DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vehículo da única escudaría galega da Formula Student presentouse hoxe 

O UM24 ao descuberto: chasis máis lixeiro, aerodinámica máis eficiente e motor cun novo sistema de refrixeración

En dúas semanas competirá en Assen (Holanda) e en tres en Silverstone (UK)

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 27/06/2024

O curso 2023/2024 que está a piques de finalizar deixaralle a maioría de estudantes un feixe de cualificacións e máis ou menos coñecementos académicos, pero só un selecto grupo de 85 alumnos e alumnas, dunha vintena de titulacións dos tres campus da UVigo, poderá gabarse de rematalo cun coche deseñado e construído por eles mesmos. Son os e as integrantes da única escudaría galega da Formula Student, UVigo Motorsport, os que un curso máis, e xa van nove, os que foron quen de materializar o UM24, o vehículo monopraza co que entre os meses de xullo e agosto competirán nos circuítos de Assen (Holanda), Silverstone (Reino Unido) e Montmeló (España). O traballo de dez meses deste grupo de estudantes, o máis numeroso da historia da escudaría, deuse a coñecer esta tarde nun acto celebrado no salón de actos da Escola de Enxeñaría Industrial, no que o vehículo amosouse publicamente por vez primeira e no que se coñeceron todos os detalles do proceso do seu deseño e construción, as novidades que introduce respecto do antecesor e no que tamén houbo tempo para repasar a historia da escudaría desde o ano 2014 ata a actualidade. 

O presidente e Team Leader de UVigo Motorsport, Denis Pallarés, foi o encargado de exercer de condutor do acto, no que tanto el, como o resto de integrantes do equipo que interviñeron (Fabio Diz, Technical Leader; Pablo Dorrío, responsable de Autónomo; Yeray Méndez, responsable de Chasis; Andrés Gago, responsable de Dinámica; Erik Guillén e Jimena Novás, responsable e integrante de Aerodinámica, respectivamente; David Ulises Tenreiro, responsable de Electrónica; Daniel Reboredo, responsable de Propulsión) manifestaron o seu orgullo de formar parte desta iniciativa, agradeceron o apoio dos patrocinadores e manifestaron as súas expectativas de mellorar os resultados acadados o ano pasado, ademais de detallar polo miúdo todas as melloras introducidas no vehículo ao longo dos meses. 
Pola súa banda, o director da Escola de Enxeñaría Industrial, José Fariña, expresou a súa admiración polo traballo desenvolvido polo alumnado, destacou a colaboración acadada entre diferentes centros e facultades e agradeceu o respaldo dos patrocinadores, “porque a Escola soa non podería soportar isto”, dixo. O director de Área de Servizos Enerxéticos, Camilo Carrillo, desexou sorte ao equipo co novo vehículo, mentres que o catedrático e asesor facultativo do equipo, Jacobo Porteiro, incidiu na importancia “da viaxe e da experiencia que vivides”, ao tempo que gabou o esforzo que aos integrantes do equipo lles supuxo durante meses compaxinar cursar as súas titulacións “cun acto de voluntariado que rouba tempo ao ocio e ao estudo”. 

En representación das administracións públicas, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou a importancia do traballo desenvolvido polo alumnado ao que nun futuro situou incorporado á industria do automóbil ou en centros de investigación. “Cando teñades unha idea, estudiádea infinitas veces e cando tomedes a decisión, liderade e adiante”, dixo o alcalde, que foi, xunto a Denis Pallarés o encargado de descubrir o vehículo, que foi amosado como colofón do acto. Pola súa banda, a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, trasladoulles aos membros da escudaría os parabéns do presidente Alfonso Rueda e referiuse ao UM24 como “un símbolo da excelencia educativa de Galicia”.   

Un vehículo cheo de innovacións e unha experiencia que realiza

 O UM24 é o sucesor dunha saga de vehículos que arrancaron co UM15 hai unha década e respecto do seu antecesor, o UM23, incorpora importante novidades que esta tarde detallaron os as integrantes do equipo. “Reduciuse o peso do chasis, mellorando o rendemento do vehículo. A aerodinámica optimizouse, facéndoa máis eficiente. O motor agora conta un novo sistema de refrixeración e un mapa actualizado que duplica a potencia a baixas porcentaxes do acelerador e mellora a eficiencia a altas porcentaxes. A dinámica dianteira do vehículo optimizouse para unha maior estabilidade e control. E ademais, implementouse un acelerador electrónico (ETC) e engadíronse máis sensores, mellorando así a cantidade de información que temos do vehículo para o seu posterior procesamento á hora de realizar set-ups”, detallan os e as integrantes de UVigo Motorsport. Aínda que a día de hoxe o vehículo é completamente funcional e está listo para correr, o  equipo aproveitará as semanas que restan ata a primeira proba, que se celebrara en Assen entre o 13 e o 18 de xullo, para seguir traballando na optimización de todos os sistemas e pulindo cada detalle para chegar co coche no mellor estado posible ás competicións.

Logo dun curso enteiro traballando no deseño e construción do UM24, as e os integrantes do equipo teñen claro que “é algo ao que se lle dedica moito tempo e esforzo, pero que, cando miras que todo se materializou nalgo que ruxe e corre, paga a pena e sénteste moi realizado despois de todo o que implica, máis despois no momento no que están as competicións e este monopraza no que traballaches sae á pista a amosar con resultados o traballo e todo un ano”, explican os membros da escudaría que agradecen de xeito moi especial a implicación en todo o proceso dos máis de 70 patrocinadores cos que contaron esta tempada. 

En dúas semanas, primeira competición en Assen

O circuito de Assen será o primeiro destino do UM24, que correrá en Holanda entre o 13 e o 18 de xullo, seguiralle Silverstone, onde debutará o equipo autónomo do 17 ao 21 de xullo e as probas desta tempada rematarán en Montmeló do 1 ao 8 de agosto. “Este ano o coche de combustión competirá en Assen e Montmeló, mentres que o coche autónomo o fará en Silverstone, onde a organización nos deixa a todos os equipos o mesmo modelo de coche preparado de condución autónoma, creándose un sistema de igualdade no que só se avalía o software desenvolvido polo noso departamento de autónomo co doutros equipos”, explican as e os integrantes da escudaría. 

O equipo chega ás competicións coa expectativa de mellorar os resultados da anterior tempada, 10º posto en Silverstone e o 6º en Montmeló, a mellor ata o momento, en especial nas probas estáticas. “Temos especial confianza no Cost & Manufacturing, unha das tres probas estáticas ás que nos enfrontamos na que debemos de demostrar a profundidade dos nosos coñecementos sobre os procesos de fabricación e os seus custos derivados. Este ano designamos unha persoa encargada desta proba en calidade de responsable, xunto a un pequeno equipo e tras entregar toda a documentación, podemos afirmar que temos o mellor Cost & Manufacturing da historia do equipo polo que confiamos plenamente en que teremos un bo resultado nesta proba”, sinalan os membros do equipo.