DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O último roteiro cultural deste ano será o único que teña lugar na provincia de Pontevedra

O itinerario comprende un percorrido entre rías de Vigo e Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI DUVI 07/12/2007

As rías de Vigo e Pontevedra serán o lugar de celebración do último percorrido do programa Roteiros Culturais destes ano 2007. Esta iniciativa, que continuará no mes de xaneiro, céntrase desta volta o vindeiro 15 de decembro na ruta Entrerrías que, partindo de Arcade, culminará no Mosteiro de Lérez.
Trátese do único destes percorridos de sendeirismo que se desenvolve na provincia de Pontevedra e, para facilitar os traslados dos interesados, habilitaranse autobuses gratuítos dende Vigo, Pontevedra e Ourense. O traxecto de 20 quilómetros é de dificultade media-alta e propón unha rota por Soutomaior, Ponte Nova, Ponte do Negro, Paredón, Mourente, o Balneario de Monteporreiro e, finalmente, o Mosteiro de Lérez.

Autobuses gratuítos

A ruta a pé sairá de Arcade ás 9.30 da mañá pero os participantes disporán de autobuses que os desprazarán ata ese punto dende os tres campus. Ás 8.15 partirá un bus dende o Concello de Pontevedra, que tamén terá unha parada na rúa Areal de Vigo ás 8.45h. Dende Ourense sairá outro autobús ás 8.00, sendo o retorno de ambos ás 16.00h.
A matrícula está aínda aberta e o prezo é de 8 euros para os membros da comunidade universitaria e de 13€ para os usuarios externos. Tamén existe a posibilidade de inscribirse en todo o programa ou ben en nove dos once roteiros, beneficiándose dun prezo máis reducido.

En xaneiro, a Ribeira Sacra

Despois das vacacións de Nadal, volven os Roteiros Culturais, cun percorrido pola Ribeira Sacra de dificultade alta de 20 quilómetro. A cita será o 12 xaneiro cunha proposta para facer a pé un itinerario que inclúe Arcos, Virxe do Monte, Vilouxe e Santa Cristina.