DUVI

Diario da Universidade de Vigo

UVigo Motorsport elixiu estes dous circuítos da Formula Student para poñer a proba o seu monopraza

O UM23 rodará este verán en Silverstone e Montmeló

Tamén competirán no Formula Student UK AI para vehículos autónomos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 13/03/2023

Os circuítos de Silverstone e Montmeló son os elixidos polo UVigo Motorsport para poñer a proba o seu monopraza da competición Formula Student, o UM23. O coche, deseñado, construído e pilotado por estudantes da Universidade de Vigo, participará este verán en tres probas, dúas delas na pista británica, onde competirán na proba clásica do Formula Student UK e tamén no Formula Student UK AI para vehículos autónomos, e no Formula Student Spain.

As dúas citas en Reino Unido desenvolverase simultaneamente entre o 19 e o 23 de xullo. Na competición clásica, a máis prestixiosa de toda Europa á que só se pode acceder por invitación, participarán 76 equipos, con tres representantes españois: dúas escudarías da Universidade de Pais Vasco e o UVigo Motorsport. Mentres, na competición de vehículos autónomos serán 20 equipos, con tres representantes españois: a UVigo, a Universidade do País Vasco e a Politécnica de Madrid. 

A cita da Formula Student Spain terá lugar entre o 6 e o 12 de agosto no circuíto de Montmeló. Como explica Óscar Hermida, responsable de Organización e Márketing de UVigo Motorsport, “este evento é o máis grande do seu tipo en España e atrae equipos de todo o mundo que compiten en diversas categorías”. Para esta edición están aceptados xa 90 equipos universitarios, sendo unha cita pola que o equipo vigués desenvolveu “certo cariño, xa que ten lugar en territorio nacional” e na que adoitar competir cada verán, como destaca o representando da escudaría.

En xeral, os tres eventos son “unha oportunidade” para que os integrantes do equipo da UVigo “amosen as súas habilidades e talentos no deseño” e recoñecen estar “optimistas” e tamén “emocionados” por ter a oportunidade de participar “nestas tres importantes competicións” . Como recalca Hermida, “estivemos traballando duro durante todo o ano na preparación do vehículo e estamos ansiosos por amosar as nosas habilidades e destrezas no circuíto”. 

Con todo, estas tres non son as únicas probas nas que foi aceptada a escudaría da UVigo. En total presentáronse ao proceso selectivo de oito competicións e foron aceptados en todas, ”o que pon o equipo nun dos mellores lugares dos últimos anos”. Pero a distancia entre países e a imposibilidade de transportar o monopraza con tan pouco marxe temporal fixo que tivesen que decantarse por unhas probas e descartar outras. 

O UM23

Dende o equipo vigués agardan poder mellorar neste 2023 os resultados obtidos na pasada temporada, na que competiron en Hungría no Formula Student East e en Castellolí no Formula Student Spain. “Foron os mellores da historia do equipo: un 3º posto no Business Plan e un 5º na proba Endurance, modalidade de resistencia que moi poucos equipos logran terminar”. Destacan que “a mellora nos resultados está sendo superlativa”, recalcan, e non só nas carreiras, “senón tamén no que atinxe á presenza nos medios e redes sociais”. 

Para mellorar estes resultados o equipo contará co UM23, un novo monopraza que nace da mellora do vehículo da pasada edición. “Estamos desenvolvendo un coche que intentará mellorar os resultados conseguidos ata agora”, explican, e neste proceso “o feedback obtido das probas feitas ata agora e dos axustes no monopraza da temporada anterior é crucial, xa que amosas os aspectos a mellorar e retocar”. 

70 estudantes para facer realidade un soño

O equipo UVigo Motorsport que debe deseñar, fabricar e competir co UM23 está formado nesta temporada por 71 estudantes, case o dobre que en temporadas anteriores, tras un exitoso proceso de ampliación. Esta extensa base de traballo permite que na escudaría haxa representación de 21 das titulacións das que se imparten na Universidade de Vigo. O alumnado máis numeroso é o de Enxeñaría Mecánica (21) e o de Enxeñaría Informática (12), seguidos polo de Enxeñaría Aeroespacial (8) ou Intelixencia Artificial (4), pero en UVigo Motorsport tamén hai estudantado de titulacións como Educación Social, Enxeñaría de Organización ou Administración e Dirección de Empresas. 

Para organizar un equipo tan amplo, nesta temporada tamén decidiron realizar cambios organizativos, como a creación de subdivisións dentro dalgúns dos departamentos máis grandes, o cal permite axilizar os procesos, ou a implantación dunha nova plataforma de traballo, que mellora tanto a comunicación interna como a capacidade de traballo simultáneo ou o almacenamento de documentos e información.

25 anos de Formula Student

Formula Student (FS) é a competición de enxeñería educativa máis consolidada en Europa e, neste 2023, celebrará o seu 25 aniversario. Con máis de 100 equipos de universidades de todo o mundo participando cada ano, o seu obxectivo é formar enxeñeiras e enxeñeiros novos, emprendedores e innovadores e animar a máis mozos e mozas a comezar unha carreira na enxeñaría. Para facelo posible, os equipos traballan como o farían no mundo real, combinando experiencia práctica de enxeñería con habilidades brandas, incluíndo planificación empresarial e xestión de proxectos.