición pública. Pero queda coa sensación de que quedou algo por facer ou que se debera facer doutro xeito? 
Moi, moi intensa, porque percorremos todos os centros docentes chamando a toda comunidade universitaria e ás nosas visitas, ás nosas reunións, acudiu PDI, PTXAS, estudantes. Si teño que dicir que votei en falta chegar máis ao estudantado. Si que fixemos moitas iniciativas de achegarnos a eles, moitas reunións con delegacións, pero despois aos encontros globais botamos en falta máis estudantado.

Quizais son os tempos, quizais de volver a empezar buscaríamos medidas ou iniciativas para chegar máis a eles, de forma persoal. Pero son 17.000 e esa parte é complicada. 

A longo dos días que durou esta campaña, pero tamén dos meses coa organización da candidatura, a conformación do equipo e aínda que levas moitos anos na UVigo nestes meses descubriu algún aspecto que descoñecía da institución? Algo que pensaba que era dun xeito e que por este contacto, por esta dinámica de ir máis en profundidade resultou que era doutro?
Levamos ano e medio preparando esta candidatura de forma que se foi intensificando o contacto á comunidade ao longo dos meses. Para min, volveu a ser esa oportunidade de coñecer polo miúdo máis as iniciativas de grupos de investigación, de centros docentes, e coñecer moitas opinións diversas e moita xente. Isto, a nivel persoal  é moi enriquecedor. Pero, a nivel colectivo, o que permitiu é que o noso programa se  enriquecese coas achegas, as opinións, que algunhas poden ser máis informais e outras máis estruturadas. 

Sorpresas? Sorpresas, así de dicir isto non tiña nin idea, non, porque, a parte, non son só eu, senón que todo o meu equipo, que é un equipo moi solvente e moi diverso. Polo tanto, temos imputs practicamente de toda a comunidade universitaria. Alégrate moito que a xente está desexosa de participar con esta xenerosidade e facer achegas non só para o seu interese, senón para o interese do colectivo. E iso non sorprende, alegra.

Ao longo destes últimos meses houbo algún momento que dixera: “por que me metín nisto? Co ben que estaba eu dando clase e investigando”? 
Pois, teño que dicir que si, que ás veces si, pero moi poucas, moi poucas. Nalgún momento, ao mellor, de cansazo físico, non? Pero, en realidade, non, porque se empezamos este proxecto, como te digo, hai ano e medio despois dunha reflexión, sesuda, serena, de dicir, imos a isto, preparámonos para isto. Entón, non, non, non, de ningunha das maneiras. 

E pola contra, houbo algún momento ou moitos momentos non que pensou: “que ben fixen presentándome a reitora”? 
Si, si, iso si, porque era iso, era dicir, o digo moitas veces, non?  Iso de estar cos colegas, con distintos tipos de perfís, e todos dicir: “as cousas non van ben, habería que, habería que…” Acabouse iso de, habería que, imos, non? Entón, si.

Por que un PDI da comunidade universitaria debería votar a Carmen García Mateo?
Bueno, por que nós imos transformar esta universidade, sacala dese estancamento no que está, ese rumbo que leva de cada vez máis, non quería dicir a palabra inacción, por que iso non é certo, pero esa improvisación constante, esa falta de rigor na toma de decisións, non?  Cremos que o percibe a meirande parte do PDI, e nós imos atacar por aí, poñendo en marcha un novo modelo de gobernanza. 

Destacaría sempre esta medida de que nós queremos protexer o tempo do PDI, polo tanto, imos facer unha administración da docencia e da investigación, máis moderna, máis áxil, máis eficaz. 

Por que un PTXAS debería votar a Nós Universidade?
Porque teremos un estilo totalmente distinto, baseado na escoita e no respecto, no respecto dos profesionais. Creo que isto vai marcar a diferenza. Hai moito traballo por diante, en termos de definición da carreira, implantación da carreira horizontal,  os itinerarios de estabilización e de promoción interna, unha nova RPT. Hai moito traballo por diante, pero o estilo é o que remarco. Un estilo baseado no respecto, na escoita e na negociación cos representantes dos traballadores.  

