DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Todas as universidades públicas presentan o mesmo escrito de alegacións ante os ministerios

Unanimidade do sistema universitario español fronte ao borrador de Real Decreto de Selectividade 

Consideran que “a reforma carece do debido sosego para regular o acceso á universidade"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 31/03/2023

Todas as universidades públicas dos 17 distritos universitarios, confirman a través dun comunicado, a presentación do mesmo escrito de alegacións de 17 páxinas ante os ministerios de Educación e Formación Profesional e de Universidades, logo da publicación o pasado 15 de marzo do novo borrador de Real Decreto, agora denominado “Proyecto de Real Decreto por el que se regulan las condiciones para el acceso y la normativa básica de los procedimientos de admisión a las enseñanzas universitarias oficiales de grado”, coa previsión de aplícalo nas probas de acceso á universidade a partir do ano 2024. 

As 17 universidades públicas sinalan no comunicado que o borrador de Real Decreto non só incide nas probas, tal e como aparecía nos anteriores, senón que incorpora cambios na normativa de acceso e admisión ás universidades públicas. “O Ministerio de Educación y Formación Profesional e o Ministerio de Universidades abriron un proceso de participación, que comezou o 16 de marzo, con data límite para presentar alegacións o 27 de marzo, é dicir, 12 días naturais. Nese limitado espazo de tempo puxéronse de acordo todas as universidades públicas dos 17 distritos universitarios para presentar o mesmo documento, feito que consideramos extremadamente relevante”, sinala Iván Area Carracedo, delegado do reitor na CIUG 

As universidades públicas de Andalucía, Aragón, Comunitat Valenciana, Canarias, Cantabria, Castela e León, Castela- A Mancha, Catalunya, Euskadi, Estremadura, Galicia, Illes Balears, A Rioxa, Madrid, Murcia, Navarra e o Principado de Asturias remitiron a través da páxina web habilitada polo ministerio, o mesmo documento de alegacións co obxectivo de mellorar “substancialmente o texto sometido a participación pública”, sinala o comunicado.

Escrito de alegacións 

No documento consensuado polos distritos abórdanse cuestións como a duración das probas, composición de tribunais, procedementos de reclamación e admisión, prazos para prazas vacantes, cunha vintena de propostas de mellora, que agardan sexan tidas en consideración. No documento, elaborado polas persoas encargadas da organización da probas e a admisión nos graos, e que conta co apoio de todas as vicerreitorías responsables do acceso e admisión nas universidades públicas, detállanse importantes cuestións de carácter técnico relacionadas coa estrutura, organización e procedementos da probas, “cunha postura unánime de que comprometen a viabilidade das probas e os procesos de admisión”, sinala delegado do reitor na CIUG.

Segundo o escrito, “as universidades públicas españolas consideran desleal non facer mención ás crecentes sinais de inquedanza que lles traslada o profesorado de Bacharelato, orientadores e harmonizadores das materias, compartindo a fonda preocupación pola viabilidade de implantar o modelo e avaliación por competencias o vindeiro ano, pois son demasiadas as incógnitas e demasiado pouco tempo para incorporalas a un Bacharelato con currículo novo, novos materiais e un modelo de avaliación nunca ensaiado en segundo de Bacharelato e descoñecido a ollos de quen debe dar as instrucións desde as universidades sobre as directrices concretas de cada materia”. 
 
Xunto a esta advertencia, que pon o foco nas serias dúbidas sobre a posibilidade de implementar as reformas sen suficientes garantías para un proceso, no que o alumnado se xoga boa parte do seu futuro, as universidades destacan os efectos perniciosos dalgúns piares do borrador do Real Decreto. É o caso, por exemplo, da duración dos exames que, ao pasar de 90 a 105 minutos, obrigará a aumentar os días de duración das probas ata o seis días, “prolongando innecesariamente o estado de tensión do alumnado en detrimento do seu rendemento”.  Nesta cuestión, insisten as universidades, a proposta supón de facto a exclusión do acceso á universidade do estudantado que ten dereito a adaptacións de máis tempo, “pois este colectivo se enfrontaría a algo impensable, como tres ou catro exames diarios de 145 minutos, durante varias xornadas”, sinala o comunicado. 

No escrito de alegacións, detállanse ata 19 alegacións máis sobre procedementos de reclamación, prazos, composición de tribunais, estudantado estranxeiro, estudantes con estudos universitarios, procesos de admisión ou criterios de adxudicación de prazas, etc. “Todo elo termina debuxando unha percepción clara de que a reforma que se propón carece do debido sosego na toma de decisións e da tranquilidade  suficiente para regular algo de tanta trascendencia social, e repercusión de todo tipo, como como é caso das probas que permiten o acceso á universidade”, conclúe o comunicado.