DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras a entrega, este xoves en Redeiras, celebrarase unha festa na praza do Berbés

Últimas horas para elixir os Premios Alumni-UVigo 2025

Os recoñecementos honoríficos serán para Marián Mouriño, José Luis Alonso Mosquera e Alberto Estévez

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Premios
  • Institucional
D. Besadío DUVI 07/07/2025

Quedan apenas unhas horas -ata as 23.59 h. de hoxe luns- para que a Universidade de Vigo peche as votacións das que sairán as gañadoras e gañadores dos IV Premios Alumni-UVigo 2025, unha cita que se vai asentando no verán universitario e coa que a institución académica viguesa busca recoñecer o impacto persoal e profesional das súas egresadas e egresados que destacan polas súas exitosas traxectorias, tanto persoais como profesionais.

Será ás 19.00 horas no edificio Redeiras, nunha gala na que tamén se entregarán os Recoñecementos Alumni-UVigo, galardóns honoríficos a persoas que polo seu labor contribúen ao prestixio e valores da Universidade de Vigo e que este ano recaerán na presidenta do RC Celta, Marián Mouriño, que recibirá o premio Amigo-Alumni; o director da planta de Stellantis en Vigo, José Luis Alonso Mosquera, Alumni-UVigo Distinguido; e Alberto Estévez Suárez, vencellado a Amnistía Internacional desde hai máis de 25 anos, Alumni Honorífico en recoñecemento á súa dilatada traxectoria en dereitos humanos e control de armas.

Tras a entrega de premios, terá lugar unha gran festa final na praza do Berbés, un encontro concibido para que os antigos estudantes poidan atoparse cos que foran os seus docentes, compañeiros e compañeiras, un encontro lúdico pensado tamén para axudar a enriquecer a rede de contactos persoais de cada unha das persoas asistentes.

15 finalistas para cinco premios:

Son en total 15 finalistas: 9 mulleres e oito homes, divididos en cinco categorías: Alumni -Uvigo Traxectoria Profesional, Emprendemento, Humanidades, Impacto Social e Investigación. 

Traxectoria profesional

Na categoría Premio Alumni-Uvigo Traxectoria profesional, o público ten que elixir entre Alexandra Seara, Ana Alonso ou Fernando L. Vázquez. Seara é directora do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e ten desempeñado un papel clave na proxección desta comarca como destino sostible; Alonso é a actual vicedirectora de Citic Hic Gándara Censa e conta cunha sólida traxectoria en xestión da investigación, innovación e transferencia tecnolóxica e, no caso de Vázquez, é científico computacional e profesor universitario en Xapón.

Emprendemento

O Premio Alumni-Uvigo Emprendemento debátese neste caso entre Andrea Area, emprendedora creativa e fundadora de Andrea Area Estudio, unha marca de papelaría artesanal ilustrada con acuarelas; Marcos González, impulsor de Arraigo, iniciativa empresarial que mestura tecnoloxía e sustentabilidade para revitalizar o rural galego; e Samuel López, co-fundador de Neboda Farms, unha firma agrotecnolóxica pioneira en Galicia que aplica técnicas de cultivo sostible, como a acuaponía, para producir alimentos de forma eficiente e respectuosa co medio.

Humanidades

Na categoría Humanidades foron elixidos finalistas Begoña Garrido, Marta Verde e Ramón Méndez. Garrido leva máis de 15 anos dedicándose á educación e difusión do patrimonio galego. Fundadora de Xeitura Xestión do Patrimonio, promove proxectos que combinan xestión cultural, arqueoloxía e innovación social. Marta Verde é unha artista contemporánea galega especializada en arte multimedia e programación creativa. Con máis de dúas décadas de experiencia na industria dos videoxogos, Ramón Méndez traballa como xornalista e localizador, con máis de mil títulos traducidos e ducias de premios recoñecendo o seu labor.

Impacto Social

En Impacto Social son finalistas, Nieves Márquez, enfermeira e profesional da inclusión social e laboral por vocación cunha ampla experiencia en programas de cooperación internacional e de integración e diversidade; Sonia Ramos, enxeñeira de enerxías renovables con máis de 20 anos de experiencia desenvolvendo proxectos de solar fotovoltaica en España e en zonas rurais de África; e Francisco Azpitarte, economista social, profesor universitario e investigador, referente no ámbito da política social, o benestar e do estudo da desigualdade.

Investigación

Na quinta categoría, Investigación, os finalistas son David Fernández, director do Instituto de Agroecoloxía e Sostibilidade Alimentaria da Universidade de Vigo, referente nos estudos sobre solos, contaminación e uso sostible da terra; Rosa Figueroa, graduada en Ciencias do Mar, especialista en ecosistemas mariños profundos, planificación espacial mariña e impacto ambiental, actual directora do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), e Elda Miramontes, xeóloga mariña e profesora no centro de investigación MARUM (Alemaña), centro do que dende hai uns anos é a codirectora, a súa investigación céntrase na tectónica e xeodinámica oceánica, sendo referente internacional no estudo dos fondos mariños e do planeta profundo.