DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As solicitudes poden enviarse ata este mércores 30 de setembro

Últimos días para presentarse ao Premios de Excelencia Académica

Recoñecen a traxectoria do estudantado de novo ingreso cos mellores expedientes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 28/09/2020

Para darlles a benvida e recoñecer o seu esforzo nas etapas educativas previas, a Universidade de Vigo puxo en marcha a convocatoria de Premios de Excelencia Académica, uns galardóns que pretenden poñer en valor a traxectoria do estudantado que se incorpora a estudos de grao ou de mestrado cos mellores expedientes. A convocatoria para este curso 2020-2021 xa está aberta e as solicitudes ponde presentarse ata o 30 deste mes de setembro.

Recoñecer o esforzo, o traballo e o mérito docente. Este é o obxectivo dos Premios á Excelencia Académica, unha convocatoria coa que a Universidade de Vigo, en colaboración co Banco Santander, quere poñer en valor a traxectoria curricular do alumnado que inicia os estudos de grao ou de máster na institución este ano. Trátase de distinguir os estudantes cos mellores expedientes académicos nos estudos previos co fin de incentivar a cultura do mérito e da excelencia e ambas convocatorias estarán abertas ata o 30 de setembro.

Mellores expedientes de novo ingreso en grao

Os premios para o alumnado que inicia os seus estudos de grao están pensados para recoñecer o mérito do estudantado cos mellores resultados académicos na etapa previa ao seu ingreso na UVigo. En total outorgaranse 60 premios: 13 ao alumnado con premio extraordinario de Bacharelato ou Ciclo Superior; 12 ao alumnado clasificado en postos relevantes das fases internacional, nacional ou autonómica dalgunha das olimpíadas científicas; 25 premios ao alumnado con excelente resultado académico no Bacharelato e outros dez premios ao alumnado con excelente resultado académico no Ciclo Superior. A contía dos premios é de 600€, que están destinados a sufragar parte do custo da matrícula no grao. 

Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que se matricule por primeira vez en 1º curso dun grao na Universidade de Vigo sempre e cando cumpra algún dos seguintes requisitos académicos: obter un premio extraordinario de Bacharelato ou Ciclo Superior da Xunta de Galicia no curso 2019/2020; estar clasificado ou clasificada do 1º ao 3º posto da fase autonómica, ou do 1º ao 8º posto das fases nacional ou internacional dalgunha das olimpíadas científicas celebradas no curso 2019/2020 recoñecidas polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, ou pola Consellerías de educación das Comunidades Autónomas, ou aquelas nas que participe algunha Universidade na súa organización; ter unha puntuación igual ou superior a 8,5 puntos no expediente académico no Bacharelato ou 9 no caso de ter cursado un ciclo superior. 

Mellores expedientes de novo ingreso en mestrado

No que se refire aos Premios á excelencia académica para o alumnado que inicia os seus estudos de mestrado, concederanse 15 premios distribuídos por eidos do coñecemento (dous no ámbito de artes e humanidades, outros dous nas ciencias e ciencias da saúde, sete no eido das ciencias sociais e xurídicas e catro no da enxeñaría e arquitectura). En total, destinaranse a esta convocatoria 9000 euros, sendo a contía de cada premio de 600€. 

Nesta convocatoria pode participar as persoas matriculadas por primeira vez en estudos de mestrado no curso 2020-2021 sempre que conten cunha nota mínima que, como se recolle na convocatoria, depende da titulación.