DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco da Cátedra de Feminismos 4.0 impulsada pola UVigo e a Deputación de Pontevedra

Últimos días para presentarse aos Premios GirlGeekCovid, que buscan as mellores estudantes STEM

Outorgaranse dous galardóns de 2000€ e dous accésits de 1000€

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 27/09/2021

A presenza de mozas nas titulacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) segue a ser moi reducida xa que tan só un 25% das mulleres estudan este tipo de carreiras. Por iso, “incentivar, apoiar e fomentar” este tipo de estudos entre as estudantes é unha prioridade para a Cátedra de Feminismos 4.0 impulsada pola UVigo e a Deputación de Pontevedra, máis aínda cando se estima que no futuro o 90% dos traballos vai a pertencer a estes ámbitos. Unha das ferramentas para achegar este tipo de graos ás mozas son os Premios GirlGeekCovid, unha iniciativa que botou a andar en 2020 nun “contexto de pandemia e crise económica, que afecta en maior medida as mulleres, a fin de promocionar e incentivar os estudos STEM, campo no que hai unha menor presenza de mulleres, pese importancia estratéxica deste ámbito na nosa sociedade, o que pode redundar no incremento da fenda de xénero no futuro das novas xeracións”.

6000€ en premios

Esta convocatoria valora, por unha banda, o mellor aproveitamento académico das candidatas e, por outra, a súa motivación explícita para cursas estudos nas ramas STEM. En total repartiranse 6000€, cun premio de 2000€ e un accésit de 1000€ para as titulacións da rama de Ciencias e outros dous de igual contía para as titulacións da rama de Enxeñaría. 

Para presentarse a estes premios é preciso que as alumnas estean matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2021/2022 en 60 créditos en titulacións de grao ou mestrado oficial das ramas de Enxeñaría ou Ciencias dos campus de Pontevedra e Vigo. Para o alumnado de grao é preciso ter superados ata o curso 2020/2021 60 créditos da titulación na que se atopa matriculada e ter unha nota media do expediente ata o curso 2020/2021 igual a 7 nas titulacións da rama de Enxeñaría e a 8 nas titulacións da rama de Ciencias e de Ciencias da Saúde.

Na súa solicitude, as candidatas deberán engadir unha carta de motivación na que se recollan as razóns que as levaron a optar por realizar estudos universitarios no ámbito das STEM. Tamén deberán reflexionar sobre a súa experiencia persoal como mulleres nun ámbito tradicionalmente masculinizado.

O xurado encargado de valorar as solicitudes estará composto por Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade; Soledad Torres, profesora da UVigo; Lucía Muradas; xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e Ana Isabel Amoedo, traballadora social adscrita ao Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra. A puntuación dependerá nun 80% da nota media do expediente en un 20% da carta de motivación.
O prazo de presentación das solicitudes rematará o 30 de setembro de 2021.