Por que un estudante, unha estudante debería votar a Carmen García Mateo? 
Un campus coidado, unha docencia modernizada, telos moi en conta na toma de decisións, tanto a nivel de goberno, como a nivel de Claustro, de participación, de incentivar por todas as medidas posibles a participación estudantil no día a día da marcha da Universidade. E iso, ao final, tamén, transcende a todo o colectivo.
A sociedade tamén cambiou desde a pandemia, pero a experiencia universitaria ten que ser unha experiencia, completa. Aulas, aprendizaxe, titulacións, por suposto, pero o resto da vida, a programación cultural, a programación deportiva, a atención á diversidade, ou o gabinete psicopedagóxico,  son todo un conxunto de iniciativas dentro dun programa que pretende iso, que a experiencia universitaria dos nosos estudantes sexa completa.

Para rematar, no suposto de que non contase co apoio necesario para ser reitora, cal dos outros dous candidatos preferiría que dirixise a Universidade de Vigo nos próximos seis anos?
O que digo nestes momentos é que non toca neste momento. Imos esperar que pase o mércores. Nós confiamos en pasar á segunda volta.  Incluso, en pasar… á segunda volta, imos ser conservadores, non? Veremos que pasa.

 

Belén Rubio, candidata de H2040: “Quero e sinto orgullo desta Universidade e iso lévame a facer isto” 

 

Nunhas horas a comunidade universitaria vai votar. Con esta expectativa, nesta conta atrás, sente que pode ser reitora da Universidade de Vigo?
Pois si, a veces síntoo. Claro, a responsabilidade pesa tanto que me dá ás veces un pouco de medo. Pero si, teño boas vibracións, creo que temos posibilidade de pasar á segunda volta e que pode ser unha realidade, si.

Traballamos con ilusión, e a verdade é que traballas para gañar, está claro, non? Senón, non me presentaría. Pero, a ver, tamén dá un pouco de medo esa responsabilidade e entón empeza a pesar esa sensación de responsabilidade, de compromiso, que queres respectar todas as promesas, todas as ofertas que temos no noso programa de goberno. Dis, bueno, a ver, a ver se son quen, de chegar a facer todo isto, que en realidade me gustaría facer todo isto, pero si que te dá un pouco de preocupación.

Esta foi unha campaña que foi moi intensa, tanto o traballo dentro da universidade e tamén con moita exposición pública. Pero quedas coa sensación de que quedou algo por facer ou que penses que se debera facer doutro xeito? 
Creo que ao final non chegamos moito aos estudantes, non? É o que me queda certa mágoa, porque aínda que si que os convocamos varias veces, en cada un dos campus, pois ao final tivemos, salvo algunha excepción, por exemplo, nas facultades de Comercio, que tivemos moitos estudantes, normalmente nas que facíamos nos centros os estudantes non viñan e ao final decidimos facer unha xuntanza por campus e con todo, tivemos pouquísima afluencia. Por iso que decidimos poñer o punto final á campaña na residencia de estudantes no campus de Vigo. 

E o que nos demos conta é que, por moito que o intentemos, moitos non sabían que existe un reitor na universidade, nin que función ten. É estraño, non? Porque, en realidade, eles para nos é o principal obxectivo e tamén a razón de ser da universidade. 

A longo dos días que durou esta campaña, pero tamén dos meses coa organización da candidatura, a conformación do equipo e aínda que levas moitos anos na UVigo nestes meses descubriu algún aspecto que descoñecía da institución? Algo que pensaba que era dun xeito e que por este contacto, por esta dinámica de ir máis en profundidade resultou que era doutro?
Descubrín moitísimas cousas e foi súper enriquecedora, porque, nunca tivera esa capacidade de achegarme aos centros coa capacidade de análise e de propostas e de que nos falaran desde os seus puntos de vista. E aí creo que hai algo que temos que continuar. Si finalmente fose elixida reitora, creo que temos que continuar nesta senda. E de feito temos algunhas cousas que propoñemos nese sentido: a escola de decanos e decanas, de directores e directoras de centros, porque cremos que é importantísimo manter ese diálogo.

