Promovida polo Campus Crea, terá lugar no mes de abril
Últimos días para inscribirse na II Olimpíada da Creatividade
Dirixida a estudantado de bacharelato, 4º da ESO e ciclos formativos
Dirixida a estudantes de 4º da ESO, bacharelato e ciclos formativos de artes plásticas e deseño, ata o vindeiro martes 20 de xaneiro permanece aberto o período de inscrición na II Olimpíada da Creatividade Campus Crea. Este trámite deberá ser realizado polos seus centros educativos, que poderán estar representados por un máximo de dous equipos de cinco estudantes nun evento no que enfrontaranse ao reto de idear un obxecto cunha “función creativa orixinal”, como recollen as súas bases, a partir da combinación de dous obxectos comúns.
Co obxectivo tanto de “promover e divulgar o coñecemento e espírito científico a través da creatividade” entre o estudantado de secundaria, así como de darlles a coñecer as titulacións do proxecto de especialización, Campus Crea impulsou en 2025 a primeira olimpíada científica que ten na creatividade o seu eixe central. Este evento reuniu 50 alumnos e alumnas de institutos de Pontevedra, A Coruña, Oleiros e O Barco de Valdeorras e desenvolverase novamente neste mes de abril, no edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública.
Aberta a un máximo de 20 equipos
Os centros educativos dispoñen de prazo ata as 14.00 horas do 20 de xaneiro para expresar o seu interese por participar nesta II Olimpíada da Creatividade, remitindo o formulario de inscrición ao enderezo electrónico xes.crea@uvigo.gal. Cada instituto poderá participar nesta competición cun máximo de dous grupos, formados por cinco estudantes, e unha vez pechada a fase de inscrición, as prazas existentes distribuiranse equitativamente entre os centros interesados, por orde de inscrición. Nese senso, desde a organización comunicarán a cada centro as prazas asignadas e disporán ata o 28 de febreiro para comunicar as e os integrantes de cada equipo.
A olimpíada está aberta a un máximo de 80 participantes, divididos nos 20 equipos que poderán tomar parte na primeira fase da competición. Nesta, todos dos grupos recibirán un par de obxectos cos que deberán propor un produto “cunha fisonomía, estrutura ou funcións novas ou orixinais”. Disporán dunha hora para desenvolver as súas ideas, a través dun debuxo, plano ou esquema, que posteriormente deberán expor diante do tribunal avaliador e demais participantes. O xurado seleccionará cinco grupos finalistas, que tomarán parte na segunda rolda da competición, na que recibirán, de xeito aleatorio, “a proposta levada a cabo por outro grupo e terán que darlle continuidade ao proceso creativo”, escollendo centrala, como recollen as bases, nunha das catro áreas do proxecto de especialización Campus Crea: educación, deseño, arte ou comunicación. Neste caso, terán 30 minutos para definir a súa idea, para logo defendela diante do tribunal encargado de decidir os premios que se outorgarán aos tres equipos máis creativos, cuxos integrantes serán agasallados cunha cámara Instax.
