DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor informou nel dos avances na tramitación de posibles novos títulos

O último Consello de Campus do ano abordou as expectativas ante un 2021 “razoablemente optimista”

A sesión tamén contou coas intervencións das vicerreitoras de Ourense e Comunicación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 10/12/2020

O Consello de Campus de Ourense celebrou este xoves de xeito semipresencial a súa última sesión ordinaria do ano. Nela, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, esbozou as expectativas para un 2021 que a institución académica afronta, indicou, dun xeito “razoablemente optimista”. Entre as liñas de traballo abertas de cara á implantación de novas titulacións no campus de Ourense, o responsable académico salientou os pasos que se están dando para acadar, entre outras, dúas iniciativas transfronteirizas como son o Máster Universitario en Desafíos das Cidades Atlánticas e o Programa de Doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento.

Mapa de titulacións

Manuel Reigosa comezou o seu informe ante os membros do Consello de Campus presentes no Edificio de Ferro ou de xeito virtual a través do Campus Remoto da UVigo, facendo balance do estado de tramitación de posibles novos títulos para o campus de Ourense, tendo en conta que este venres está prevista a celebración do Consello Galego de Universidades. Nel, indicou, trataranse, entre outras, as peticións do Máster Universitario en Desafíos das Cidades Atlánticas e do Programa de Doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento, dúas iniciativas que terían sede no campus de Ourense e que xurdiron no marco do Proxecto POCTEP Universidade Sem Fronteiras, proxecto no que participan as universidades galegas e do Norte de Portugal. O primeiro, indicou o reitor, sería dos “primeiros mestrados transfronteirizos” que se desenvolverían, abrindo, indicou, “unha boa liña a seguir”.

Igualmente, Manuel Reigosa amosou as súas boas expectativas respecto á tramitación do mestrado profesionalizante en Enxeñaría Aeronáutica, conxuntamente coa Universidade da Coruña, reiterando a súa confianza de que se poña en marcha o vindeiro curso académico. Coa mesma universidade, aínda que no campus de Ferrol, e tamén coa previsión de arrancar o vindeiro curso académico, Reigosa lembrou como continúa a tramitación do Grao de Relacións Internacionais. Tamén apuntou como se ten acadado o informe favorable ás modificacións do Máster Universitario en Sistemas Aéreos non Tripulados, que se imparte conxuntamente co Campus de Lugo, da USC. Por último, no eido das titulacións, o reitor amosou o seu rexeitamento á petición da USC do Grao de Intelixencia Artificial, lembrando como a petición dese grao feita pola Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense non foi aprobada polo Consello de Goberno por entender que o mapa de titulacións en Galicia está pechado. “Nós faremos todo o que faga falla para que non se implante este grao en Santiago”, afirmou.

Outros temas

Noutro orde de temas, durante a súa intervención, Manuel Reigosa tamén indicou que, unha vez concedida por parte do Concello de Ourense a licencia pertinente, xa están a piques de comezar as obras do proxecto de xeotermia do Edificio de Ferro. “Este é para nós un proxecto moi importante porque vai a permitir un nivel máis alto de sostibilidade e ademais vai poder visualizar que a Universidade no seu conxunto, e moi especialmente no campus de Ourense, está facendo unha aposta polas enerxías renovables, algo que nos parece realmente importante”, sinalou. Tamén amosou a súa confianza en que en 2021 estén preparados os espazos para a instalación no campus da planta piloto e do CACTI e destacou os traballos que se están realizando de cara a acreditación do Campus Auga. Asemade, na súa intervención tamén indicou o reitor como o vindeiro 16 de decembro se presentarán no Claustro da UVigo as liñas programáticas dos orzamentos da institución académica para o vindeiro ano.

Comunicación e campus

A sesión deste xoves tamén contou co informe da vicerreitora do Campus de Ourense. Esther de Blas comezou a súa intervención dando a benvida aos novos membros do Consello de Campus, tres estudantes e o novo director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Humberto Michinel, e agradecendo o traballo realizado polo director saínte deste centro, Arno Formella. Entre outros temas, a vicerreitora trasladou os seus parabéns ao investigador Diego Soto por ter acadado o Premio á Mellor Tese de Doutoramento en Ciencia do Solo, concedido cada ano pola Sociedad Española de la Ciencia del Suelo, e aos seus directores de tese. Igualmente informou das actividades culturais realizadas nestes dous últimos meses, facendo especial mención da homenaxe ao profesor Carvalho Calero, e dos diferentes obradoiros e exposicións. Tamén se referiu ao Campus da Auga e ás convocatorias e actividades postas en marcha no marco deste proxecto de especialización, destacando as teses de doutoramento presentadas xa ao seu abeiro.  

Igualmente, este último Consello de Campus de Ourense de 2020 tamén contou coa intervención da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais. Mónica Valderrama falou sobre o Plan de Comunicación da Universidade de Vigo que, indicou, é o primeiro deste tipo que terá a institución académica e que se está elaborando co obxectivo de acadar “unha harmonización da súa comunicación”. Este plan, sinalou, está “integrado no que é plan estratéxico global da Universidade”, baséase nunha “estratexia de consolidación de marca” e pretende achegar algunhas ferramentas para mellorar a visibilidade da institución académica. Aumentar o sentimento de pertenza á Universidade e fomentar a implicación dos diferentes públicos nesta comunicación son algúns dos retos que persegue este novo plan, apuntou. Nel, subliñou Mónica Valderrama, “a estratexia dixital está moi presente” e neste senso durante a súa intervención a vicerreitora presentou tamén o documento Pautas básicas de publicación nas redes sociais da Universidade de Vigo. Trátase, sinalou, “dun documento totalmente vivo” que recolle recomendacións e pautas que poden ser útiles para as persoas que traballan coas redes sociais na institución académica. Esta guía, apuntou a vicerreitora, pretende igualmente harmonizar e dar coherencia á comunicación que se realiza desde a UVigo, neste caso nas redes sociais. “É importante que todos traballemos comunicando dun xeito similar”, afirmou Mónica Valderrama.