O equipo e o monopraza están xa camiño ao Red Bull Ring
O UM26, rumbo a Austria para arrancar a temporada de Formula Student
Esta primeira competición comeza o domingo e remata o vindeiro xoves
O UM26, o monopraza da escudaría universitaria UVigo Motorsport xa está camiño de Austria para comezar este domingo a temporada de Formula Student no circuíto no Red Bull Ring, en Spielberg.
A expedición, composta por 28 membros do equipo, está tamén en plena viaxe e chegarán a Austria mañá sábado, pasando a noite en Viena e chegando ao circuíto o propio domingo, o mesmo día que o coche, que partiu de Vigo nun camión xunto con todo o equipamento o pasado día 22.
Dende a súa presentación en sociedade o pasado día 7, o equipo continuou coa posta a punto do UM26, pulindo pequenos detalles que foron aparecendo nos test realizados nas ultimas semanas, nos que o coche foi posto a proba tanto “nos aparcamentos da EE Industrial e da Facultade de Filoloxía e Tradución como nas instalacións dun dos nosos patrocinadores, o CTAG”, como detalla Marta Cabo, team leader do equipo.
O primeiro reto, Formula Student Austria
A competición austríaca comeza este domingo e rematará o xoves 30 e nela mediranse 57 equipos de diferentes universidades europeas. “Os primeiros días serán para as probas estáticas”, explica Marta Cabo, como as de deseño de enxeñaría, análise de custes ou plan de negocios, ademais das inspeccións técnicas. Os últimos dous días terán lugar as probas dinámicas nas que o coche ser porá a proba en pista.
“O máis importante nesta primeira proba”, explica a team leader, “ é pasar as inspeccións técnicas da mellor maneira e correr co monopraza. Cremos que temos un coche competitivo pero somos conscientes de que hai moita competencia”. De cara ás probas, o equipo conta con cinco pilotos seleccionados entre os membros do equipo a comezos da temporada. En cada competición hai catro probas de pista e cada piloto pode correr dúas como máximo, polo que a escudaría despraza a Austria catro pilotos oficias e un de reserva: Diego Gándara Dacal, David Conde Varela, Yago del Rio Comesaña, Diego Barreiro Delgado e Javier Valiñas Canedo, como explica Denis Pallarés, technical leader da escudaría.
Para todas e todos os membros da escudaría será, sen dúbida, un verán moi especial, tendo en conta o complicado da temporada tras o incendio que queimou parte das instalacións o 21 de febreiro, un feito que non lles impediu sacar adiante o proxecto e poñer a rodar un coche competitivo con bastantes cambios respecto do seu predecesor, o UM25.
Un coche máis lixeiro e renovado
O UM26 é un monopraza máis lixeiro, cun novo motor e cos sistemas de propulsión e aerodinámica renovados. Como detalla Marta Cabo, os cambios máis importantes respecto do seu antecesor, o UM25, son a redución de peso do conxunto do monopraza, o cambio de motor e o redeseño de todos os sistemas da propulsión, así como un paquete aerodinámico completamente renovado.
A redución de peso débese “á diminución de peso do chasis, pero nesta ocasión, acompañándoo da redución de peso dos demais sistemas, fundamentalmente, de toda a propulsión e do paquete aerodinámica. Cos cálculos actuais, estimamos unha rebaixa de arredor de 25kg”, como explicaban os membros do equipo na presentación.
Respecto da propulsión, as modificacións radican no cambio de motor do Kawasaki ER6N que levaba empregándose dende o ano 2017 a un Triumph Daytona, cos conseguintes cambios realizados nos demais subsistemas. O combustible é etanol, mantendo así este cambio introducido na pasada temporada no UM25, que se converteu no primeiro monopraza de UVigo Motorsport que non empregaba gasóleo.
En relación co paquete aerodinámico, que foi completamente renovado, ademais de contribuír á limitar o peso, tamén implicará “o aumento de eficiencia e do downforce, ademais de mellorar a metodoloxía de deseño e simulación nas primeiras etapas”.
A seguinte cita, en Barcelona
Como vén sendo habitual, a segunda competición na que participa a escudaría universitaria é a de Formula Student Spain que se disputará no circuíto de Montmeló entre o 1 e 7 de agosto. Neste caso, tamén se desprazarán a Cataluña 28 membros do equipo e terán que medir as súas capacidades e as do monopraza con outros 66 equipos.