Da parte de PTXAS, por exemplo, aprendín aspectos que non me parara pensar, porque eu estaba moi centrada na miña vicerreitoría, e aínda que nas reunións de equipo de goberno acabas sabendo moitas cousas, nunca chegas a entrar coa profundidade que logramos durante a campaña e para min iso foi moi importante e satisfactorio. Así que, pase o que pase, é unha experiencia que me levo desta etapa que me parece estupenda e gustoume tela. 

Ao longo destes últimos meses houbo algún momento que dixeras: “por que me metín nisto? Como ben que estaba eu dando clase e investigando”? 
Isto tíñao claro desde cando tomei a decisión, tomeina moi en firme e tíñao moi claro e non, non me arrepentín en ningún momento. Costoume tomar a decisión, pero no momento que a tomei, tomeina en serio e non me arrepentín. 

E pola contra, houbo algún momento ou moitos momentos non que pensou: “que ben fixen presentándome a reitora”? 
Bueno, tanto como iso … Tomei a decisión que creo que era a miña responsabilidade e ao final teño un equipo fabuloso, moi cohesionado, que ten experiencia e que podemos facelo ben, non? Desde esa convicción, porque eu quero a esta Universidade eu téñolle moitísimo aprecio e teño orgullo pola universidade, entón iso me leva a facer isto. Porque creo que o podo facer ben, que o podemos facer ben.

Un equipo tan cohesionado, tan animado, que me animou moitísimo durante toda a campaña e síntome moi acompañada e iso creo que é moi importante. Entón non me volvín atrás en ningún momento, nin me arrepentín.

Por que un PDI da comunidade debería votar a Belén Rubio?
Sobre todo porque temos un plan de carreira clarísima para eles, cunha estabilidade e unha consolidación como vimos facendo ao longo destes anos.
E para o PI, o persoal investigador, o persoal de apoio á investigación, despois de 30 xuntanzas, xa temos negociado e acordado cos sindicatos un convenio colectivo que recoñeza a súa carreira e que tamén teña a súa mesa sindical e poidan reivindicar salarios, vacacións, axudas sociais … para este cuarto sector.

Por que un PTXAS debería votar a H2040?
Porque por primeira vez presentamos á persoa que propoñemos como xerente, que é un exercicio de transparencia. Ten unha experiencia e unha solvencia que demostrou nestes días nas xuntanzas que tivo con eles, entón, esa experiencia creo que vai a permitir que organicemos moito mellor a Universidade e que traballemos todos mellor.

Por que un estudante, unha estudante debería votar a Belén Rubio? 
Porque pensamos neles con novos, novas titulacións, titulacións que teñan empregabilidade, como mellorar a súa vida universitaria, falamos de residencias, de vivendas, de bolsas … entón, creo que teñen moitos motivos polos que poderían votarnos.

Para rematar, no suposto de que non contases co apoio necesario para ser reitora, cal dos outros dous candidatos preferirías que dirixise a Universidade de Vigo nos próximos seis anos?
Esa é unha pregunta difícil, moi difícil. Non teño claro se me vira nesa situación a quen votaría, porque, no fondo, me parece que os programas son tan diferentes. No caso de Carmen, por exemplo, que non faga unha aposta forte pola internacionalización me parece unha eiva moi relevante. E no caso de Jacobo esa aposta polo PDI, que dicía antes de estabilización e de consolidación, tampouco a vexo clara.

Entón, non sei, terían que convencerme un pouco máis e nesa segunda volta, se se dera esa circunstancia pediría que fixeran máis debates e que clarexaran algúns aspectos para poder tomar algunha decisión.