DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ante o aumento das agresións deste tipo tras a pandemia

A Unidade de Igualdade dedica o seu calendario de 2023 á loita contra as violencias machistas dixitais

Recomenda diferentes páxinas, colectivos e ferramentas que loitan para facer fronte a este fenómeno

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
D. Besadío DUVI 09/12/2022

Baixo o lema Universidade de Vigo, espazo libre de violencias machistas, a Unidade de Igualdade dedica o seu calendario de 2023 á loita contra as violencias machistas dixitais, un fenómeno ao que se refiren como “xeneralizado e xenerizado”, que afecta maioritariamente ás mulleres, e que só se pode combater e previr desde o acceso á información, aos coñecementos e aos servizos aos que elas poden recorrer para a súa protección e defensa. 

Pártese da explicación xeral do concepto, no mes de xaneiro, empregando para isto a definición que establece en Galicia a Lei 15/2021, na que se determina que “a violencia de xénero en liña é todo acto ou conduta cometido, instigado ou agravado, en parte ou na súa totalidade, polo uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), como internet, plataformas de redes sociais, sistemas de mensaxaría e correo electrónico ou servizos de xeolocalización coa finalidade de discriminar, humillar, chantaxear, acosar ou exercer dominio, control ou intromisión sen consentimento”. Trátase, tal e como se expón no mes de apertura do calendario, dun fenómeno “cun forte e virulento compoñente sexual utilizado coa intención de crear un clima de terror e de odio viral que serve para controlar a vida das mulleres no espazo público dixital”. 

“O 80% das mozas de entre 16 e 24 anos sufriron ciberacoso”

A partir dese mes inicial outras once páxinas, unha por cada mes, van engadindo diferentes aspectos relacionados coas violencias machistas dixitais sobre os que convén familiarizarse. Febreiro chega co lema Historicamente desiguais, tamén no ciberespazo, onde se explica como os niveis deste tipo de violencia medraron de xeito acelerado tras a emerxencia sanitaria provocada pola covid-19, ata o punto de que “o 80% das mozas de entre 16 e 24 anos sufriron ciberacoso nas redes sociais”, segundo os datos dun recente estudo presentado polo Instituto das Mulleres do Ministerio de Igualdade.

Unha escalada... imparable? Así se titula o mes de marzo, unha páxina cargada de datos que dá boa conta da importancia deste fenómeno. Abril dedícase, pola súa banda, a analizar este tipo de prácticas  como algo “multixurisdicional, transnacional e anónimo”, xa que os actos de abuso poden cometerse fóra da xurisdición de quen está a ser acosada ou agredida e baixo o abrigo do anonimato. Quen agride e como o fai? É a pregunta a que se trata de responder no mes de maio, así como en xuño, un mes centrado sobre todo nos diferentes tipos de ataques individualizados, aqueles que buscan “desvalorizar, ridiculizar, anular, acosar...”.

‘O virtual é real’

A explicación máis detallada sobre que é a violencia sexual dixital chega en xullo, e continúa a afondarse neste tema en agosto (Os homes que odiaban as mulleres). Os discursos do odio –“emitidos desde foros, youtubeiros, administradores, tuiteiros ou influencers”-  protagonizan tamén o mes de setembro (Calcular a toxicidade) e tamén o de outubro, onde se explica que a denominada manosfera –rede de comunidade de homes en liña que promoven o antifeminismo e o sexismo-  “está a actuar como un dos novos aparellos ideolóxicos do patriarcado”.

“O dano que infrinxe a violencia machista dixital non queda no teléfono ou no ordenador, é real e afecta á vida e á saúde das mulleres”. Así arranca a páxina de novembro, O virtual é real, na que se explican algunha das consecuencias deste tipo de violencia e que inclúen desde o medo e a ansiedade ata falta de concentración, perda de autoestima, pensamentos suicidas... Que non nos apaguen. Así se chega ao mes de decembro, a páxina de peche do almanaque, na que se dan exemplos de distintas formas de apoderamento das mulleres.

Xa dispoñible en papel e pdf

O calendario inclúe a recomendación de diferentes páxinas, colectivos e ferramentas para facer fronte a este fenómeno, así como un glosario no que se inclúe unha vintena de termos relacionados con todas estas cuestións. A versión impresa comezou a distribuírse este mércores para a súa recollida nas conserxerías das facultades, escolas e centros ata esgotar existencias e, a maiores, tamén está dispoñible en formato pdf na web da Unidade de Igualdade.